Profesores da USC denuncian a "perda de recursos, de autonomía e de respecto" na universidade

Evolución dos orzamentos da Xunta destinados ao SUG Dominio Público Praza Pública

"Perda de recursos, perda de autonomía e perda de respecto". Deste xeito é como un grupo de profesores e profesoras da USC analizan a lei de orzamentos da Xunta no que atinxe aa sistema universitario galego nun texto que están difundindo entre a comunidade universitaria para sumar apoios. A análise destaca que "peor que os números, que puideran ser conxunturais, é a letra do texto da Lei de Orzamentos que modifica pola porta de atrás normas básicas de funcionamento das universidades, algunhas con rango constitucional". E sinala que "a perda de calidade, capacidades e oportunidades derivada destas contas para cumprir as funcións en formación e investigación que a sociedade espera das súas universidades non pode pasar desapercibida".

"Peor que os números, que puideran ser conxunturais, é a letra do texto da Lei de Orzamentos que modifica pola porta de atrás normas básicas de funcionamento das universidades, algunhas con rango constitucional"

O texto, de momento, está asinado por Edelmiro López Iglesias, Xaquín Fernández Leiceaga, Melchor Fernández, Xulia Guntín Arauxo, Dolores Riveiro, M. Fernández Grela e Marisa del Río (Economía); Castor Méndez, S. Rodríguez Holguín, Gonzalo Serrano, X M. Sabucedo (Psicoloxía); Xerardo García Mera, Xavier Gutián, Eduardo García-Rodeja (Farmacia); Florencio Arce (Química); Gumersindo Feijoo (Enxeñería Química); X. M. Monterroso Montero (Historia da Arte); Lourenzo Fernández Prieto (Historia); Augusto Pérez Alberti (Xeografía); J. M. López Rivadulla, Agustín Montes (Medicina); X. C. Carreira (EPS); Ernesto González Seoane e Elias Torres (Filoloxía) e Antonio Mosquera (Enxeñería Informática).

O texto comeza constatando esa "perda de recursos", cifrada nunha diminución do financiamento do 6,5% dende o ano anterior e do 17% dende o 2009

O texto comeza constatando esa "perda de recursos", cifrada nunha diminución do financiamento do 6,5% dende o ano anterior e do 17% dende o 2009. En termos constantes (euros de 2006) o orzamento de 2013 sitúa as universidades cun nivel de financiamento, entorno a 270 millóns de euros, similar ao de 2005. A análise lembra que "aínda hai que engadir a esas perdas outra, non menor e continuada, de poder adquisitivo, que se vai ver agravada para todos os traballadores/as de calquera nivel e tipo de contrato das universidades galegas". O documento asinado polos docentes afirma que "non queremos privilexios senón un tratamento axeitado á situación da sociedade da que formamos parte e máis ao papel que esta lle queira reclamar ás universidades".

"Os recortes de hoxe comprometen o noso futuro nos vindeiros 40 anos"

O texto sinala que de non poder facer efectiva a rebaixa de salarios dos funcionarios "o que parece esperable", afectará "de xeito máis contundente ao resto de contratados e laborais (PDI e PAS) e á suba das taxas". O documento salienta que "os recortes de hoxe comprometen o noso futuro nos vindeiros 40 anos" e que "existe unha intensa correlación directa entre o gasto universitario e o avance naqueles atributos que deben permitírmonos saír da crise antes e en mellores condicións: cualificación, innovación, competencia".

 

"Perigo de baltarización da Universidade"

O texto lembra que a autonomía con rendición de contas é "un precepto constitucional e unha garantía da liberdade científica e académica para as universidades" e denuncia que a Xunta "extralimítase no exercicio das súas competencias, invadindo ámbitos reservados a outros poderes ao pretender regular unha rebaixa adicional para os funcionarios estatais". Engade que "a intervención da Xunta de Galicia baleira as capacidades do Consello de Goberno da Universidade para xestionar os seus recursos e está convertendo aos Departamentos en meros negociados da Xunta de Galicia".

"O perigo de baltarización da Universidade tórnase máis real"

Alértase de que "os riscos de intervención política directa (e neste contexto de clientelismo) na toma de decisións internas da Universidade, xa constatados na práctica nos últimos meses, quedarían consolidados de aprobarse a “letra” desta Lei de Orzamentos". Os asinantes do documento denuncian que as decisións académicas sobre o persoal das universidades, e de cada un dos seus Departamentos, "pasarían a tomarse con criterios políticos externos". E conclúen que "o perigo de baltarización da Universidade tórnase máis real".

 

"Escasa e preguiceira argumentación"

A declaración pide "unha actuación decidida do equipo de goberno" para corrixir no debate parlamentario a Lei de orzamentos

O documento péchase criticando a "falta de respecto á Universidade como institución" e sinala que o apartado dos orzamentos que se refire ás universidades caracterízase "pola escasa –mesmo preguiceira- argumentación, pouco esforzo explicativo, trucos nominais e artificios, que ilustran esa perda de respecto a esta institución". Os asinantes parten da conciencia "da enorme dimensión da crise na que estamos inmersos" e da necesidade dunha reforma interna. Pero lembran que para mudar a situación "necesitamos unha universidade forte, e afortalala require grandes esforzos que debemos acometer tamén desde dentro da institución".

A declaración pide "unha actuación decidida do equipo de goberno e dos demais órganos de goberno universitarios, empezando polo Consello de Goberno", para corrixir no debate parlamentario a Lei de orzamentos. E para, en función do resultado final, "presentar recursos diante dos tribunais naqueles aspectos que o requiran". Os promotores do texto están procurando apoios a esta reivindicación entre a comunidade universitaria á que piden que se comparten este diagnostico envíen un correo de confirmación a debate.orzamentos.2013@usc.es

Evolución dos orzamentos da Xunta destinados ao SUG Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.