As conexións a Internet en Galicia crecen o triplo ca no conxunto do Estado

As conexións de 20 Mbps son as que ofrecen peores datos de velocidade de descarga Dominio Público Praza Pública

Os últimos datos  proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e comunicación nos fogares en 2012 indican que conexión a Internet está presente no 63% dos fogares galegos, un 18,2% que en 2011. Deste xeito Galicia acurta distancias coa media estatal que está no 67,9%. Este incremento é o maior rexistrado en Galicia nos catro últimos anos e case triplica ao incremento do Estado (6,3%). Galicia crece por riba do conxunto do Estado e reduce fenda dixital coa media estatal en case seis puntos pasando de 10,6 puntos en 2011 a 4,9 puntos en 2012.

Galicia crece por riba do conxunto do Estado e reduce fenda dixital coa media estatal en case seis puntos pasando de 10,6 puntos en 2011 a 4,9 puntos en 2012

En canto ao tipo de conexión, o 62,3% dos fogares de Galicia están conectados á Rede mediante banda larga, un 20,7% máis ca no ano 2011 mentres que no conxunto do Estado a media é do 66,7% e o incremento foi dun 7,8%. A Comunidade ascende tres postos no ranking autonómico, tanto no acceso de Internet coma no tipo de conexión de banda larga.

Cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia un 30,5% accede a través dun dispositivo de man (teléfono móbil de últimas xeracións), 3,6 puntos máis que a media estatal. A conexión a Internet a través de rede por cable ou fibra óptica sitúase nun 24,3%, máis de 7 puntos por riba da media estatal (17%).

A conexión a Internet nos núcleos de poboación de 50.000 a 100.000 habitantes supera á media estatal en 2,3 puntos

O hábitat poboacional segue a ser un dos factores que determinan claramente a fenda dixital existente en Galicia, non obstante, a conexión a Internet nos núcleos de poboación de 50.000 a 100.000 habitantes supera á media estatal en 2,3 puntos e nos núcleos de menos de 10.000 habitantes este indicador medra case un 30% respecto ao ano 2011 fronte ao 9% de crecemento estatal neste tipo de hábitat.

 

Equipamento e uso dasTIC

Segundo os datos que ofrece o INE, o 68% dos fogares galegos dispón dalgún ordenador, o que supón un incremento do 4,1% con respecto aos datos do ano anterior. A media estatal (73,9%) rexistrou un incremento (3,4%) inferior á media galega. O 66,1% dos galegos e galegas utilizaron o ordenador nos últimos tres meses, un 6,3% máis que no ano 2011, reducindo a diferenza coa media estatal (72,2%) en un punto porcentual. Un 63,5% da poboación galega empregou Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 8,5%, con respecto ao ano anterior. O ritmo de crecemento do conxunto do Estado (4%) é inferior ao galego neste período, permitindo reducir a diferenza coa media estatal en 2,3 puntos porcentuais. Non obstante, a media estatal (69,8%) supera en 6,3 puntos porcentuais á media galega.

A enquisa do INE indica que un dos crecementos máis notables produciuse nas compras a través de Internet. Un 21,4% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo nos últimos tres meses, un 20,9% máis que no ano 2011 e situándonos a menos de un punto da media estatal e na novena posición no ranking autonómico.

Un 80,9% dos internautas galegos le xornais ou revistas en liña, 5,1 puntos porcentuais por riba da media estatal

O uso dos servizos de comunicación avanzada por Internet, por parte dos internautas galegos presenta nalgúns indicadores uns valores superiores aos do resto do Estado. Un 80,9% le ou descarga xornais ou revistas en liña, 5,1 puntos porcentuais por riba da media estatal. Un 41,3% concertou unha cita co médico a través da web, máis de 10 puntos por riba da media estatal (31,1%). Un 48,3% utilizou Internet para colgar contidos propios nunha web para ser compartidos fronte ao 45,6% da media estatal.

 

Por idades

Galicia avantaxa á media estatal en uso de Internet nos tres últimos meses no rango de idades comprendidas entre 16 e 44 anos, destacando especialmente no rango de 25 a 34 anos, con 3,7 puntos máis

Os datos mostran que Galicia segue por riba da media do conxunto do Estado no grupo de idade de 10 a 15 anos en uso de ordenador e Internet durante os tres últimos meses. A proporción de nenos que usaron o ordenador nos últimos tres meses en Galicia é do 98% e do 96% para o Estado. Para o uso de Internet nos tres últimos meses, a porcentaxe é dun 96,5%, fronte ao 91,2% do conxunto do Estado.

Ademais, Galicia avantaxa á media estatal en uso de Internet nos tres últimos meses no rango de idades comprendidas entre 16 e 44 anos, destacando especialmente no rango de 25 a 34 anos, con 3,7 puntos máis.

As conexións de 20 Mbps son as que ofrecen peores datos de velocidade de descarga Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.