Pais 2.0: Unha app que avisa cando o cueiro está cheo

Tweet Pee © Praza Pública

O blog Se o vello Sinbad tivese fillos descóbrenos o Huggies Tweet Pee, un dispositivo que detecta a humidade do cueiro e avisa aos pais de que é hora de cambialo.

"O aplicativo notifica os pais que o bebê fez xixi por mensagem de texto ou redes sociais"

Aínda que nós xa non o necesitemos, a xente de Huggies Brasil vén de lanzar unha cousa tan novidosa como ridícula e innecesaria; falo do Huggies Tweet Pee, un dispositivo que detecta a humidade do cueiro e avisa aos pais de que é hora de cambialo. Cito textualmente: "O aplicativo notifica os pais que o bebê fez xixi por mensagem de texto ou redes sociais"

Quero entender que o que fai o Tweet Pee é enviar un aviso a unha aplicación do móbil que previamente terás que descargar, non que tamén o vai publicar no teu perfil de facebook ou na túa conta de twitter nin vai subir unha foto da micción á túa conta instagram, pinterest, etc., non si?

O sensor en cuestión ten forma de paxariño e, á parte de que non creo que sexa moi cómodo levar un paxaro entre as pernas (e dígoo de xeito literal, non para facer o chiste fácil), teño as miñas dúbidas sobre o tempo que pode durar aí antes de que os portadores o arrinquen e o leven á boca.

O Tweet Pee é tan listo que tamén avisa de que tes que mercar cueiros facendo unha especie de media dos que consumes ao mes, evitando así as viaxes de urxencia ao Mercadona mercar un paquete de urxencia

E digo eu, tan parvos somos agora os pais que os tan manidos noutros tempos sentidos do olfacto e do tacto xa non nos chegan para detectar que o neno ou a nena está mexado?

Polo visto, o Tweet Pee é tan listo que tamén avisa de que tes que mercar cueiros facendo unha especie de media dos que consumes ao mes, evitando así as viaxes de urxencia ao Mercadona mercar un paquete de urxencia.

E para que vos convenzades que este trebello pode cambiarvos a vida, aquí tedes un vídeo que o explica moito mellor ca min:

Tweet Pee © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.