Contra a obsolescencia programada, nace en Vigo un taller de reciclaxe de computadores

Un 'vello' portátil cuns 5 anos de idade © Mr Narimon

"Onde vai vostede con ese ordenador?". "Debería ir cambiando ese portátil, que xa vai para tres anos". "Windows 7? Actualícese, home. Hai que estar á última". As empresas e a publicidade métennos polos ollos novos equipos e actualizacións que en moitos casos, para o uso real que facemos desa tecnoloxía, non necesitamos. Para loitar contra iso e animar a xente a reciclar e reutilizar os seus equipos vén de crearse en Vigo un obradoiro de reciclaxe promovido por un grupo de seareiros da informática e co patrocinio de TodoVigo e 15MCS. Chámase LazarusHack.

LazarusHack culpa da situación a "un dos elementos máis atroces do capitalismo e a sociedade de consumo, a obsolescencia programada". E denuncian que "a interacción entre a industria do software (de código pechado) e do hardware cos seus pactos de "estandarizacións" o seu gran aparello publicitario e o seu control por medios mafiosos das canles de comercialización induce de maneira moi efectiva a dar por inútiles ou obsoletos elementos tecnolóxicos que eran novos hai media década".

No taller repararanse os equipos para darlles unha nova vida e tamén se animará os usuarios a que comecen a empregar sistemas operativos e programas de software libre. Os elementos non aproveitables serán descartados da maneira máis sustentable posible

O principal obxectivo de LazarusHack é o reaproveitamento para uso social de elementos informáticos supostamente obsoletos, (uso social non significa soamente comunitario) tamén se beneficiarán particulares que necesiten ordenadores para traballar, estudar ou exercer a súa liberdade de expresión. No taller repararanse os equipos para darlles unha nova vida e tamén se animará e aconsellará os usuarios para que comecen a empregar sistemas operativos e programas de software libre. Os elementos non aproveitables serán descartados da maneira máis sustentable que sexa posible.

Polo de agora LazarusHack ten un só punto para recibir doazóns: Asociación SerHacer: Praza Santa Rita Nº 3 - local 1 - 36204. Vigo. Teléfonos: 986.431.331 - 658.771.015. As doazóns deben deixarse a nome de "Ben (LazarusHak)". Ademais os usuarios poden poñerse en contacto cos membros de LazarusHack, tanto para doar como para pedir ou ofrecer axuda, a través da súa páxina web.

 

Un 'vello' portátil cuns 5 anos de idade © Mr Narimon

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.