0 Gardados para despois

O galego atópase en risco de "extinción dixital"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O galego, xunto ao catalán e ao éuscaro, atópase en risco de “extinción dixital” debido ao pouco apoio que ten nas novas tecnoloxías, segundo un estudo da Universitat Politècnica de Catalunya (UPC) e a Universitat Pompeu Fabra (UPF).

Ambas as dúas universidades, que participan na rede Meta-Net, formada por centros de 34 países que poñen os alicerces tecnolóxicos dunha sociedade da información multilingüe en Europa, advirten que logo de analizar áreas como a tradución automática, a interacción coa voz, a análise textual e a disponibilidade de recursos lingüísticos, estas tres linguas teñen unicamente un apoio “parcial”. Esta situación colócaos no grupo de alto risco, ao igual que idiomas como o búlgaro, o grego, o húngaro ou o polonés.

A rede de investigación Meta-Net destaca o apoio "parcial" do galego e pon en dúbida a súa supervivencia na era dixital

O traballo de investigación, elaborado por máis de 200 expertos e publicado na serie Libros Brancos Meta-Net, pon en dúbida a supervivencia do galego, o catalán e o éuscaro na era dixital e compara o seu apoio “parcial” co “excelente” do inglés e o “bo” do castelán, o francés, o alemán, o neerlandés ou o italiano. 

En canto ao galego -ao igual que o basco-, o estudo destaca que o apoio tecnolóxico que recibe “é feble ou inexistente” nunha área, a da tradución automática. Así, indica que 21 das 30 linguas analizadas teñen cando menos unha área con esta mesma cualificación, o que as sitúan en perigo de extinción dixital. O catalán, aínda que tamén en alto risco, recibe unha nota un pouco maior e os resultados son “moderadamente optimistas”, segundo os investigadores, logo de que nos últimos anos se distribuísen un gran  número de recursos lingüísticos nesta lingua e despois do apoio recibido pola Generalitat de Catalunya ou da Generalitat Valenciana. 

O apoio tecnolóxico do galego e do éuscaro é "feble ou inexistente"; o do catalán é algo mellor

Para o estudo, queda clara que “a industria das tecnoloxías da lingua que transforma a investigación en produtos é pequena”. “Isto débese a que as linguas minoritarias non son un obxectivo primordial pero as grandes empresas que actualmente dominan o sector”, denuncia. Ademais, destaca que, comparados con outros idiomas, o catalán, o galego e o éuscaro sitúanse a un nivel semellante ao danés, o grego, o sueco ou o húngaro, linguas oficiais de países da Unión Europea.

Xusto no 26 de setembro, xornada na que se celebra o Día Europeo das Linguas, o informe de Meta-Net procura concienciar sobre a necesidade de prestar atención ao desenvolvemento das tecnoloxías lingüísticas. Por unha banda, para avanzar na construción dun mercado dixital único que mellore a libre circulación de bens, produtos e servizos, pero tamén polo propio interese da diversidade lingüística e cultural europea. Así, insta os responsables políticos e as emprsas a que aprendan a valorar unhas tecnoloxías que costan moito, pero que son necesarias e rendibles.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.