0 Gardados para despois

A comunidade universitaria cualifica de "irresponsable" a actitude do reitor da USC

Redacción | @prazapublica

O proxecto de Orzamentos para 2013 vai supor un recorte no financiamento das universidades galegas de case 22 millóns de euros e o conselleiro de Educación xa lles advertiu ás universidades que debian escoller entre recortarlles os salarios aos docentes ou manter as remuneracións, pero despedir profesorado. Os cálculos realizados pola CIG indican que o recorte salarial previsto do 5% non sería suficiente, e deixaria o desxauste orzamentario en nove millóns de euros, polo que segundo o sindicato "tal desaxuste poderíase traducir nuns 250 despedimentos de PAS e PDI así como de maiores recortes salariais". Tamén se alerta de que os recortes no financiamento suporán unha moi importante suba das taxas universitaria, uns ingresos que ademais non servirán para mellorar a calidade do ensino, senón que serán destinados directamente ao pagamento da débeda.

Este mércores novamente representantes da comunidade universitaria denunciaron que a "non aposta" da Xunta "pola sociedade do coñecemento e pola I+D+I" vai provocar un gran prexuizo tanto a estudantes, coma a persoal docente e investigador, coma ao persoal de administración e servizos. Denunciaron neste senso que a politica da Xunta semella destinada a promover o desenvolvemento dun sistema universitario privado ao elevar os prezos de matricula dos centros públicos e rebaixar a súa calidade até os niveis da privada. Tamén se criticou "o desnorte" dalgunhas medidas apuntadas pola Xunta para reducir os custes, coma por exemplo a eliminación dos complementos autonómicos dos soldos do profesorados, "co que se prexudica aqueles docentes con mellor produtividade", sinalou a profesora Alba Nogueira.

Dende 2010 a universidade xa prescindiu de máis de 600 traballadores

Os representantes dos traballadores volveron alertar de que os recortes non financiamento poderían significar 115 despedimentos na USC, pero lembraron a este respecto que dende 2010 a universidade xa prescindiu de máis de 600 traballadores, entre a non renovación de contratos de investigación, xubilacións non cubertas ou a supresión de postos de profesorado asociado. Antonio Pérez Casas, do colectivo de PAS A Trabe, denunciou que o traballo desas 600 persoas tivo que ser asumido polo resto do cadro de persoal e que significou un esforzo extra para todos eles e tamén unha diminución da calidade do ensino e da investigación na USC. Engadiu que "todos estes esforzos económicos só serviron para financiar a Xunta de Galicia, e nin un só euro serviu para mellorar o servizo público ou para reducir a débeda".

Acusan a Juan Casares de acatar o bloqueo orzamentario e de limitarse a negociar o lugar no que efectuar os recortes, en vez de denunciar a posición da Xunta e o incumprimento do plan de financiamento universitario por parte do Goberno galego

Todos os colectivos que integran a comunidade universitaria da USC son moi críticos co reitor Juan Casares e cualifican a súa actitude como "irresponsable". Acúsano de acatar o bloqueo orzamentario e de limitarse a negociar o lugar no que efectuar os recortes, en vez de denunciar a posición da Xunta e o incumprimento do plan de financiamento universitario por parte do Goberno galego. Cren que estudantes, profesorado, investigadores e PAS deben traballar unidos na defensa da universidade pública e concienciar o conxunto da cidadania "de que esta é unha batalla que hai que dar agora". E animan o reitor a poñerse á cabeza desta reivindicación. "Podemos ter un conflito e mesmo problemas de tesoureria", di Pérez Casas, que engade: "benvidos sexan se con iso conseguimos salvar a universidade pública".

Ao redor de 200 PAS veñen de comezar un peche indefinido no edificio da Balconada

De momento os estudantes seguen pechados na Facultade de Historia e ao redor de 200 PAS veñen de comezar un peche indefinido no edificio da Balconada, que acolle algúns servizos administrativos da USC. O martes, cando está previsto que o Parlamento aprobe os Orzamentos, levarán a protesta até o Hórreo.

Alba Nogueira: "Hai unha aposta pola universidade privada. Soben as taxas do ensino público e recórtase a calidade até os niveis das universidades privadas"

Antonio Pérez Casas: "Hai 600 traballadores ca no 2010. Temos menor capacidade para ofrecer ensino de calidade ou para apoiar o sistema investigador galego" 

Alternativas fronte aos recortes da Xunta: "O reitor debe poñerse á cabeza da comunidade universitaria para facerlle fronte aos recortes"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.