Os fondos para I+D descenden a niveis de 2005 e case a metade quedan sen gastar

Concentración de investigadores diante da sede da Xunta de Galicia o pasado decembro CC-BY-SA Precarios Galicia

Os recursos destinados a I+D nos orzamentos de 2012 descenderon a niveis de 2005, segundo o informe ‘O investimento en I+D+i nos Orzamentos Xerais do Estado 2012’ que a Confederación de Sociedades Científicas de España (Cosce) presentou o xoves en Madrid. O informe, realizado polos investigadores José Molero, da Universidade Complutense de Madrid e José de No, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), revela que os investimentos en ciencia nos Orzamentos de 2012 reducíronse un 28% con respecto a 2011.

Para Molero isto revela “que non lles interesa a ciencia” e supón “restricións de primeiro nivel para o futuro científico e económico do país””. Unha das partidas que máis se reduciu este ano foi a dedicada aos fondos transferidos ás comunidades autónomas para a investigación, que pasou de 330 millóns en 2011 a 145 millóns en 2012.

Ademais, case a metade dos devanditos fondos quedaron sen gastar. En 2011, dos 8.590 millóns de euros de orzamento total para I+D, o Goberno non executou o 42,4%. É dicir, deixou sen gastar máis de 3.000 millóns de euros que deberían empregarse no sistema de investigación. A este respecto Molero salientou que “nos orzamentos sinálase que se van a destinar 8.000 millóns, pero logo só recibimos 5.000, a nós dános o mesmo a cantidade que establezan porque ao final sabemos que non é real. É unha fraude”.

Os responsables do informe esixen que a que se dedicaron finalmente esas partidas

Aínda non se coñece a execución dos orzamentos de 2012 pero si a de 2011. Case a totalidade dos fondos non gastados corresponden a créditos, o que nas partidas aparecen como operacións financeiras, que non se adxudicaron. Até o ano 2009, a cifra destes créditos a disposición do sistema de I+D creceu dunha forma espectacular. Pero nunca se chegaron a gastar de forma completa. En 2009, case o 21% quedou sen gastar; en 2010, case un 31% e en 2011, un 42,4%. Os responsables do informe esixen que a que se dedicaron finalmente esas partidas.

Pola súa banda, José de No afirmou que “o máis grave non é a falta de diñeiro en si, senón a falta de expectativas que teñen os mozos investigadores. Os grupos de investigación estamos a quedarnos sen xente porque ou marchan á empresa privada, ou marchan ao estranxeiro””.

Concentración de investigadores diante da sede da Xunta de Galicia o pasado decembro CC-BY-SA Precarios Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.