'Imos?' ou como atopar co móbil as melllores tabernas galegas

A aplicación 'Imos?' nun móbil © GalApps

Atopar un bo furancho, recomendar unha agochada e fermosa praia ou dar co lugar exacto desa taberna de aldea con tan boa comida. Para todo isto e para moito máis serve a aplicación para móbiles Imos?, creada por tres mozos artífices tamén das denominadas Galapps, centradas até o de agora na lingua, tales como o conxugador de verbos ConxuGalego ou DiccionarioGalego e TradutorGalego.

Agora, este grupo de traballo triunfa con esta nova aplicación que se converte na guía máis xenuína de Galicia á hora de atopar os tradicionais locais do bo comer e do bo beber, pero tamén aqueles establecementos cos que só dariamos preguntando unha e outra vez a veciños. "Imos? xurdiu da nosa propia necesidade, da de seguir atopando novos sitios que adoitamos coñecer grazas ao díxome-díxome ou do boca a boca", resume Sabela Barreiro, licenciada en Belas Artes e unha das creadoras das Galapps xunto a Xurxo Méndez e Juan Porta, do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña.

"Achegamos sitios coñecidos, pero tamén locais pequenos, que están no rural e que non son nin tan accesibles nin tan fáciles de darse a coñecer"

"Achegamos sitios coñecidos e de vilas grandes, pero tamén lugares e establecementos pequenos, que están no rural e que non son nin tan accesibles nin tan fáciles de darse a coñecer", engade Barreiro, que exemplifica así as vantaxes evidentes das novas tecnoloxías para cousas tan comúns e poucos tecnolóxicas como tomar un bo viño ou un exquisito caldo. "Atopar restaurantes ou furanchos con boa comida e baratos é así máis doado", resume esta rapaza, que advirte que na aplicación, polo momento, hai identificados máis locais das provincias da Coruña e Pontevedra que das de Lugo e Ourense.

"Plataformas como Foursquare poden chegar a restaurantes coñecidos, pero dificilmente van dar conta desa taber agochada nunha pequena aldea"

Pero aí é onde aparecen os usuarios de Imos?. Desde a súa activación en agosto, conta con preto dun milleiro de amigos que xa subiron uns cen establecementos. Aí radica o éxito dunha aplicación na que os seus seguidores van recomendando e engadindo lugares, ben sexan furanchos, bares, tabernas ou restaurantes. Algo así como o exitoso Foursquare, pero a unha escala moito máis achegada e enxebre. "Plataformas de carácter internacional poden chegar a restaurantes grandes ou coñecidos, pero dificilmente van dar conta desa boa taberna agochada no carreiro que nos leva a unha aldea pequena", explica Sabela Barreiro.

A aplicación é a máis vendida no Appstore na categoría de comida e bebida

O éxito é evidente. Na actualidade, esta aplicación de Galapps está situado no número do top de vendas na categoría de comida e bebida a nivel estatal do Appstore, mentres que no Google Play é a sétima máis vendida a nivel estatal. Imos? xa está dispoñible para Android, ademais de para iPhone e iPod Touch con iOS.

"A acollida está sendo moi boa", recoñece Barreiro, que destaca que en Galicia, ao igual que en Cataluña ou Euskadi, hai unha forte demanda de aplicacións "propias e na propia lingua". "Máis achegadas á terra e no noso idioma", destaca quen sabe que, no comer e no beber, Galicia tamén é sitio distinto. E tamén é distinto polas súas numerosas praias. En Imos? tamén se recolle información de 900 areais do país, no que supón a maior base de datos deste tipo.

Pero a aplicación mellorará aínda máis. "Cambiamos cousas a medida que o usuario fala con nós e nos propón e recomenda cosas; seguiremos vendo as necesidades que ten a xente que confía en nós", conclúe Sabela.

A aplicación 'Imos?' nun móbil © GalApps
Captura de pantalla de 'Imos?' © GalApps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.