0 Gardados para despois

As protestas contra o reitor paralizan o Claustro da USC

Redacción | @prazapublica

A tensión crecente que a Universidade de Santiago vive nos últimos meses estoupou hoxe coincidindo coa celebración do Claustro da institución. O reitor Juan Casares, cuxa xestión é moi criticada por docentes, estudantes, investigadores e PAS, anunciou a suspensión do Claustro até nova convocatoria despois de que ducias de persoas de todos estes colectivos da comunidade universitaria irrompesen na xuntanza que se celebraba na Facultade de Medicina. Ás nove e media estudantes, investigadores e PAS convocaran concentracións ás portas da reunión para trasmitirlle ao reitor a súa critica á súa xestión, e despois dunha hora de protestas e presión finalmente decidiron entrar no Claustro e paralizalo. A Mesa do Claustro acordou reunirse proximamente para fixar unha data para continuar a sesión.

Juan Casares abandonou a sala entre apupos e berros de "no próximo Claustro terás visita", mentres os estudantes que viñan de ocupar o lugar comezaban unha asemblea para debater que estratexia seguir na súa protesta. Piden a dimisión do reitor. Juan Casares criticou "o atropello e insultos para a institución e para os representantes nese órgano de goberno" e considerou a actuación dos protestantes "un comportamento fóra de todas as normas de respecto ao sistema democrático practicado por un grupo de persoas que, en absoluto, representan o sentir da comunidade universitaria”.

O reitor da USC e a comunidade universitaria manteñen un pulso que hoxe está a vivir unha das súas xornadas clave. A USC celebraba reunión do seu Claustro co obxectivo fundamental de aprobar as contas de 2013 e as liñas estratéxicas de programación plurianual. Porén, os colectivos +Ideas, Universidade Aberta, Comités e A Trabe anunciaran que pedirían a retirada dos Orzamentos a través de senllas emendas, pois ao seu xuizo é "imposible" a partir do texto presentado "os obxectivos orzamentarios" da institución e a "realidade de ingresos e gastos". Outras das críticas estaba referida á falta de autonomía universitaria da institución e a Liga Estudantil, pola súa banda, considera que o actual equipo non xa está lexitimado para presentar "propostas vellas". 

Tamén se pide o cese da xerente, Lourdes Batán, moi criticada pola súa xestión no proceso de negociación laboral que busca implantar as medidas de aforro esixidas polo Goberno central, dende o incremento da xornada laboral, a redución dos días de asuntos propios ou o desconto salarial para os traballadores e traballadoras que sufran baixas por enfermidade. A autonomía universitaria é outro dos conceptos clave, despois de que na xunta de goberno da pasada semana os grupos críticos coa xestión do reitor abandonasen a reunión que acatou a anulación da convocatoria de prazas docentes imposta pola Xunta e marcou o procedemento a seguir para futuras convocatorias, sempre dependentes da autorización do Goberno galego.

A xestión de Casares Long conseguiu unir na súa contra a docentes, estudantes, investigadores e PAS. E de feito eran varios os actos de protesta convocados ás portas do Claustro. O obxectivo era, alén de que as votacións resulten nun sentido ou noutro, facer ver o malestar xeral da comunidade universitaria da USC. Na tardiña do martes unha asemblea na que participaron todos os colectivos debateu distintas estratexias de protesta para a xornada de hoxe e non se descartaba a retirada dos seus representantes do Claustro ou outras accións máis contundentes coma a paralización da propia xuntanza. 

O malestar crecente contra a xestión do actual equipo reitoral levou os colectivos concentrados a forzar a suspensión do Claustro para facer patente a situación de crise institucional que vive a USC e presionar a Casares para que mude a súa politica

Outras propostas defendían a participación no Claustro, no que Juan Casares non ten en absoluto garantida a maioría, pois se o órgano votaba en contra das propostas o actual reitor atoparíase nunha situación de gran debilidade. Nesta lexislatura universitaria o seu equipo aínda non foi quen de aprobar proposta ningunha de orzamentos ou programación plurianual. Porén, o malestar crecente contra a xestión do actual equipo reitoral levou os colectivos concentrados a forzar a suspensión do Claustro para facer patente a situación de crise institucional que vive a USC e presionar a Casares para que mude a súa politica.

Neste senso o colectivo de PAS A Trabe considera "que é importante defender o debate e a toma de decisións nos poucos órganos de participación dos que dispón agora a comunidade e así estábamos dispostos a facelo nesta oportunidade". Porén, salientan que "a conduta antidemocrática da xerenta durante o inexistente proceso de negociación provoca a mobilización dos nosos compañeiros e compañeiras" e que "a situación que se deu no interior do claustro é froito da incapacidade do reitor e da súa equipa para chegar a acordos cos colectivos afectos e coa comunidade en xeral, cedendo na defensa da autonomía universitaria e preferindo acatar as ordes dunha Dirección Xeral da Consellaría de Facenda en vez de buscar solucións non traumáticas para o conxunto da universidade".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.