Máis de 40 sociedades científicas acusan o Goberno de poñer a I+D+i na man dos mercados

Concentración de investigadores diante da sede da Xunta de Galicia o pasado decembro CC-BY-SA Precarios Galicia

Un total de 42 sociedades científicas do Estado, en representación de máis de 25.000 científicos, veñen de asinar un documento no que analizan e critican o borrador da Estratexia española de ciencia, tecnoloxía e de innovación 2013-2020 elaborado polo Goberno de Mariano Rajoy. A análise desta proposta foi realizada por un grupo de traballo elixido por todas as organizacións que apoian as recomendacións ao Executivo e que foi envidado o pasado luns á Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, así como a unha ducia de institucións máis nas que se inclúen o Ministerio de Economía ou o de Educación.

O documento é moi crítico ao censurar os "profundos cambios" que o Executivo propón no sistema de ciencia e tecnoloxía e no educativo, optando pola "presenza activa das empresas na toma de decisións sobre os plans de investigación nas universidades", así como o obxectivo final da estratexia de investigación que, na súa opinión, "pasa de estar enfocada a mellorar o benestar social a estar dirixida polo mercado e as empresas". De feito, lembran, "preténdese a desaparición da chamada ciencia básica pola súa escasa rendibilidade económica" e acusan o Goberno de intentar xustificar todos estes cambios "pola crise económica".

"O borrador do Goberno converte o sistema público de investigación nun macro-departamento empresarial"

"O borrador plantexa a intervención directa das empresas nas políticas públicas de investigación, o que converte o sistema público nun macro-departamento empresarial, o que repercutirá negativamente tanto na formación de novos científicos como na calidade dos proxectos e no peto dos contribuíntes", lembra o informe, que pide "dar moita máis importancia a identificar as principais liñas de investigación cun claro interese para a sociedade, ainda que estas liñas non ofrezan un beneficio económico directo e a curto prazo á empresa privada, así como a concretar o financiamento e apoio destas liñas por parte do Goberno".

O informe, asinado e apoiado tamén pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), critica a Estratexia española para os vindeiros oito anos ao considerala "amplamente mellorable en multitude de facetas". Así, as sociedades científicas reclaman "un novo modelo de I+D+i en España" e censuran con dureza que se pense "nunha reorganización completa do sistema na actual conxuntura económica de recortes forzosos". "Débense reaproveitar, reutilizar e reacomodar os recursos humanos e materiais que España tardou moitas décadas en conseguir porque o contrario sería desaproveitar e tirar ao lixo décadas de esforzo e investimento público e desfacerse dun capital humano moi competitivo".

"O actual éxodo de científicos entre 30 e 40 anos, no seu período máis produtivo, é unha das máis sangrantes emigracións en décadas recentes"

As 42 asociacións asinantes lembran que a Estratexia "non contempla plans para estabilizar un capital humano que está enchendo as listas do paro ou emigrando a outros países que os reciben cos brazos abertos". "O actual éxodo de científicos entre 30 e 40 anos, no seu período máis produtivo, é unha das máis sangrantes emigracións do noso país en décadas recentes e unha das que podería ter efectos económicos máis prexudiciais a longo prazo", reza o informe, que advirte de que España "non pode permitirse este luxo", polo que a inexistencia na Estratexia de obxectivos para consolidar e mellorar ese capital humano "desacredítaa en si mesma".

"Non entendemos por que se plantexa agora como necesario o destruír un sistema de investigación público que se demostra que funciona ben con datos obxectivos", din as asociacións científicas, que lembran que os números deixan claro que o problema non o ten o sistema de investigación público, senón o empresarial "que non é capaz de utilizar os coñecementos que os cartos públicos poñen á súa disposición nin xerar I+D propia". "O alto grao de innovación de España pretende ser agora recortado para potenciar, de maneira pouco tanxible, a empresa privada, algo erróneo ao noso entender e segundo numerosos indicadores", engade.

As sociedades científicas acusan o Goberno de "dar á empresa privada o control do desenvolvemento e I+D+i"

Ademais, a análise censura que o Goberno pretenda resolver os problemas "eliminando a investigación fundamental e dando á empresa privada o control do desenvolvemento en I+D+i e incluso da educación, chegando ao extremo de propoñer unha maior participación das compañías nos deseños curriculares de todos os ciclos formativos". Para os asinantes, a Estratexia suporá a minimización do financiamento da ciencia básica a través de OPIs (Organismos Públicos de Investigación) e grupos de investigación en Universidades, ao tempo que "un aumento do financiamento a empresas privadas".

Do mesmo xeito, no informe destácase que o financiamento directo da empresa con fondos públicos que prevé o Goberno do PP coa súa Estratexia "non é unha actividade común nos países máis desenvolvidos", ademais de lembrar que os datos demostran que isto "non xera máis innovación nin beneficio económico empresarial". Ademais, critica o papel "débil e pouco claro " que a Estratexia concede á docencia e á formaación científico-tecnolóxica e recorda que o modelo europeo "bate frontalmente" coa proposta española, tal e como revela a comparativa con Horizonte UE 2020.

Alén disto, o documento destaca que un amplo número de Premios Nobel xa emitirion un comunicado en apoio da ceincia básica, ao igual que lembra o xurdimento de varias iniciativas no continente para impedir a redución do investimento en ciencia de calidade, logo de criticar incluso a "linguaxe pouco precisa e incluso con incorreccións científicas" no uso de termos e conceptos na Estratexia española..

Concentración de investigadores diante da sede da Xunta de Galicia o pasado decembro CC-BY-SA Precarios Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.