0 Gardados para despois

As universidades plántanlle cara aos recortes do Goberno

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

"Non perderán só as universidades, senón que perderemos todos, o conxunto da sociedade. Quedarémonos sen unha das armas necesarias para avanzarmos e saírmos da crise económica: o coñecemento". Con esta advertencia conclúe o comunicado conxunto que este luns leron todos os reitores das 50 universidades españolas para denunciar os recortes orzamentarios e para reclamar un financiamento "suficiente" e "sostible".

"Non perderán só as universidades, senón que perderemos todos, o conxunto da sociedade"

Tamén en Galicia, os reitores das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo uníronse á reivindicación acordada pola CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) e na que, "ante a inmimente aprobación dos novos orzamentos xerais do Estado e os orzamentos correspondentes a cada comunidade autónoma", solicítase un financiamento axeitado.

Así, os reitores denunciaron a "preocupante situación" na que se atopan as universidades ante a diminución dos orzamentos xerais do Estado para 2013 nun 18% en educación superior e nun 80% nos gastos non financeiros en I+D+i. Estes recortes, xunto coa conxelación dos cadros de persoal de resursos humanos, levará o Estado "á perda do tren do desenvolvemento tecnolóxico e hipotecará a investigación e os maiores avances na fronteira do coñecemento".

Os recortes levan o Estado "á perda do tren do desenvolvemento tecnolóxico e hipotecará a investigación e os maiores avances na fronteira do coñecemento"

De feito, as universidades lembran que os continuos recortes nas transferencias das partidas á formación superior nos últimos anos sitúan o sistema universitario "nunha situación próxima á asfixia económica" o que, segundo os reitores, traducirase "nun estrago irreparable" que "contradí o discurso de que 'o noso país debe basear o seu progreso no coñecemento".

"Sen investimento en educación superior nin en I+D+i será inviable o funcionamento das universidades públicas. E, sen coñecemento, non haberá progreso", asegura o comunicado, no que se solicita que a educación superior, a investigación, o desenvolvemento e a innovación "sexan consideradas como un investimento e non como un gasto", polo que insisten nun financiamento público "suficiente e sostible" que permita "a fortaleza e autonomía universitaria para que se poidan diversificar as súas fontes de ingresos sen obstáculos".

"Se as universidades perden calidade, tamén o fará a investigación científica, a innnovación tecnolóxica e, por suposto, a formación", di o comunicado. Ademais, e aínda que non foi tratado no texto, varios reitores amosaron a súa "preocupación" polo presunto modelo universitario que pretende instaurar o Goberno do PP nun futuro inmimente.

Varios reitores, como o da Coruña, amosan a súa "preocupación" por un futuro modelo universitario "elitista e excluínte"

Así o asegurou, por exemplo, o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, que agarda nos vindeiros días un informe do Ministerio de Educación no que se propoña "un sistema máis excluínte e elitista, con moi poucas universidades e centros superiores inspirados en épocas antigas". Do mesmo xeito, advertiu do perigo da "privatización" do ensino superior no Estado por mor do decreto que facilita a suba progresiva das matrículas para os alumnos, aínda que recordou que o acordo entre as tres universidades galegas e a Xunta minguou a suba no importe das taxas.

Por outra banda, Armesto advertiu que os recortes previstos nos orzamentos provocarán que a Universidade da Coruña trate de "reter talento" porque "captalo é case imposible", así como que se teñan que reducir gastos correntes, aínda que "non haxa moita marxe". Ademais, advertiu que a falta de fondos para a formación superior pon en perigo "a cohesión social".

Respecto da posibilidade de fusionar universidades en Galicia, Armesto louvou a "cooperación" no sistema universitario galego e insistiu en que a clave é "a converxencia e a coordinación" entre as tres universidades, máis que unha fusión plena.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.