Europa camiña cara ao Open Access na investigación

Open Data CC-BY-NC-ND http://sergiocruz.codigofuerte.net

A investigación e as publicacións cientificas serán de libre acceso en Europa en poucos anos, seguindo o espírito do open data. Así o asegura Neelie Kroes, vicepresidenta da Comisión Europea e responsable da Axenda Dixital da UE, que hai uns días interveu en Helsinki no Open Knowledge Festival.

O obxectívo é que no 2020 todas as publicacións cientificas serán de libre acceso

O obxectivo é que no 2020 todas as publicacións cientificas serán de libre acceso, conseguindo varios fins a un tempo: un máis xeral de promoción do coñecemento aberto, achegando un servizo a investigadores e á cidadanía en xeral. A estratexia europea, que tamén obrigará os Estados membros a contar con normas de open data dende o 2014, terá un custe de 60 millóns de euros anuais, pero suporá tamén un aforro inmediato para as universidades, por exemplo. O obxectivo inmediato é que xa en 2016 o 60% da produción cientifica sexa de consulta aberta. Segundo un estudo realizado pola UE o 84% dos investigadores declara que o acceso á literatura cientifica non é "óptimo".

A propia Neelie Kroes afirmou que o feito de abrir os datos públicos na UE poderia xerar 40 mil millóns de euros de beneficios cada ano a través de novas aplicacións e servizos. Os estudos da UE denuncian que o acceso adiado ás últimos adiantos da investigación poden suporlles ás pequenas e medianas empresas até dous anos de atraso no desenvolvemento dos seus proxectos.

Neelie Kroes afirmou que o feito de abrir os datos públicos na UE poderia xerar 40 mil de millóns de euros de beneficios cada ano a través de novas aplicacións e servizos

Cada ano publicanse máis de 2.5 millóns de artigos de investigación e ao redor do 15%-20% xa están en acceso aberto. Na actualidade todos os artigos depositados dos produtos da investigación financiada pola UE están libremente accesibles a través do portal www.openaire.eu, que tamén apoia “un depósito especial para os artigos cuxos investigadores non dispoñen dun repositorio institucional ou temático onde facelo”. Nos Estados Unidos, de igual xeito, o Congreso obrigou recentemente os investigadores que reciben axudas do Estado a publicar os seus estudos en revistas con politicas de acceso libre.

As universidades destinan ao redor do 3% do seu orzamento á subscrición a revistas cientificas

Calcúlase que as universidades destinan ao redor do 3% do seu orzamento á subscrición a revistas cientificas, en papel ou dixitais. Con todo, nos últimos anos as subscricións foron diminuindo por mor dos recortes nos presupostos dos centros. Estas revistas teñen ademais un custe moi elevado -mesmo varios milleiros de euros cada ano- polo relativo oligopolio do que veñen gozando até agora as súas editoras, e polas subscricións automáticas de moitos centros públicos.

Open Data CC-BY-NC-ND http://sergiocruz.codigofuerte.net
Neelie Kroes, responsable da Axenda Dixital da UE Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.