0 Gardados para despois

A escola aínda non é dixital

eldiario.eseldiario.es | @eldiarioes


O encerado dixital interactivo substituíu xa en numerosos centros educativos o vello encerado cos seus xices e borradores, pero o curso escolar 2013-14 que vén de comezar aínda non fala en formato electrónico. Segundo a Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (CEGAL), apenas un 1% dos colexios españois teñen todo o seu material adaptado ás novas tecnoloxías e só entre un 20% e un 30% estaría a utilizar diversas aplicacións como recursos complementarios ao libro de texto.

Apenas un 1% dos colexios españois teñen todo o seu material adaptado ás novas tecnoloxías e só entre un 20% e un 30% estaría a utilizar diversas aplicacións como recursos complementarios ao libro de texto

Nin sequera as librarías, como confirma o presidente de CEGAL, Juan Manuel Cruz, están a notar unha baixada en facturación por este motivo: “Os libros dixitais, por exemplo, só están presentes en 1.500 colexios de Andalucía, o cal é insignificante. Hai outros factores que inflúen como as axudas á compra ou as vendas directas por parte das asociacións de nais e pais, pero non porque se substitúa o material en papel polo dixital”.

Unha recente enquisa de Nielsen sinalaba que en EEUU até un 50% dos nenos e adolescentes utilizan xa dispositivos móbiles para a súa formación académica

De feito, España aínda está moi lonxe -unha vez máis- das cifras que se manexan nos países anglosaxóns. Unha recente enquisa de Nielsen sinalaba que en EEUU até un 50% dos nenos e adolescentes utilizan xa dispositivos móbiles para a súa formación académica. En España, como confirma Óscar Fajardo, responsable do mercado dixital da editorial SM, “imos a distintas velocidades, hai moi poucos centros que se adaptaron completamente, outros as están descubrindo agora e a maioría segue co papel”.

Hai varios motivos que explican a escasa aposta tecnolóxica. A principal, tal e como sinalan desde Anaya, Santillana e Cuadernos Rubio é o factor crise económica, que frea os investimentos e tamén a compra das tabletas e demais dispositivos por parte dos pais, que son os encargados de facelo, como até agora fixeron dos libros de texto.

Hai varios motivos que explican a escasa aposta tecnolóxica. A principal, tal e como sinalan desde Anaya, Santillana e Cuadernos Rubio é o factor crise económica, que frea os investimentos e tamén a compra das tabletas

A segunda é que aínda non hai un desenvolvemento completo de aplicacións educativas e libros online adaptados ao curso escolar. De feito, só este curso a Comunidade Valenciana puxo en marcha un programa piloto para adaptar as aulas ás novas tecnoloxías.

É certo, no entanto, que xa existen propostas. Por exemplo, en Santillana, onde levan cinco anos traballando neste tema, desenvolveron a aplicación Pupitre para iPad que propón diversas actividades, aínda que como sosteñen Marta Bonet, xerente de contidos, e David García Vergara, responsable de produtos de mobilidade, “non é tanto un substituto como un complemento” ao material xa existente. En SM desenvolveron un ebook online, pero “é un modelo que combina papel e dixital”, afirma Fajardo. En Anaya están a dixitalizar todo o seu catálogo, porque como recoñece Carlos San José, responsable de contidos dixitais, si é evidente que a tendencia é a que  haxa “máis libros dixitais, máis recursos dixitais e unha contorna virtual de aprendizaxe”, pero aínda esta era non se instalou completamente. E nos míticos Cuadernos Rubio, a pesar de pór en marcha unha serie de aplicacións dispoñibles en sistema iOS (iPad) e Android (até dentro de dous meses só para Samsung) e Windows (Windows 8), séguese apostando polo papel, xa que “para nós é o futuro. A clase poderás dala en dixital, pero os recursos ao chegar a casa teñen que seguir sendo en papel”, engade Vicente Zacarés, responsable de contidos desta editorial.


O problema das licenzas

As licenzas de acceso aos contidos educativos dixitais requiridos polo centro escolar só teñen validez durante un ano

Outro dos temas a debate nesta inmersión dixital ten que ver coas licenzas dos contidos educativos, o que abre o interrogante sobre se o material electrónico pode ser máis rendible para os pais que o actual. Até a data, son os pais os que teñen que comprar o dispositivo, cando este se requira (unha tableta ten un prezo de 300 euros, aproximadamente), e despois pagar unha licenza de acceso aos contidos educativos dixitais requiridos polo centro escolar, pero que só ten validez durante un ano, despois, desaparece, non como ocorre cos libros de texto que unha vez comprado é da túa propiedade (e mesmo se pode prestar). Neste sentido están a establecerse diferentes packs para tentar equilibrar a oferta e paliar as desvantaxes. Por exemplo, en Santillana por 30 euros pódense obter todas as materias. “É verdade que as licenzas online son máis baratas, o que ocorre é que o investimento no dispositivo segue sendo grande”, confirma Fajardo.

Por aí pódese abrir unha porta, a da desigualdade, que tentaron atallar en Cuadernos Rubio, xa que as súas aplicacións non teñen límite de uso. “Esa é a política que están a adoptar as editoriais, pero no noso caso decidimos que pervivan. Unha vez que a teñas é para sempre”, sinala Zacarés, para quen este sistema “desde logo si é moito máis rendible para os pais que o desembolso que teñen que facer agora”.


As vantaxes pedagóxicas

“Isto axuda a que a súa integración nas aulas sexa moito máis sinxela que os computadores de sobremesa ou calquera portátil"

A pesar dos obstáculos á entrada das novas tecnoloxías, os profesores e expertos en educación si recoñecen as súas vantaxes na pedagoxía. Segundo Almudena Castellanos, doutora en Ciencias da Educación e profesora de Tecnoloxía Educativa da Universidade Internacional de La Rioja, as tabletas son dispositivos moi intuitivos que permiten que cun só dedo abramos cartafol ou agrandemos imaxes: “Isto axuda a que a súa integración nas aulas sexa moito máis sinxela que os computadores de sobremesa ou calquera portátil. Doutra banda, a mobilidade permite que os alumnos as leven á biblioteca, ao laboratorio ou á aula ordinaria, e a posibilidade de traballar sen cables fai que moitos perigos desaparezan. Estamos a educar nenos e nenas que traballarán con estas ferramentas no seu futuro profesional polo que é indispensable ensinarlles a manexalas con fins positivos”, afirma.

“As novas tecnoloxías permiten atraer moito máis a atención do neno. Fan que a clase sexa máis interactiva, visual, práctica e plasmas os contidos dunha forma máis concreta”

“As novas tecnoloxías permiten atraer moito máis a atención do neno. Fan que a clase sexa máis interactiva, visual, práctica e plasmas os contidos dunha forma máis concreta”, sostén Zacarés, para quen, por outra banda, son os profesores os que teñen que empezar a ver as vantaxes: “Desde logo, o 100% dos que traballan con elas xa non volven ás formas tradicionais”. Aínda así, iso chegará noutros cursos. De momento, o que agora comeza segue sendo analóxico.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.