Os profesores asociados da Universidade de Vigo piden o mantemento dos seus postos

Unha das facultades da Uvigo © Uvigo

A plataforma de profesores asociados da Universidade de Vigo esíxenlle ao reitorado "un compromiso claro e inequívoco no mantemento dos seus postos de traballo". E advirten de que no caso de se produzan despedimentos iniciarán "mobilizacións xunto con outros colectivos". O mércores día sete, ás doce do mediodía, celebrarán asembleas nos tres campus nas que se dará conta das iniciativas tomadas na primeira asemblea celebrada en Vigo e da reunión que este venres mantiveron cos comités sindicais da Universidade.

Propoñen aumentar o desconto de horas de docencia para compensar a dedicación a outras tarefas dos docentes funcionarios e contratados a tempo completo

Os ao redor de 400 profesores asociados afirman que "a aplicación que o equipo reitoral está a facer do RD de 20 de abril sobre medidas urxentes de racionalización do gasto en educación xa provocou a baixa na Universidade de Vigo de numerosos profesores asociados e todo indica que esta tendencia aumente ao remate do presente semestre, en xaneiro". Din que estas previsións ministeriais "poderían minimizarse cunha necesaria actualización do sistema de descontos de horas docentes aos profesores a tempo completo que desempeñan cargos académicos, dirixir teses, proxectos de fin de grao entre outras funcións ademais do ensino". É dicir, propoñen aumentar o desconto de horas de docencia para compensar a dedicación a outras tarefas dos docentes funcionarios e contratados a tempo completo.

Porén, critican con dureza o actual equipo reitoral e acúsano de buscar "a expulsión dos asociados" e afirman que "a Universidade da Coruña e de Compostela rexeitan a aplicación do decreto e incluso esixen a súa retirada".

Critican con dureza o actual equipo reitoral e acúsano de buscar "a expulsión dos asociados" e afirman que "a Universidade da Coruña e de Compostela rexeitan a aplicación do decreto e incluso esixen a súa retirada"

Os asociados salientan que a súa presenza nas universidades busca mellorar o contacto co mundo laboral e empresarial, "razón pola que, con anterioridade e noutra conxuntura, o Reitorado da UVigo ten considerado este colectivo como estratéxico". E destacan que "os estudantes van resultar prexudicados ao perder esta ponte de unión co entorno profesional ao que aspiran" e engaden que "tamén o serán porque todos os profesores veranse obrigados a dedicar máis tempo á docencia, vendo reducida a súa dispoñibilidade para unha atención máis personalizada".

Unha das facultades da Uvigo © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.