120 investigadores discuten na Toxa os resultados do acelerador de partículas do CERN

O LHC do CERN © CERN

120 investigadores procedente de Alemaña, Brasil, Canadá, Estados Unidos, Finlandia, Francia, España, Holanda, Hungría, India, Italia, Polonia, República de Corea, Rusia, Suecia, Suíza e Xapón analizarán ao longo desta semana na Illa da Toxa os novos resultados de colisións protón-núcleo do acelerador de partículas do CERN. 

As sesións de traballo realízanse baixo a coordinación do proxecto Starting Grant concedido ao investigador da USC Carlos Salgado

As sesións de traballo realízanse baixo a coordinación do proxecto Starting Grant concedido ao investigador da USC Carlos Salgado, que explica que os datos rexistrados son “bastante sorprendentes e parecen indicar a creación dun medio moi denso a temperaturas elevadas –máis de 100.000 veces as rexistradas no interior do sol– do tamaño dun protón”. Os datos sinalarían a existencia de propiedades líquidas e que, de confirmarse, corresponderían co líquido máis pequeno e máis perfecto nunca medido. Como explica Carlos Salgado, este estado denominado plasma de quarks e gluóns é o estado de todo o universo uns microsegundos despois do Big Bang.

Nesta conferencia internacional, cuxas sesións científicas comezaron este luns 9 e rematarán o sábado 14, discutiranse os coñecementos actuais no ámbito experimental e teórico respecto da estrutura partónica de protóns e do núcleo, as condicións correspondentes ás etapas iniciais da colisión, incluíndo o papel e natureza das flutuacións, a evolución hidrodinámica seguinte, a determinación da viscosidade e outras propiedades dos medios.

O LHC do CERN © CERN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.