Cinco medidas para estimular o uso de software libre en Galicia despois do 21-O

Sesión de apertura dunha edición anterior da LSWC Dominio Público Praza Pública

Os vindeiros 18 e 19 de outubro terá lugar en Compostela a Libre Software World Conference 2012, o maior evento que se desenvolverá no Estado relacionado con este tema. Coincidindo con el, o Espazo Ecosocialista Galego, integrado en Alternativa Galega de Esquerda, presenta unha serie de propostas para promover as tecnoloxías libres, relacionadas tanto co fomento empresarial, o seu uso na administración pública e no ensino, ou o establecemento de licencias copyleft para os traballos culturais, científicos, de investigación ou calquera outro resultantes e financiados na súa totalidade ou en parte, con fondos públicos.

O obxectivo principal é axudar a reducir e eliminar a "fenda dixital" entre sectores sociais e hábitats, promovendo o desenvolvemento global do uso das novas tennoloxías

O obxectivo principal é axudar a reducir e eliminar a "fenda dixital" entre sectores sociais e hábitats, promovendo o desenvolvemento global do uso das novas tennoloxías: "a realidade amosa que namentres o seu emprego medra de xeito exponencial nas sociedades ou núcleos máis desenvolvidos, outra parte da sociedade ten dificultades de acceso, o que provoca o coñecido como “fenda dixital” que aumenta na cidadanía as diferenzas sociais, económicas, xeracionais, profesionais, formativas...". Para os Ecosocialistas "as actividades neste sentido da administración pública en xeral e da galega en particular teñen sido erráticas, dubitativas e lentas, propias dunha actividade interesada puntualmente en obxectivos concretos e non na consecución da meta final".

Proponse apoiar a pequena e mediana empresa produtoras de software e hardware libre

As propostas comezan por un chamamento a asegurar a participación do conxunto da sociedade nos diferentes procesos (identificación de problemas, estudo de solucións, definición de obxectivos a curto e medio prazo...) para "construír unha política inequívoca da tecnoloxía e coñecemento libre". En canto ás iniciativas concretas, apóstase polo apoio "ás plataformas que garantan unha industria localizada de software e hardware libre, a través da incorporación de empresas". Tamén se defende a posta en marcha de "mecanismos efectivos para incrementar e axilizar o uso no ámbito empresarial, con especial apoio aos autónomos e pequena e mediana empresa a través de axudas para a formación, instalación, migración, mantemento...". Proponse por último apoiar a pequena e mediana empresa produtoras de software e hardware libre, así como ás vinculadas que completan a actividade (formación, asesoramento, instalación, migración, mantemento...).

Tamén se demanda un desenvolvemento do marco normativo que favoreza o seu impulso e axilice a súa implantación no conxunto da sociedade. Esta lexislación, segundo a proposta, ten que incluír o establecemento do pleno aceso ás novas tecnoloxías e ao seu libre emprego como un dereito da cidadanía con especial atención na eliminación das dificultades de acceso sexan: xeográficas, sociais, culturais, económicas, físicas (motrices), ou sensoriais (visuais, auditivas...) ou calquera outra.

Reclámase igualmente o establecemento do software libre como o estándar de utilización  na administración pública

Reclámase igualmente o establecemento do software libre como o estándar de utilización  na administración pública. Deste xeito proponse definir os mecanismos polos que a administración pública partillará entre si o seu propio software e o porá a disposición da cidadanía. E tamén establecer o emprego en todos os ámbitos e niveis da administración pública dos formatos de arquivos estándares e abertos, "definindo os prazos de implantación e o procedemento sancionador". Pídese así mesmo establecer as licencias tipo copyleft para a documentación resultante dos procesos e traballos da administración pública e tamén para os traballos culturais, científicos, de investigación ou calquera outro resultantes e financiados na súa totalidade ou en parte, con fondos públicos.

Apóstase por "asegurar e incluír as tecnoloxías libres na educación a tódolos seus niveis"

Finalmente, apóstase por "asegurar e incluír as tecnoloxías libres na educación a tódolos seus niveis: primaria, secundaria, profesional, universitaria e formación continua, fomentando metodoloxías de traballo comunitario e colaborativo que promovan a formación dunha cultura reflexiva e responsábel da tecnoloxía".

Sesión de apertura dunha edición anterior da LSWC Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.