Twitter autoriza o inicio do proceso de tradución ao galego

Twitter en galego Dominio Público Praza Pública

O Centro de Traducións inclúe a lingua galega na lista de idiomas que contarán cunha versión da rede social nos vindeiros meses. Tamén anima a todas as persoas interesadas en colaborar na tradución a que se inscriban na páxina

O galego é unha das 16 linguas que se incorporan, xunto co irlandés, tamil, galés, serbio, búlgaro, kurdo, vietnamita, croata, romanés, letón, canarês, bielorruso, bengali, albanés e eslovaco. As traducións apróbanse autmaticamente usando un algoritmo que ten en conta os votos da comunidade. Na actualidade Twitter está dispoñible en 33 linguas, despois de que en xuño se incorporasen seis máis, entre elas o catalán e o euskera.

Criticase que dende a Xunta se lance a idea de que o twitter en galego vai chegar pola acción da administración cando finalmente foi a intensa actividade da comunidade tuiteira galega a que acadou o obxectivo.

Dende o colectivo de persoas que iniciaron a campaña Twitter en galego sinalan a súa sorpresa por que esta boa nova chegase tan pronto e salientan que é un traballo "que se fixo entre todos, foi un movemento de indignación". De igual xeito criticaron que dende a Xunta se lance a idea de que o twitter en galego vai chegar pola acción da administración cando finalmente foi a intensa actividade da comunidade tuiteira galega a que acadou o obxectivo.

Afirman que o importante agora é concienciar á xente para que se faga tradutora e se consiga completar a versión en galego no prazo máis breve posible, se cadra nunhas semanas, coma no caso do catalán ou do vasco. Abonda con entrar na páxina do Centro de Traducións e ali ou ben traducir palabras ao galego ou ben votar as propostas de tradución feitas por outros usuarios. As opcións máis votadas serán as finalmente escollidas.

 

Un logro colectivo

Cando a empresa comezou a falar da posibilidade de abrir o seu servizo a outras linguas, un grupo de internautas puxeron en marcha a iniciativa Twitter en Galego, co obxectivo de "activar a comunidade twitteira galega para reclamar a posibilidade de tradución ao galego facendo ver o peso que ten esta lingua no seu sistema e que hai un certo interese en dispoñer desta funcionalidade, ademáis de demostrar a dispoñibilidade dos usuarios para enfrontarse a unha tradución conxunta do sistema". 

Nestes meses, conseguiuse que #twitterengalego fose TT a nivel estatal, e forxouse unha certa sensación de comunidade, ademais de quedar claro que existían mans e cerebros dispostos a traballar nas traducións: o proxecto creado en GalegoLab reuniu moi rapidamente as 130 horas de traballo voluntario que se calcula que serían necesarias. A conta da iniciativa conta con case quince mil seguidores e seguidoras, e os seus impulsores salientan que "Twitter en galego son todas aquelas persoas que reivindican unha rede social en galego, traballan día a día, aportando ideas e melloras e axudan a difusión da súa mensaxe na mesma lingua. Porque cada “tuit” que sexa en galego, contribúe un chisco máis, a crear unha normalización do galego nas redes sociais"

Twitter en galego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.