0 Gardados para despois

“Galicia retrocedeu 20 anos en investigación”

Marga Tojo


“Somos tipos de corenta anos, con familias, con fillos. Somos investigadores e investigadoras que renunciamos a unha carreira no estranxeiro por regresar a Galicia, con apego a ela, baixo un compromiso de estabilidade, esquivando o noso penoso modelo de exportación de cerebros. Será dificil reciclarnos, somos profesionais que levamos quince anos desentramando películas de óso, a orixe da materia ou examinando átomos; a pouca industria que hai na comunidade contratará a alguén recén saído da facultade sen experiencia, non a tipos coma nós”. Cun sorriso e ollos tristes falan Pedro Vázquez Verdes, Ezequiel Álvarez Castro e Pablo Vázquez Regueiro, tres dos dezasete investigadores Parga Pondal da USC que quedaron sen traballo o pasado 28 de decembro. Séntense enganados e están convencidos de que o seu cesamento é só o inicio dun rotundo declive da investigación no conxunto do Estado.

A Relación de Postos de Traballo (RPT) que se anunciará a finais de mes será clave.

Cun currículo de nivel formativo máximo, tese de doutoramento, una media de cinco anos de estadía en centros de investigación foráneos e un salario mensual de entre 1300 e 1400 euros esperaban acceder no 2012 a un contrato dos recoñecidos na Universidade segundo a LOU, profesor contratado-doutor ou profesor titular de universidade. “Os que xestionan esta crise están a errar –aseguran-. En cada un de nós lévanse investidos 800.000 euros con cartos públicos pagados cos impostos de todos os galegos; o futuro da nosa investigación é o único modo de devolverllos á sociedade. Ese era o obxectivo”. Case 3.000 persoas os apoiaron a través da plataforma en liña Actuable e o luns, tras a decisión “histórica” do Consello de Goberno da USC –demandada por despedimento improcedente- de admitir os recursos expostos, aceptouse seguir negociando o futuro dos investigadores. Relatan con medido optimismo que dentro da universidade hai moita xente que os apoia, “porque producimos artigos, captamos fondos, somos novos –nos vindeiros anos haberá unhas 50 xubilacións por curso- e capaces de formar novos investigadores”. A Relación de Postos de Traballo (RPT) que se anunciará a finais de mes será clave.

Balóns fóra
Consultada por este xornal, a Xunta –que xa se comprometeu a pagar os tres anos do programa de consolidación de investigadores Manuel Colmeiro, reducido a 15 prazas no 2011- asegura que o seu obxectivo é e será “traballar para captar e reter o talento investigador” e que os despedimentos foron responsabilidade da USC, que ten competencia exclusiva. E alegan como proba que os Parga Pondal das outras universidades contiúan. Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela lembra que até hai ben pouco era a única que estabilizaba e dispuña de programa de captación de talento –Galicia é, de feito, das poucas comunidades que conta con este recurso- “pero a paralización da masa salarial, o aumento de cobros se sexenios e trienios do noso persoal, e o decreto extraordinario do novo goberno, que impide crear prazas, obrigan a tomar algunha determinación”. A impresión dos Parga Pondal é que se pretende modificar a política de estabilización e que o seu, supón o primeiro paso.

Mario Bunge, filósofo: “Se os gobernos seguen a descoidar a investigación básica e lle seguen a dar prioridade ao armamento e á conquista territorial, a ciencia acabará e con ela a técnica”

O I+D que se anunciou hai anos como auténtica garantía de futuro, -máis nunha sociedade de industrialización tardía-, segue sen funcionar correctamente. Porque como innovar e desenvolver sen unha investigación básica e cunha histórica desconexión entre universidade e industria? A Xunta volve incidir na innovación  a través dunha nova Axencia Galega e en que universidades e mundo empresarial traballen da man, nun enésimo intento. Cando anunciou o Plan de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015, o conselleiro Javier Guerra matizaba o apoio á investigación básica co argumento de que non ten sentido “que dediquemos unha cantidade importante de recursos á investigación se non teñen un retorno para o sistema e a economía”. A realidade é que as universidades representan a práctica totalidade da investigación básica en Galicia e que, sen ela, resulta impostíbel innovar. Tamén no conxunto do Estado español o sector privado supón menos dun 20%. Outra saída é o CSIC, pero na comunidade está pouco representado.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Hai ou non hai retorno?

“Por suposto que a investigación básica repercute na sociedade!”. Ezequiel Álvarez Castro é un farmacéutico que investigaba co programa Parga Pondal no departamento de Medicina e no laboratorio de investigacion traslacional da Facultade de Medicina, na búsqueda de resultados básicos que poidan ser trasladados o máis rápidamente posíbel á clínica –“estaba centrado na aterosclerose, que é a base do infarto agudo de miocardio, buscando dianas de prevención e de clasificación da gravidade do paciente-. Por iso lembra que “para curar enfermidades, a investigación básica cumpre a función de detectar que molecula, que proteina, etc. é a que non funciona, algo sen o que non se podería avanzar”. “A verdade e que nós divulgamos mal o que facemos”, recoñece Álvarez, “pero creo que esa non é a nosa tarefa, senón a dos gobernos e sobre todo das empresas, que son moi pouco expertas en aproveitar as investigacións, non están en absoluto atentas. Por exemplo, o Velcro saiu da Nasa e agora úsase en moitísimas cousas”.

Pedro Vázquez Verdes desenvolvía as súas principais investigacións sobre as interaccións dos sulfactantes e das proteínas no departamento de Física Aplicada para xerar novos fármacos ou aditivos farmacolóxicos, un deles destinado ao tratamento de certos tipos de cancro. Describe a investigación básica como lenta e laboriosa, “hai que probar milleiros de compoñentes antes de que algún deles chegue ao mercado, non sei se as farmacéuticas están dispostas a investir tanto, por iso son un modelo de empresa que si recurre ao noso traballo para adiantar pasos nos seus produtos”.

Unha outra cuestión fundamental é a económica, non hai organismos privados capaz de sufragar determinadas empresas, como a do Gran Acelerador de Partículas, cuxa construcción precisou da participación dos gobernos de todo o mundo, sobre todo Europa. Nel traballará até a fin do seu contrato, o mes que vén, outro dos Parga Pondal da USC, Pablo Vázquez Regueiro. Membro do departamento de Física de Partículas da Facultade de Física. “Falar do que fago sempre causa certa espectación”, comenta, pois o científico ocúpase nin máis nin menos que de descubrir a orixe da materia. “Fan falla decenas de miles de expertos que traballan durante decenas de anos para acadar un nivel moi básico da material, a ciencia básica é o pilar do coñecemento. Pero por si soa non vale”. Vázquez é, por certo, un dos colaboradores do CERN, a Organización Europea para a Investigación Nuclear, nai casual da Web, hai uns 23 anos, froito dunha necesidade imperiosa de intercambiar arquivos de forma masiva entre os seus científicos. Un exemplo contundente de como a investigación básica lle devolve á sociedade, até de forma azarosa, o investido.

Sen cultura de investigación

Galiza, e tamén España, carecen de cultura investigadora. “Pregúntelle a calquera dos Parga Pondal e verá como nas súas estadías no estranxeiro foron valorados e respectados e como a todos eles se lles ofreceu un posto de traballo. Nos países con tradición investigadora todo o mundo sabe o que fai un investigador, igual que saben o que fai un zapateiro, non tes que explicar nada”, din.

Ao adoecer de recursos naturais economicamente competitivos, Europa non pode descoidar o seu enorme potencial investigador, do que leva vivindo longo tempo. Pero o Estado español limitou o seu modelo de produtividade ao ladrillo, “e en canto fallou iso quedamos sen modelo”. O investimento en investigación e I+D da Europa forte triplica ou cuadruplica o español. E se isto se lle une o recorte do 7% anunciado polo goberno de Mariano Rajoy “vese que estamos a errar novamente a estratexia”.

Ignorancia política

“Os nosos politicos por tradición non saben en que consiste a investigación”, di Álvarez, quen lembra que nun encontro co director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, "díxonos que el non ten clara a diferenza entre investigación e innovación, malia ter dirixido Tecnópole -Parque Tecnolóxico de Galicia- antes de exercer o seu cargo na Xunta; e o peor é que non ten interese en sabelo”.

Alén do baixo investimento económico e do deficiente aproveitamento do rendido, a outra clave do fracaso radica na inestabilidade dos programas. “Os políticos non entenden que as convocatorias nunca se poden parar porque das ao traste co feito; non entenden que a investigación é unha carreira de fondo, e se dedican a convocar un ano si e outro non, un ano en basica, outro en innovación… O noso caso é un exemplo claro: Non podes estar formando durante quince anos unhas persoas para isto e porque este ano non haxa cartos perder todo ese investimento e deixar a USC sen xeración de relevo en investigación, que somos nós, porque en oito anos a Universidade de Santiago terá 366 xubilacións. Normalmente non pasaría nada grave se este ano non se constrúe unha nova rotonda nunha estrada pero se este ano eliminas as investigacións, si, perdes o traballo de anos e condicionas os anos futuros”, aseguran.

“Como unha Cidade da Cultura”

“Trátase dun problema político”.  E a solución pasa, en palabras de Pedro Vázquez, porque os tres grandes partidos galegos senten a negociar un plan de investigación e o doten de estabilidade: “Que o copien de onde sexa, que hai moitos países como exemplo, un modelo que saiban que funcione, que se poñan de acordo e que o implanten, que non o cambien cada catro anos, que deixen o proceso de creación e fulminación sen senso e de pensar na investigación en termos de ladrillo, este ano non fago nada e xa construirei o triple o que vén”. Nese senso, consideran negativa a actual Xunta.

O programa Parga Pondal foi creado no ano 2003 pola Xunta de Fraga. No período 2006-2010, a investigación galega experimentou un certo empuxe grazas ao Plan Incite, un programa de recursos humanos pioneiro en todo o estado Español, definido polo bipartito. O modelo sentaba as bases para unha carreira investigadora que Precarios Galicia cualificaba como "digna e ben estruturada", na que, cumprindo uns obxectivos de excelencia marcados a priori, os investigadores podían acadar a estabilización laboral nun período de tempo razoábel. “Nestes tres anos de Xunta de Feijóo parouse todo”, protestan.

Segundo os entrevistados, tras un primeiro ano “catastrófico e totalmente perdido para a investigación en Galiza tras eliminar as convocatorias e un segundo ano de convocatoria irrosoria, agora presentan a Axencia Galega de Innovación porque non lles gusta a palabra investigación, e que non sabemos en que se vai basear”. “En Galiza recuamos como dez ou vinte anos en material de investigación, despois dun breve periodo de crecemento. Igual en España, onde se creou e derrubou o Ministerio de Ciencia, que funcionaba como se fose unha Cidade da Cultura; temos o edificio pero non sabemos que meter dentro. E o peor de todo é que aos politicos lles sae gratis, porque a sociedade non coñece o verdadeiro valor do noso traballo”.