A UE relaciona os pesticidas coa morte masiva das abellas

Abellas mortas preto de Xátiva (Valencia) © COAG

Varios estudos de primeiro nivel xa o sinalaran e agora a Unión Europea confírmao: os pesticidas son un risco para as abellas. En concreto, uns pesticidas neurotóxicos relacionados coa nicotina chamados neonicotinoides, cuxo uso está moi estendido nos campos de cultivo de todo o mundo. Algúns países de Europa xa limitaran o seu uso para non prexudicar as abellas, pero o informe presentado pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA polas súas siglas en inglés) sinala o camiño para que a Comisión Europea actúe dalgún modo contra estes insecticidas.

Países como Francia, Alemaña e Italia restrinxiron o uso dalgúns destes neonicotinoides porque consideraban que era unha ameaza real para as colmeas

Tanto en Europa como en moitos outros lugares a incidencia destes praguicidas na saúde das abellas leva xa moito tempo sendo un motivo de preocupación. Países como Francia, Alemaña e Italia restrinxiron o uso dalgúns destes neonicotinoides porque consideraban que era unha ameaza real para as colmeas. En concreto, a EFSA centrouse en tres produtos (tiametoxam, imidacloprid e clotianidina), avaliando os seus efectos en determinados puntos de contacto coas abellas, recomendando que se limite o seu uso en determinados cultivos, sementes e escenarios. Por exemplo, a autoridade europea considera inaceptable o uso destes pesticidas sobre cultivos onde o pole e o néctar sexan atractivos para as abellas.

Os abellóns morren o dobre ao exporse a unha combinación de pesticidas comúns como neonicotinoides e piretroides e ven minguada a súa capacidade para a recolección de alimentos

En marzo de 2012, a revista Science ofreceu evidencias consistentes sobre os danos que estes pesticidas comúns poderían estar a causar. Dous estudos, conducidos en Francia e o Reino Unido, relacionaban trazas destes axentes pesticidas en néctar e pole de flores coa diminución do tamaño das colmeas e unha grave diminución na produción de raíñas en colonias de abellas e abellóns. Tras a publicación destes traballos, a Comisión Europea reclamoulle á EFSA que estudase os resultados e ofrecese unha avaliación sobre os riscos dos neonicotinoides en canto ao seu impacto na saúde das abellas para poder ditaminar en consecuencia. Aínda que se esperaba para decembro, o informe non estivo listo até hoxe.

Outro estudo, esta vez publicado en Nature, ofreceu novas claves en outubro para entender como prexudican estes praguicidas as colonias de polinizadores. Os abellóns morren o dobre ao exporse a unha combinación de pesticidas comúns como neonicotinoides e piretroides e ven minguada a súa capacidade para a recolección de alimentos, segundo este traballo da Universidade de Londres. En moitos casos, as abellas intoxicadas morren ao regresar á colmea, pero noutros moitos os insecticidas provocan que a abella non sexa sequera capaz de volver ao desorientarse.

A síndrome de despoboamento de colmeas, que en España mata o 25%-30% das abellas cada ano, é un problema multifactorial

Ao redor dun terzo das abellas dunha colonia sae ao campo a por comida e exponse a estes praguicidas, e a súa perda ás veces dana mortalmente as colmeas, moi tensas por culpa doutros factores coma o clima, as enfermidades e a escaseza de alimento. A síndrome de despoboamento de colmeas, que en España mata o 25%-30% das abellas cada ano, é un problema multifactorial, e non sería responsabilidade exclusiva das pesticidas, xa que as secas, a diminución de superficie verde, as especies invasoras e os patóxenos como a varroa e a nosema teñen a súa parte de culpa.

Entre o 75% e o 85% da produción de alimentos e das especies de plantas dependen do labor polinizador das abellas

É un grave problema, xa que en torno ao 75%-85% da produción de alimentos e das especies de plantas dependen do labor polinizador das abellas. Un traballo gratuíto que só en España xera 3.000 millóns de euros anuais en favor da agricultura. Por iso é polo que o Goberno español lanzou un programa piloto de estudo do estado das colonias que comezou no outono e que porá a lupa en 200 explotacións apícolas de todo o país. Antes, a UE destinara 3,3 millóns de euros para que os países membros afectados realizasen as investigacións pertinentes.

As empresas dedicadas á produción destes insecticidas, coma Bayer e Syngenta, xa tiñan preparadas as súas respectivas notas de resposta para o momento en que a EFSA fixese público o seu informe. Estas compañías consideran unha vitoria que a EFSA non recomendase prohibir os seus produtos e insisten nos beneficios que os seus praguicidas proporcionan para a eficiente produción de alimentos. Onte mesmo facíase público un cálculo que asegura que a prohibición destes pesticidas na UE provocaría perdas de 17.000 millóns de euros e a desaparición de 50.000 postos de traballo polo dano causado á agricultura.

Bayer e Syngenta consideran que os principais responsables da perda de abellas son as enfermidades que as atacan e aseguran que o uso correcto e mesurado dos seus produtos non é nocivo para as colmeas

En ambos os casos, as compañías consideran que os principais responsables da perda de abellas son as enfermidades que as atacan e aseguran que o uso correcto e mesurado dos seus produtos non é nocivo para as colmeas. “Utilizando a tecnoloxía de forma adecuada, non existe dano algún sobre as poboacións de abellas e esta é a razón pola que moitos países da Unión Europea seguiron apoiando o seu uso”, di Syngenta nunha nota. Mentres Francia prohibe o seu uso, o Reino Unido asegura que non provocan dano, e nos EEUU seguen estudando a materia. Co informe de EFSA, o futuro dos neonicotinoides está en mans da Comisión Europea.

Abellas mortas preto de Xátiva (Valencia) © COAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.