0 Gardados para despois

O bipartito logrou os fondos do Plan de Banda Larga do que se gaba Feijóo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

"O Goberno galego e o Ministerio de Industria investirán case 100 millóns de euros no desenvolvemento de infraestruturas de telecomunicacións (...), o convenio autorizado permitirá sufragar o despregue dunha rede de acceso a Internet de banda larga en Galicia por importe de case 94 millóns de euros". O 9 de outubro de 2008 o Consello da Xunta, presidido por Emilio Pérez Touriño, daba luz verde á Consellería de Innovación e Industria, daquela dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, para asinar unha engádega ao convenio subscrito dous anos antes co Ministerio de Industria dentro do chamado Plan Avanza. O acordo traía consigo 99,9 millóns, dos que 98,9 eran achegados polo Estado en forma de empréstito ao 0% e, anunciaba a Xunta, estarían destinados na súa práctica totalidade -94 millóns- a despregar "unha rede de acceso a internet de banda larga".

O bipartito negociou co Estado un empréstito "a interese cero e a pagar en vinte anos"

Algo máis dun ano despois, a comezos de 2010, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, con dependencia directa da Presidencia da Xunta, anunciaba a posta en marcha do Plan de Banda Larga 2010-2013. Baixo o lema "a chave da Galicia do futuro", o documento sinalaba que o obxectivo do Goberno era "garantir a dispoñibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade" a "todos os galegos". No apartado dedicado a explicar o orzamento do plan, a Secretaría Xeral sinalaba que "conta cun financiamento de 102 millóns de euros procedentes da Xunta de Galicia". Se ben esa aseveración non deixa de ser certa -os fondos estaban xa nese intre nas arcas da Xunta-, altos cargos do anterior Goberno confirman a Praza Pública que se trata "dos mesmos cartos" que logrou o bipartito "a interese cero e a pagar en vinte anos", aínda que o PP "asegurase ao chegar ao Goberno que xa foran gastados".

As mesmas fontes admiten que, en boa medida, o Plan de Banda Larga recolle moitas das accións previstas no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) do bipartito, que non puido desenvolver as actuacións de banda larga porque os fondos chegaron "dous meses antes das eleccións". Tras o cambio de Goberno, aseguran, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo "fixo moi pouco investimento" polo momento. Non en van, nos Orzamentos do propio 2010 non aparecía partida ningunha para a "extensión da banda larga", nos de 2011 este concepto estaba financiado con 9,3 millóns e nos de 2012 achega 12,8.

Rexeitado polo PP dende a oposición

É este Plan de Banda Larga o que levou ao presidente da Xunta o pasado luns a afirmar que "nove de cada dez galegos" teñen xa "acceso pleno a Internet", unhas cifras das que os anteriores responsables destas áreas do Goberno dubidan, se ben non negan que "algo se está a facer", tamén apoiado "nos propios tempos". A conexión a Internet era un ben de "consumo" moi necesario "para o 30% da poboación en 2007" e agora, explican, esas cifras eleváronse ata "o 60%". "Hai maior demanda" e por iso, detallan, as empresas de telecomunicacións son máis proclives a investir -sobre todo, a única operadora galega do sector, abondan-.

Neste contexto, os que foran xestores do PEGSI agardan que, "polo desenvolvemento do país", se poidan chegar a cumprir as cifras que o presidente xa dá por feitas, dado que o plan do bipartito "xa formulaba chegar ao 90% da poboación en 2010". Daquela, lembran, o PP "negábase a aprobar o plan" por non considerar real ese obxectivo. Nomeadamente, o daquela voceiro de Industria do PPdeG e actual director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, instaba a Fernando Blanco no Parlamento a "deixarse de plans", que non traían consigo máis ca "propaganda", e "presentar resultados". Nesta liña, Tahoces argumentaba que non cumpría un plan específico porque "a estratexia en materia de sociedade da información está determinada na Axenda de Lisboa" da UE. Sobre achegar a banda larga ao 90% da poboación, o popular preguntábase "por que" a Xunta "discrimina ao 10% dos cidadáns".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O persoal que queda na Fundación Calidade teme ser vítima da reforma laboral

"Apoiaranse nos despedimentos obxectivos por razóns económicas, agora teñen carta branca para facelo". Quen fala é o voceiro do comité de empresa da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, máis coñecida como Fundación Calidade. Despois de tres anos de despedimentos -moitos deles declarados nulos pola Xustiza por, entre outros motivos, "represión sindical"-, este ente creado polo Goberno de Manuel Fraga e utilizado polo bipartito para xestionar boa parte dos seus plans tecnolóxicos está ao borde da "extinción" dentro do "plan de racionalización" de entes paralelos aprobados polo Goberno mentres parte das súas funcións se lle encomendan a empresas privadas.

Das 230 persoas que compuñan o cadro de persoal da Fundación ao comezo da lexislatura quedan pouco máis de 100. "O que acontecerá" co "persoal laboral fixo" dependerá "do decreto de integración" das funcións da Fundación Calidade na nova Axencia de Innovación. Cos demais, "os indefinidos e temporais" que están, entre outras funcións, xestionando axudas de I+D asumen que "a final de ano remataremos contrato". A reforma laboral acabada de aprobar, din, permite que a Xunta o poida facer sen problema ningún.

Dende a preocupación polos propios postos de traballo, Santomil coida que, malia ao que "vende" a Xunta "en materia de modernización e I+D, isto non acaba de arrancar",en boa media porque moitas das convocatorias de axudas previstas "non se sacan". Son unhas subvencións "vitais" para manter ás empresas do sector en Galicia pero tamén para manter o persoal da Fundación. Se non hai axudas, explica o voceiro dos traballadores, "poden xustificar os despedimentos por falta de carga de traballo" grazas á reforma laboral.

Malia á redución das axudas, quen asume o traballo da Fundación? "Todo o relacionado coa banda larga, coas axudas para a implantación de Internet nos fogares" e outras liñas semellantes "foi externalizado", isto é, privatizado, ata o punto de que técnicos de empresas privadas "viñeron traballar ás nosas oficinas e, a raíz da presión sindical, conseguimos que foran traballar a outro sitio".

Só no pasado verán estas privatizacións superaron o medio millón de euros. Nomeadamente, a Fundación iniciou o pasado verán os trámites para contratar varios servizos privados para realizar o labor que antes facían os seus propios traballadores. Así, por exemplo, 121.500 euros foron para un servizo de "consultoría para o fomento do software libre", 104.000 euros máis IVE para unha "consultoría en actuacións derivadas da Axenda Dixital Galicia 2014.gal" e outros dous contratos, de 163.000 e 122.500 para, precisamente, desenvolver e facer seguemento do Plan de Banda Larga. 

Malia todo isto, os traballadores que quedan na Fundación Calidade afirman para Praza Pública que "España está nos niveis máis baixos de Europa e Galicia, nos máis baixos de España" no que atinxe á implantación das tecnoloxías da información e da comunicación pero "van vendendo que somos o Sillicon Valley de Europa". "Faríalles falta documentarse máis", ironizan.