Unha 'Semana da Ciencia' con ampla presenza galega

Unha edición anterior de Galiciencia Dominio Público Praza Pública

A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) pon en marcha a partir desta semana 20 proxectos de actividades na Semana da Ciencia en España, que se realizarán durante o mes de novembro. En total, desenvolveranse baixo o devandito abeiro da Fundación un total de 340 actividades, coas que se prevé convocar a un público estimado de 215.790 persoas, na súa maioría mozas e mozos. Dous dos vinte proxectos son galegos.

Galiciencia busca fomentar as vocacións científicas

Galiciencia, organizada polo Parque Tecnolóxico de Galicia co apoio da Xunta, é unha feira científica anual que reúne equipos de estudantes de varios niveis educativos procedentes de toda Galicia e que busca fomentar as vocacións científicas. Después de superar os 2.200 participantes na edición de 2011, agarda acadar os 3.000 na súa sétima edición. O obxectivo é dar cabida a iniciativas tanto nos campos das Ciencias Experimentais coma a investigacións relacionadas co ámbito das Humanidades. Ao redor desta feira da ciencia desenvólvense outras actividades paralelas que van dende obradoiros até concursos de fotografía científica, pasando por intentos de batir record guinness.

Biodiversión busca o achegamento á ciencia por parte de estudantes de primaria, desde un punto de vista lúdico e divertido, tendo como principais obxectivos a incentivación a temperá idade do interese pola ciencia. Na súa cuarta edición, Biodiversión englobará dúas accións: Por unha banda talleres prácticos nas instalacións do Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (IIAG CSIC): Nestes obradoiros os estudantes poderán realizar experimentos sinxelos que servirán de base para expor os obxectivos das liñas de investigación que se desenvolven no Centro. Polo outro lado tamén haberá talleres prácticos en colexios. Neste caso un equipo de divulgadores científicos do IIAG CSIC diríxese coa maleta pedagóxica ao centro e durante cinco horas realízan catro talleres prácticos. Ademais celebrarase a III edición do concurso de debuxo Biodiversión e a II edición do concurso de relatos Biodiversión.

 

Manual de Galego Científico

O 4 de novembro celébrase o Día da Ciencia en Galego

A Liga Estudantil Galega organiza o vindeiro mércores 7 de novembro a presentación do Manual de Galego Científico, obra de Carlos Garrido e Carles Riera. A presentación enmárcase na celebración do Día da Ciencia en Galego (4 de novembro). O acto terá lugar na aula 3 da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela ás 20 horas. A Liga Estudantil Galega manifesta que "a normalización da lingua do noso país pasa polo seu uso nos máis diversos ámbitos, especialmente no ámbito técnico, onde se emprega en menor medida". 

O encargado de presentarnos o libro será Carlos Garrido, un dos seus dous autores. Carlos Garrido é doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciado en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Membro da Comissom Lingüística da Associaçom Galega da Língua (AGAL) e do consello de redacción da revista Agália.

Unha edición anterior de Galiciencia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.