A universidade pública clama ante a Xunta pola súa supervivencia

Cabeceira da protesta CC-BY-SA Praza Pública

Tras moitos días de calor a xornada deste venres amenceu desapacible en Compostela. Se cadra, o orballo, o ceo gris e o vento do norte son o mellor escenario para representar a situación actual da unviersidade galega, que botaba a andar oficialmente o curso cun acto solemne no Pazo de Fonseca. O histórico recinto, o mesmo que foi segunda sede do Parlamento, pasou boa parte da mañá blindada por ducias de axentes antidisturbios que, a falta de traballo efectivo, tiveron tempo para escandalizárense cando lles berraban "eses de azulón, de que facultade son?". Do outro lado da pancarta había persoal docente, investigador e de servizos, representantes sindicais e alumnado clamando contra os recortes nas institucións académicas.

"Nós si sabemos onde recortar". "Non ás tesoiradas na universidade", berraban, nunha mañá na que as protestas non só estiveron na rúa na que a Policía dificultaba por igual o tránsito dos manifestantes e dos turistas, en pleno centro da cidade. Nas togas de varios catedráticos, catedráticas e máis dirixentes e persoal da universidade tamén figuraba o símbolo das tesoiras riscadas, o mesmo que atopou na cadeira na que lle tocaba sentar o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, encargado de dirixir o acto en ausencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen máis ou menos casualmente tiña que inagurar á mesma hora un treito dunha estrada.

Persoal da universidade e alumnado subliña que os recortes en ciencia vainos pagar "toda a sociedade"

As reivindicacións das pancartas, dos traxes académicos e dos cartaces que foron amosados por moitos dos presentes en diferentes momentos do acto son ben coñecidas. Chaman a reverter a caída no "financiamento estrutural" das universidades do país, que "pasou en 2013 de 290,06 millóns de euros a 250,74 millóns", censuran "a reforma Wert do sistema de bolsas, que expulsan do ensino os estudantes de familias con menos recursos", e alertan da fuga de cerebros, da "condena á interinidade" de boa parte do persoal e da "destrución do sistema galego de investigación", realizada "con asañamento". E este, subliñan, non é un problema só dunha xeración ou só do persoal das institucións académicas: "ha pagalo toda a sociedade".

O reitor da USC reclama un "cambio inmediato"

Aínda que con menor contundencia que a das persoas que protestaban no exterior e no interior da sala, tamén o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, aproveitou o seu discurso inagural do curso para esixir ante o conselleiro de Educación un cambio "inmediato, sen dilación" nas súas políticas universitarias en xeral e no ámbito da investigación en particular. A universidade galega ten unha "fonda preocupación polo devir do apoio público á investigación", di Casares, quen optou por un ton docente para explicarlle a Jesús Vázquez os porqués da necesidade da investigación científica.

Mentres os gobernos se guían por un "modelo económico" baseado na "competitividade", eses principios "necesariamente distorsionan" a "obriga de servizo público" das institucións académicas, explica. Porque "aínda sendo certo que a I+D pode producir beneficios económicos non pode formularse exclusivamente neses termos". Por iso, di, non valen as teorías que, dende "o ámbito político e económico", argumentan que  "só debera financiarse a investigación aplicada". "Nin Maxwell ou Gauss, no século XIX, pensaban na radio, no rádar ou na televisión cando escribiron por primeira vez as ecuacións fundamentais do electromagnetismo", ilustra.

Casares Long augura un descenso "dramático" da produción científica se o apoio público non se incrementa de "inmediato"

Os recortes aos que está sendo sometida a investigación, di o reitor compostelán, van provocar que en poucos anos a produción científica "descenda de xeito dramático", algo que "terá, sen dúbida, efectos sobre a cultura, a sociedade e mesmo a economía". "Non esquecemos que estamos en crise", afirma, o que non lle impide considerar que é "indubidable que o investimento en investigación debe ser claramente superior ao que se recolle, ano tras ano, nas leis orzamentarias", máis aínda nun panorama no que "os acontecementos de tipo lexislativo e normativo" están a provocar "unha perda de autonomía" universitaria, chegando a "converter en papel mollado o recollido na Constitución".

Pola banda gobernamental o conselleiro, que non dubidou en aplaudir a intervención do reitor, puxo en escena un discurso que non saíu, nin nunha coma, da liña oficial do Executivo. "A todos nos gustaría" que a "bonanza económica" chegase "canto antes", di Jesús Vázquez, quen alerta dos perigos do "individualismo" nuns tempos nos que malia todo, afirma, o sistema universitario galego está "moito mellor" que outros dentro do propio Estado. E isto acontece, segundo o conselleiro, grazas á "aposta" da Xunta "pola universidade pública".

A reivindicación contra os recortes, tamén nas togas CC-BY-SA USC
Discurso de Casares Long © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.