As ensinanzas artísticas superiores reclaman a súa integración na universidade galega

Encontro dos alumnos da ESAD cos deputados do BNG Carme Adán e Cosme Pombo este venres © BNG

A Plataforma Galega pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores na Universidade reclaman que con data do 1 de xullo de 2013 os centros integrados na mesma e as titulacións que ofrecen se adscriban á universidade. Todo depende dunha decisión da Xunta de Galicia que, con todo, lava as mans no asunto e pretende que o tema está suxeito á decisión doutras administracións ou que existen obstáculos económicos que dificultan o proceso.

O obxectivo de profesorado e alumnado é a consecución da titulación de Grao para os alumnos que se matricularon nel e que lles foi sustraido por unha senteza do Tribunal Supremo o pasado ano. Para darlle solución a ese problema, propoñen a adscrición e posterior integración das ensinanzas artísticas superiores na universidade galega. Alén diso, pretenden "a posta en valor e pleno desenvolvemento destas ensinanzas, que veñen reclamando esa integración hai moito tempo".

En representación do alumnado, Arianna Francescutto destacou que o alumnado reclama “o que contratamos nas matrículas”, é dicir, que os estudos sexan de grao, e “formar parte do sistema universitario”

Os deputados do BNG Carme Adán e Cosme Pombo, expresaron este venres o apoio do Bloque á demanda da alumnado da Escola Superior de Arte Dramática para que a titulación deste centro sexa homologada ás titulacións universitarias. Cosme Pombo explicou que o obxectivo prioritario é que “a titulación da primeira remesa de alumnos e alumnas do curso que vén sexa de grao e con homologación europea”. Carme Adán subliñou que para a Xunta "apoiar esta reclamación non supón máis custe, senón que só se necesita vontade política para facer a homologación”.

En representación do alumnado, Arianna Francescutto destacou que o alumnado reclama “o que contratamos nas matrículas”, é dicir, que os estudos sexan de grao, e “formar parte do sistema universitario”. Francescutto salienta que "a anterior reforma educativa recolle que os centros que imparten ensinanzas artísticas poden iniciar un proceso de adscrición á universidade e iso depende de cada autonomía. Polo tanto, a responsabilidade recae na Xunta, que é que ten de decidir sobre ese proceso.É un proceso moi sinxelo, pero a Consellaría non accede e lavou as mans dicindo que non hai cartos. Pero non é unha cuestión de cartos, senón que é unha decisión política".

É un proceso moi sinxelo, pero a Consellaría non accede e lavou as mans dicindo que non hai cartos. Pero non é unha cuestión de cartos, senón que é unha decisión política"

Arianna Francescutto conclúe que "Portugal ofrécenos unha titulación universitaria e está aquí ao lado. Isto vai provocar que marchemos a Portugal ou a outros países onde si nos convalidan os nosos estudos". Nas vindeiras semanas intensificarán a súa mobilización para que a súa situación sexa coñecida. Tamén levan semanas recollendo sinaturas a través de Change.org.

Hai tres anos os e as estudantes, docentes e profesionais da conservación e a restauración e doutras disciplinas acadaron un obxectivo que viñan procurando dende había tempo. Que as ensinanzas artísticas superiores se integrasen no Sistema Universitario. O Real Decreto 1614/2009 de 26 de outubro permitía que os estudos de ciclo superior de Música, Deseño, Artes Plásticas, Deseño ou Conservación e Restauración se incorporasen ao ensino universitario, con categorías de grao e postgrao, e outras vantaxes, tanto para os centros, os alumnos e os docentes, como salienta unha Plataforma creada co obxectivo de reivindicar esta condición.

"Portugal ofrécenos unha titulación universitaria e está aquí ao lado. Isto vai provocar que marchemos a Portugal ou a outros países onde si nos convalidan os nosos estudos"

Porén, en 2012 unha sentenza do Tribunal Supremo, que admitiu un recurso da Universidade de Granada contra o ordenamento das ensinanzas artísticas superiores, devolveunos á súa condición previa de estudos técnicos superiores, equiparables legalmente aos graos e postgraos universitarios, pero non integrados no sistema universitario, e con meirandes dificultades para que os alumnos e docentes vexan recoñecida esta condición á hora de solicitar bolsas, Erasmus ou residencias universitarias. Reclaman que non é unha simple cuestión de "nomenclatura" e que as diferenzas son importantes.

Encontro dos alumnos da ESAD cos deputados do BNG Carme Adán e Cosme Pombo este venres © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.