O escaso aforro enerxético dun horario alleo a Galicia

Reloxo nunha igrexa galega CC-BY-ND Ricardo Samaniego

Un aforro escaso, case nulo. Iso é o que Galicia acada grazas ao cambio horario da madrugada deste domingo, cando ás dúas son xa as tres. Segundo informa a Consellería de Economía a través do Inega, o país aforra un 1% no sector doméstico e sobre un 3% no sector servizos, mentres que a diminución total do consumo eléctrico é tan só do 0,4%, moi lonxe da que que se dá no conxunto do Estado, que é do 5%, tal e como estima o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE).

O aforro enerxético de Galicia co cambio horario é do 0,4% fronte ao 5% do conxunto do Estado

A Xunta destaca tamén nun comunicado que o maior aforro deste cambio de hora repercute sobre todo no ámbito familiar, xa que no industrial a estrutura de produción mantense de xeito constante, con independencia do horario.

A controversia chega a Galicia cada vez que se aplica este cambio na hora, que acentúa a diferenza co horario natural do país e que vén motivado en toda Europa pola Noventa Directiva, de obrigado cumprimento en todos os países desde a UE e vixente desde o ano 1981.

O réxime franquista decidiu unificar o seu horario co da Alemaña nazi e os países ocupados por afinidade ideolóxica

Pero a diferenza horaria do Estado español con outros países que se atopan no mesmo fuso horario, como Inglaterra, Portugal ou Irlanda, vén de moito máis lonxe e ten razóns estritamente políticas. Concretamente, pola afinidade ideolóxica do franquismo co réxime nazi alemán. Foi o 7 de marzo de 1940 cando o Boletín Oficial do Goberno publicou a orde na que ordenaba que se adiantase en 60 minutos un horario que ata daquela era común ao dos países da súa contorna.

“Considerando a conveniencia de que o horario nacional vaia de acordo co de algúns outros países europeos, e as vantaxes de todo tipo que o adianto temporal de hora achegará, dispoño que o sábado 16 de marzo, ás vinte e tres horas, se adiante a hora legal en sesenta minutos”, asegurábase na comunicación, que significaba que a España franquista se homologase voluntariamente coa hora central europea (CET), a mesma que Alemaña impuxera a todos os territorios ocupados que mantiñan un  horario diferente: Francia, Luxemburgo, Bélxica, Holanda e Polonia.

España decidiu continuar co horario imposto polo nazismo en Centroeuropa tras finalizar a Segunda Guerra Mundial

Ao rematar a Segunda Guerra Mundial, todos estes estados europeos decidiron manter un mesmo horario centroeuropeo, ao que se sumaron logo Andorra, Xibraltar e Mónaco. España, cuxa localización xeográfica non se correspondía en nada coa hora adoptada, mantivo unha hora máis do que lle correspondía e síguea mantendo máis de setenta anos despois.

Aplicando criterios xeográficos, que Madrid ou Barcelona (pero máis aínda A Coruña ou Vigo) teña a mesma hora que Berlín é pouco entendible. De feito, o horario medio de Greenwich ou GMT é o horario solar medio no Observatorio Real de Greenwich e que equivale a cero graos de lonxitude. Este meridiano cruzaría a costa mediterránea española, polo que tanto España como Francia, Gran Bretaña e Portugal deberían manter un mesmo horario.

Mapa de fusos horarios en Europa Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.