A USC ten 83 catedráticos máis ca en 2010, cun custe engadido de 700 mil euros anuais

Concentración dos investigadores do programa Parga Pondal diante do reitorado da USC CC-BY-SA Praza Pública

Nos últimos dous anos a USC aprobou 83 promocións de profesores á categoría de catedráticos, 52 en 2010 (a metade con trámites que comezara o equipo de goberno de Senén Barro e a outra metade iniciadas xa polo equipo de Juan Casares Long) e outras 31 en 2011. 83 novos catedráticos e catedráticas que cobran un extra salarial de 8.340 euros ao ano, sumando un custe engadido para a USC de 692.220 euros cada ano. 

Porén, o pasado mes de decembro a USC decidiu non consolidar as prazas de 17 investigadores e investigadoras do Programa Parga Pondal, como se viñera facendo até entón, e estas persoas deixaron de ter vinculación coa universidade unha vez que rematou o prazo das súas bolsas de investigación. Estas estabilizacións contractuais terían un custe máximo de 736.950 euros ao ano, no caso de que a todos se lles convertese o seu contrato de investigador nun contrato de profesor contratado doutor (43.350 euros anuais), pero moi inferior se se optase por un contrato de profesor titular (32.318,06 euros por ano).

  custe anual custe con subvención
Promoción de catedráticos 83 692.220 692.220
Consolidación de investigadores con contrato de profesor contratado doutor 17 736.950 0
Consolidación de investigadores con contrato de profesor titular 17 547.707 -189.242

Cando menos 5 das 17 plazas solicitadas polos departamentos para manter estes investigadores nos equipos eran de profesor titular, polo que o custe máimo non superaría os 681.790,3 euros por ano. Ademais, a Xunta subvenciona a formulación de contratos estables para os Parga Pondal con 43.350 euros durante os tres primeiros anos, polo que o custe para a USC sería nulo.

Denúnciase que dado que os profesores titulares non imparten máis horas de clase cando ascenden a catedráticos, o custe das promocións non achega beneficio ningún

Dende o colectivo investigador da USC denúnciase que dado que os profesores titulares non imparten máis horas de clase cando ascenden a catedráticos, o custe das promocións non achega beneficio ningún para a universidade nin para os alumnos e alumnas. Pola contra, os 17 investigadores do programa Parga Pondal si tiñan a docencia entre as súas funcións, polo que coa súa marcha, esas horas que impartían teñen que ser repartidas entre o corpo docente restante, ou a USC terá que contratar novo persoal.

Ademais, os investigadores constituían unha importante fonte de recursos para a institución, pois a súa actividade investigadora, a través de concursos de libre concorrencia, acadou no ano pasado unha cantidade moi importante de axudas europeas e estatais para o desenvolvemento de proxectos. 

Critícase a contradición na que incorre o equipo de goberno da USC ao incrementar os custes nos pagos a catedráticos e manter un discurso de "austeridade"

Dende o colectivo investigador denúnciase que as promocións a catedráticos foron "unha estratexia política do reitor para facilitar a súa reelección". Así mesmo, critícase a contradición na que incorre o equipo de goberno da USC ao incrementar os custes nos pagos a catedráticos e manter un discurso de "austeridade" e problemas de financiamento, que xustificaría a imposibilidade de consolidar o persoal investigador.

Concentración dos investigadores do programa Parga Pondal diante do reitorado da USC CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.