0 Gardados para despois

A Xunta somete as universidades á doutrina do déficit

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O déficit e a débeda por riba de todo, tamén na universidade. O Consello da Xunta aprobou este xoves o anteproxecto de Lei de Universidades, unha norma que reinicia a súa tramitación despois de que xa fose remitida ao Parlamento na pasada lexislatura pero decaese por mor do adianto electoral. Presentada polo presidente como un marco legal para a "eficiencia", "competitividade" e "coordinación" do sistema universitario do país, a lei traerá consigo un corsé financeiro que non é menor. Dende a súa aprobación as tres universidades estarán sometidas ao mesmo corsé financeiro que xa condiciona o conxunto de administracións públicas do Estado.

Tras a xuntanza do Goberno galego o presidente, Alberto Núñez Feijóo, explicou ante a prensa que a lei implica a "inclusión das universidades na Lei de Transparencia", se ben da súa exposición cabe deducir que se refire á norma que con esta denominación está a impulsar o Goberno central, e non á Lei de Transparencia vixente en Galicia dende 2006. Non en van Feijóo sinala que isto "significa, en consecuencia, que todos os sectores universitarios están suxeitos ao principio constitucional de estabilidade orzamentaria e ao principio constitucional do control do déficit público".

As universidades, segundo o anuncio de Feijóo, estarán forzadas a cumprir a reforma constitucional que dá "prioridade absoluta" ao pagamento da débeda

E isto, que significa? Esencialmente, que as institucións académicas pasarán a estar consagradas á doutrina do estrito control do déficit e da priorización das débedas cos bancos por riba de calquera outra partida orzamentaria. O "principio constitucional" ao que se refire Feijóo non é outro que o artigo 135 da Carta Magna española, modificado en tempo récord no verán de 2011 por acordo de PSOE -daquela no Goberno- e PP para dar cumprimento ás esixencias financeiras da Unión Europea.

Segundo ese precepto "todas as Administracións Públicas adecuarán as súas actuacións ao principio de estabilidade orzamentaria", isto é, equilibrar ingresos e gastos". Ademais, "os créditos para satisfacer os xuros e o capital da débeda pública (...) entenderanse sempre incluídos no estado de gastos dos seus orzamentos e o seu pagamento gozará de prioridade absoluta". Que as universidades galegas teñan que someterse a este precepto quere dicir, en síntese, que se nun futuro teñen as súas contas máis saneadas non poderán destinar eses cartos adicionais a, por exemplo, contratar persoal ou mellorar os servizos académicos: primeiro terán que pagar xuros e amortizar débeda. E se queda algo, para investimentos.

Pero a reforma non quedaría aí. Se, como avanza Feijóo, as universidades teñen que ter en conta os principios da Lei de Transparencia do Estado, os seus máximos dirixentes poden ser sancionados se optan por non priorizar a débeda por riba de todas as cousas. Nesa norma auspiciada polo gabinete de Mariano Rajoy todas as posibles infraccións "en materia de xestión económico-orzamentaria" son consideradas como "moi graves". Neste apartado inclúese, por exemplo, o "incumprimento deliberado" da orde de achegar o superávit do orzamento a pagar débeda. Para esas infraccións a lei estipula sancións que van dende a "declaración do incumprimento e a súa publicación no Boletín Oficial do Estado" ata a "destitucións nos cargos públicos" ou a inhabilitación "durante un período de entre 5 e 10 anos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.