0 Gardados para despois

"Os grandes partidos son uns analfabetos dixitais. Confunden o saber fregar a pantalla do iPad con coñecer a tecnoloxía"

Redacción | @prazapublica

O avogado Javier de la Cueva, experto en propiedade intelectual, participou este sábado nos actos do décimo aniversario da Galipedia cunha palestra sobre Coñecemento Libre e Democracia. A Wikipedia en galego celebrou con esta xornada un fito que era agardado dende había semanas e que finalmente chegou este 4 de marzo: acadar a cifra de 100.000 artigos. O encontro foi unha oportunidade para que os galipedistas puidesen atoparse e desvirtualizarse en moitos casos, e tamén contou coa particiación doutras persoas implicadas no coñecemento e a cultura libre e na promoción da lingua e a cultura galegas.

Fracasou a Lei Sinde-Wert?

Totalmente. Era evidente que ía fracasar. É unha inxenuidade pensar que os gobernos Zapatero e Rajoy ían resolver mediante unha lei o que non se resolveu en ningún país do mundo nos últimos 20 anos que dura xa o problema de compartir ficheiros en internet.

"É unha inxenuidade pensar que os gobernos Zapatero e Rajoy ían resolver mediante unha lei o que non se resolveu en ningún país do mundo nos últimos 20 anos"

Cres que se vai a endurecer nos próximos meses a regulación da Propiedade Intelectual?

Desde logo. A tendencia da regulación da propiedade intelectual é cumprir a presión dos lobbies, para quen o máis importante é facela perpetua, ilimitada e punir as infraccións o máis posible. A través deste tres características pretenden facer escaso o que é ilimitadamente replicable a custo cero. A única maneira que teñen para manter un prezo de algo cuxa clonación é infinitamente posible a custo cero é pór os maiores impedimentos á devandita clonación: perpetua para quedar os dereitos o maior tempo posible, ilimitada para que teñan que pagar todos os casos (límites para invidentes, discapacitados, sector do ensino...) e pór o máximo castigo posible para previr a copia mediante a ameaza dun castigo.

A crise económica mudou a sensibilidade social cara ao software libre? A crise política achega a reclamación do open government e a necesidade de maior transparencia?

Non sería capaz de falar de que a causa é a sensibilidade social, pero si que ao haber menos diñeiro é lóxico que se busquen solucións máis económicas. Sobre o open government trátase aínda dunha petición moi minoritaria xa que é un concepto non estendido aínda. Acerca da maior transparencia, si que creo que está a transcender na opinión pública aínda que os poderes públicos non o teñen aínda moi asimilado. Exemplos tales como os de "Grava o teu pleno", que se atopa coas negativas dos alcaldes, indican moi ben a tensión existente entre a petición social e a postura de moitas corporacións locais.

"Exemplos coma Grava o teu pleno, que se atopa coas negativas dos alcaldes, indican moi ben a tensión existente entre a petición social e a postura de moitas corporacións locais"

Os grande partidos políticos entenderon a filosofía da rede? Ou simplemente fan un uso instrumental dalgunhas ferramentas pero sen cambiar a forma en que ven a sociedade?

Non entenderon a rede en absoluto. Son uns analfabetos dixitais. Confunden o saber fregar a pantalla do iPad con coñecer a tecnoloxía. E nin sequera entenderon que nos achamos ante a mutación do Estado cara a sistemas distribuídos participantes do procomún dixital.

Por que custa tanto que no Estado español se consolídense nas institucións as prácticas de open data?

Presumo que polas mesmas razóns polas que segue existindo Tele 5: incultura.

Que valoración fas da Lei de Transparencia?

É unha estafa ao electorado: unha lei de transparencia na que se non che dan a información tes que instar un procedemento primeiro administrativo e logo outro xudicial pagando unhas taxas non é unha lei de transparencia, é unha burla.

E da Axenda Dixital aprobada recentemente?

A Axenda Dixital é un plan que non ten carácter obrigatorio e ten carencias tales como a omisión do software libre, que é absolutamente esencial para que unha administración pública sexa independente tecnoloxicamente. Non se pode exercer soberanía propia a través de software propietario.

"Non se pode exercer soberanía propia a través de software propietario"

En que medida o open data é unha oportunidade para avanzar cara a un novo modelo produtivo baseado no coñecemento?

Son os átomos necesarios e imprescindibles para a constitución de bloques informacionais máis complexos. Son os números cos que comezar a facer matemáticas ou as letras dun alfabeto coas que comezar a escribir frases.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.