Centos de investigadores seguen á espera das bolsas FPI

Concentración de investigadores diante da sede da Xunta de Galicia o pasado decembro CC-BY-SA Precarios Galicia

As FPI son as máis importantes axudas predoutorais e serven para contratar 1.020 investigadores e investigadoras

No mes de febreiro publicouse a convocatoria 2012 da bolsas FPI (Formación do Pesoal Investigador) que en principio se deberian ter resolto en agosto como moi tarde. Porén, en xullo aprobouse unha prórroga máxima de tres meses que vén de vencer. As FPI son as máis importantes axudas predoutorais e serven para contratar 1.020 investigadores e investigadoras, que realizan todo tipo de labores nos departamentos universitarios aos que están adscritos, ademais de levar a cabo a súa formación investigadora e o seu proceso de doutoramento.

Estas axudas seguen no aire, co curso ben iniciado, deixando conxeladas as vidas de centos de persoas, que nalgúns casos continúan co seu labor investigador sen recibir axuda ningunha. Os e as afectadas levan meses reclamando a resolución destas axudas a través dun grupo de facebook, dun hashtag en twitter: #becasfpi2012ya e da presión constante sobre os responsables ministeriais. Pero unha e outra vez vai adiando a resolución, poñendo novos prazos-límite que se van incumprindo a medida que pasan as semanas.

Non é mellor a situación das bolsas de Formación de Profesorado Universitario (FPU), que veñen de ser recortadas nun 15%. Das 950 previstas e concedidas inicialmente en outubro, pásase agora a 800

Non é mellor a situación das bolsas de Formación de Profesorado Universitario (FPU), que veñen de ser recortadas nun 15%. Das 950 previstas e concedidas inicialmente en outubro, pásase agora a 800. Un serio recorte, máis importante se temos en conta que en 2011 estas bolsas non se convocaron. As áreas máis afectadas son Biomedicina, Ciencias Sociais e Filoloxía. A rede de Estudantes en Movemento denuncia que isto constitúe “un novo atropelo contra os dereitos de estudantes e investigadores". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.