Acusan a USC de "discriminación" por buscar o mantemento de só algunhas das prazas docentes suspendidas

Reitorado da USC © USC

Os profesores e profesoras que conforman a Plataforma polo Levantamento da Suspensión Cautelar concentraranse este venres ás 9:45 da mañá ante a sede do reitorado onde se reunirá a partir das 10 o Consello de Goberno da USC. Esíxenlle ao reitor que manteña a convocatoria de 34 prazas docentes que foi suspendida cautelarmente hai unhas semanas por indicación de Facenda e obter compromisos formais por escrito que garantan a totalidade de prazas incluídas nesta convocatoria ao longo do ano 2013. Engaden que isto podería conseguírse "partindo da aplicación da ampliación de prazos establecida na propia normativa. Cousa que, por outra parte, xa se fixo noutras ocasións".

Nas últimas semanas este colectivo mantivo tres reunións informativas co reitor. Nelas Juan Casares afirmou que "é unicamente a Xunta de Galicia a que decide que tipo de colectivos acceden ás prazas que ela mesma autoriza". O colectivo entende que "esta actuación, de ser así, é unha vulneración grave da autonomía universitaria".

Acusan o reitor de "discriminación" pois nestes encontros souberon que a intención do reitorado é anular parcialmente a convocatoria do día 21 de setembro e convocar varios concursos por colectivos sinalados dende a Xunta

Ademais os e as afectadas pola suspensión acusan o reitor de "discriminación" pois nestes encontros souberon que a intención do reitorado é anular parcialmente a convocatoria do día 21 de setembro e convocar varios concursos por colectivos sinalados dende a Xunta. Nestas convocatorias primaríanse fundamentalmente dous deles -comenzando polas Ramón y Cajal e Starting Grant- quedando o resto postergados sine die. "Isto constitúe establecer unha situación de discriminación onde antes non a había", denuncian. Ainda que as 34 prazas convocadas corresponden a áreas moi distintas, en realidade todos os concursos se refiren a postos de profesor contratado-doutor, de persoal que combina a docencia e a investigación.

Por outra parte, afirman que segundo o reitor, "todos os compromisos sobre futuras prazas permitidas pola Xunta son de palabra” e que "non hai documento escrito algún que as garanta". Este colectivo salienta que "neste proceso somos un só grupo e o que solicitamos facémolo sen distinción de colectivos". Finalmente denuncian que "os feitos expostos son irregulares e vulneran os dereitos dos traballadores, xerándose unha situación de incerteza e inestabilidade na que se poden ver comprometidas non só esta senón tamén convocatorias posteriores".

Reitorado da USC © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.