Os estudantes de conservación e restauración queren seguir sendo universitarios

Cartaz da protesta © Asemblea Galega de Estudantes de Conservación

Hai dous anos os e as estudantes, docentes e profesionais da conservación e a restauración e doutras disciplinas acadaron un obxectivo que viñan procurando dende había tempo. Que as ensinanzas artísticas superiores se integrasen no Sistema Universitario. O Real Decreto 1614/2009 de 26 de outubro permitía que os estudos de ciclo superior de Música, Deseño, Artes Plásticas, Deseño ou Conservación e Restauración se incorporasen ao ensino universitario, con categorías de grao e postgrao, e outras vantaxes, tanto para os centros, os alumnos e os docentes, como salienta unha Plataforma creada co obxectivo de reivindicar esta condición.

A sentencia devólveos á súa condición previa de estudos técnicos superiores, equiparables legalmente aos graos e postgraos universitarios, pero non integrados no sistema universitario

Porén, unha recente sentencia do Tribunal Supremo, que admitiu un recurso da Universidade de Granada contra o ordenamento das ensinanzas artísticas superiores, devólveos á súa condición previa de estudos técnicos superiores, equiparables legalmente aos graos e postgraos universitarios, pero non integrados no sistema universitario, e con meirandes dificultades para que os alumnos e docentes vexan recoñecida esta condición á hora de solicitar bolsas, Erasmus ou residencias universitarias. Reclaman que non é unha simple cuestión de "nomenclatura" e que as diferenzas son importantes.

Dúas promocións da Escola Superior de Conservación de Bens Culturais de Galicia xa teñen iniciado o Grao en Conservación e Restauración, contemplado no decreto impugnado, e cursan estudos adaptados ao sistema de créditos ECTS como esixiu no seu momento a Xunta de Galicia. Agora, a súa situación, coma a de moitos outros, queda nun limbo. 

Os alumnos de Conservación sairán este mércores ás rúas de Pontevedra a partir das 17 horas para informar os cidadáns da situación actual dos seus estudos

Por estes motivos, os alumnos de Conservación sairán este mércores ás rúas de Pontevedra a partir das 17 horas para informar os cidadáns da situación actual dos seus estudos e para obter o maior número posible de sinaturas en apoio á entrada no Espazo Europeo de Educación Superior. Supón, ademais, a defensa da profesión de conservador-restaurador, indican, "unha profesión esixente, que implica aplicar un coidado método de diagnose e tratamento". "Ninguén diría que o santuario da Peregrina, o castro de Baroña, o Pórtico da Gloria, a obra gráfica de Castelao, as fotos de Pacheco ou as pallozas do Piornedo sexan algo secundario. Por que os nosos estudos han de ficar nun nivel inferior?", denuncian.

Cartaz da protesta © Asemblea Galega de Estudantes de Conservación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.