O fuel do Prestige continúa chegando á Costa da Morte

As cantidades de chapapote atopadas son baixas pero persistentes no tempo © Universidade de Vigo

Un grupo de investigadores liderados pola profesora da Universidade de Vigo, Ana Bernabeu, vén de publicar un estudo no Journal of Hazardous Materials que detecta a chegada de cantidades "baixas pero persistentes no tempo" de galletas de chapapote ás praias de Nemiña en Muxía e O Rostro en Fisterra.

Os investigadores realizaron un seguimento desde 2004 ata 2011

Os investigadores, entre os que se atopaban membros do grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental da Universidade de Vigo, o GLADYS da Universidade de Montpellier e o grupo de Química Ambiental do Consello Superior de Investigacións Científicas, realizaron un seguimento desde 2004 ata 2011. Fixeron visitas ás praias unha ou dúas veces ao ano en períodos de entre un a tres días. O seguimento anual realizado desde 2004 permitiulles comprobar unha maior e máis directa incidencia da ondada na praia do Rostro, onde sempre apareceu fuel, mentres que en Nemiña, un lugar máis protexido das ondas, só presentaba presenza de chapapote cando nas semanas previas houbera temporal do suroeste

Os investigadores cren necesario deseñar un protocolo de actuación que, tendo en conta o limitado volume de fuel que alcanza a costa, así como a localización concreta do mesmo controlada polas ondas, “non debería supor un grande esforzo, nin en recursos humanos nin tampouco económicos”, di Bernabeu. Engaden que aínda que non se dispón de cifras en canto ao volume total que poden supor estas chegadas de galletas de fuel e, polo de agora, a avaliación dos riscos da contaminación potencial aínda non se levou a cabo, os investigadores amosan a súa preocupación porque estes derrames poidan constituír unha fonte importante de contaminación no océano.

Os investigadores analizaron as praias de Nemiña e O Rostro entre 2004 e 2011 © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.