Catalogan un extenso castro costeiro en Foz, sobre o que se construíron o paseo marítimo e catro vivendas

Xacemento O Carreiro- Marzá © Mariña Patrimonio

O pasado mes de novembro a Asociación Mariña Patrimonio comunicoulle ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a existencia dun xacemento arqueolóxico situado a 300 metros do casco urbano de Foz, no lugar do Carreiro, entre as praias de Llas e a Rapadoira. Tratábase dun posible castro costeiro, que vén de ser catalogado como Xacemento O Carreiro-Marzán.

O de Carreiro-Marzán sería un castro moi extenso, dunhas seis hectáreas, asentado sobre catro pequenas penínsulas diferentes, cando o habitual é que estas construcións ocupasen apenas unha península a carón do mar

Mariña Patrimonio cre que hai indicios suficientes para consideralo un castro costeiro, debido á cerámica atopada no lugar e a que as estruturas que se atopan á vista e a súa morfoloxía gardan unha gran similitude con outros castros costeiros de Foz e da Mariña. Porén, o de Carreiro-Marzán sería un castro moi extenso, dunhas seis hectáreas, asentado sobre catro pequenas penínsulas diferentes, cando o habitual é que estas construcións ocupasen apenas unha península a carón do mar. Ademais, na península máis ao leste atópase unha finca estreita e alongada cun forte desnivel, que podería ser parte do foxo e parapeto.

Na zona dos cantís pódense ver varios muros das cabanas do castro e tamén se atopan numerosos fragmentos de cerámica construtiva con armazón vexetal, vinculada con fornos posiblemente de actividade metalúrxica. Mariña Patrimonio indica asemade que a tradición oral fala da existencia dunha cova no Pico do Castro de Foz a un quilómetro do Carreiro. Esta furada tería dúas saídas, unha iría ata o Cu do Castro (castro de Llas) e outra ata O Carreiro. Neste castro habería unha mina, disque de ouro, que foi tapada no ano 1994 ao construír o paseo marítimo.

Nas últimas décadas unha parte do posible castro foi destruída pola construción dun paseo marítimo e de catro vivendas unifamiliares a rentes da liña de costa

Nas últimas décadas unha parte do posible castro foi destruída pola construción deste paseo e de catro vivendas unifamiliares a rentes da liña de costa. Así mesmo, a estrada que vai de Llas á Rapadoira levou por diante a meirande parte dos foxos e parapetos, que si se apreciaban, por exemplo, en imaxes áereas tomadas a finais dos anos cincuenta por avións norteamericanos. En calquera caso, a grande extensión do xacemento dálle un enorme valor e Mariña Patrimonio reclama que o castro debe ser protexido, para preservar a súa riqueza cultural e atraer o turismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.