Os premios INNOVA-G recoñecen Buydeal, o 'Groupon' galego

Buydeal.es © Praza Pública

Tes plan para hoxe? Así se presenta Buydeal.es, unha plataforma de comercio electrónico baseada en ofertas e cupóns e centrada no entretemento e o ocio. Naceu hai exactamente un ano co obxectivo de achegar pontes entre o comercio galego e os consumidores, e seguindo o exitoso exemplo de Groupon, que nos últimos anos revolucionou a forma de consumir produtos e servizos. 

Naceu hai exactamente un ano co obxectivo de achegar pontes entre o comercio galego e os consumidores, e seguindo o exitoso exemplo de Groupon, que nos últimos anos revolucionou a forma de consumir produtos e servizos

Este espazo virtual dirixido a recoller "as mellores ofertas locais de lecer, de aventura e de restauración" xa obtivo o pasado ano o galardón de EGANET ao mellor proxecto de negocio online. E agora vén se obter un novo recoñecemento, desta volta nos premios INNOVA-G, que este venres entregou a Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC) na categoría de mellor desenvolvemento 2.0.

O funcionamento de buydeal.es é moi sinxelo. A páxina ofrece ofertas de ocio -con descontos de máis do 50%- de toda Galicia (e algunhas do norte de Portugal), aínda que se centra sobre todo nas cidades da Coruña, Vigo, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra. Os clientes poden consultar todas estas suxestións na propia web ou recibilas por correo electrónico. As ofertas só se poden adquirir durante un número determinado de días e teñen unha cantidade igualmente limeitada. Unha vez adquiridos estes descontos, poden usarse ou regalarse dentro dun prazo determinado: ao redor de tres meses como máximo.

Groupon, o seu irmán máis vello, naceu en 2008 e conta con 35 millóns de usuarios rexistrados 7000 traballadores e ten uns ingresos anuais de máis de 760 millóns de dólares.

 

Outros premios AGESTIC

Os premios da AGESTIC entregáronse o venres en Compostela, e manteñen a súa tendencia de crecemento, como se demostra no incremento de aspirantes aos galardóns, un total de 71 en cinco categorias

Os premios da AGESTIC entregáronse o venres en Compostela, e manteñen a súa tendencia de crecemento, como se demostra no incremento de aspirantes aos galardóns, un total de 71 en cinco categorias. Saborplace.com e a súa plataforma de venda en liña de produtos ecolóxicos e artesanais foron recoñecidas como a mellor start-up galega.

O recoñecemento á mellora emprendedora TIC galega foi para Rosa Conde Suárez da empresa Entremetidos, unha consultoría de marketing en liña e comunicación interactiva.

Como mellor aplicación para dispositivos móbiles premiouse a PicSound de Evelb Técnicas y Sistemas. Trátase dunha aplicación para iPhone e iPod Touch que permite usar a cámara do dispositivo móbil sen tocar a súa pantalla, empregando como disparador o son.

Tamén se premiou a empresa viguesa Desoños pola súa páxina web Delagro, que lles deu visibilidade a máis de 40 cooperativas agrarias de Galicia, Asturias e Cantabria, con máis de 17.000 asociados.

Tamén houbo mencións de honra para o evento de networking LaconNetwork, o programa Banda Ancha da Radio Galega e tamén á Deputación de Pontevedra.

Buydeal.es © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.