A Xunta mantén a cifra de hectáreas queimadas tras a segunda noite de batalla contra o lume no Eume

O corazón da fraga, preto de Caaveiro, queimado © Xurxo Mariño (@xurxomar)

Non cambian as cifras. Tras a segunda noite de batalla contra o lume o Goberno galego mantén que o devastador incendio que arrasa un dos bosques atlánticos máis importantes de Europa arrasou 750 hectáreas e que o seu perímetro está "controlado". "O peor xa pasou", di a Xunta a través do Twitter. Iniciado contra as dúas da tarde no municipio da Capela, a existencia de tres focos iniciais no lume obrigou a decretar a alerta nivel 1 -que segue na tarde do domingo- pola proximidade das lapas ás vivendas e que se estendeu, seguindo o curso do río, cara a catro concellos veciños, entre eles As Pontes, onde en torno ás catro da tarde arderon en torno a cinco hectáreas nun incendio independente do das Fragas que xa foi controlado. O que aínda non está baixo control é o lume principal, cuxa extensión aumentou notablemente. Segundo confirma a Praza Pública o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, a extinción complícase "debido ao forte vento" e á existencia "de varios focos". "Parece que hai un novo chegando ao mosteiro de Caaveiro", di o rexedor.

Se o peor estaba o sábado na Capela, o domingo as miradas centráronse en Monfero, onde chegou o lume tras saltar o río Eume. Así e todo o seu alcalde, Benjamín Rodríguez, amósase máis optimista. En declaracións a Praza explica que, tras realizar no serán do domingo un percorrido pola zona co conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, observa que o incendio está "controlado" e os "moitos medios materiais e humanos" logran deter o seu avance. En calquera caso, Rodríguez subliña que resulta clave o amainamento do vento do nordés, que "avivou algúns focos" durante a tarde deste domingo, os cales estaban sendo atacados dende o aire polos medios aéreos presentes na zona antes de retirarse coa chegada da noite. Na tarde do sábado a extensión calcinada situábase nunhas 200 hectáreas, agora dende a zona fálase xa de estimacións que roldan as 2.000. Despois de non ofrecer datos actualizados dende o serán do sábado, ao mediodía do domingo a Xunta estimaba xa a superficie queimada en 850 hectáreas -resultado de sumar os dous incendios da zona- e polo serán ofreceu a cifra oficial de 750, que mantén na mañá do luns.

Se ben nas comunicacións oficiais se obvia que o lume afecta ás Fragas do Eume -limitouse a situalo no Concello da Capela-, o Goberno galego informou durante a tarde do sábado da activación do nivel 1 e dos efectivos despregados na zona: un técnico, tres axentes forestais, tres brigadas, dúas motobombas, cinco helicópteros e un avión. A ese dispositivo sumouse o propio sábado a Unidade Militar de Emerxencias (UME), con 115 persoas, que o domingo superan xa as 200. Segundo a explicación de Quintana, agora actúan no incendio "dous técnicos, trece axentes forestais, vinte brigadas e tres palas", ás que habería que sumar seis autobombas, dous camións nodriza e un vehículo de comunicacións do Exército. Dende primeira hora da mañá aos medios aéreos engadíronse dous avións anfibios. Na súa intervención radiofónica a conselleira do Mar negou que os medios de extinción fosen insuficientes: "temos moitos medios", subliña, nunha situación que, na súa opinión, "non é cuestión de medios", senón "da seca e das condicións meteorolóxicas". Os militares permanecerán, segundo informa a UME, ata que a Xunta decida que o seu labor xa non é necesario. A última hora da tarde do domingo o dispositivo estaba formado por tres técnicos, dezaoito axentes forestais, vinte e catro brigadas, catorce motobombas, tres palas, sete helicópteros, sete avións e 286 soldados da UME.

Os profesionais do dispositivo de extinción de incendios traballaron durante o sábado en condicións de suma dificultade, dado o vento do nordés reinante no entorno do incendio, que amainou durante as primeiras horas do domingo e que contra o mediodía volveu incrementar. Con todo, a redución na intensidade do vento non impide que unha densa fumareda se estenda por boa parte da comarca de Ferrolterra e é visible dende puntos máis distantes, como Sada ou a cidade da Coruña, onde caeron cinzas procedentes do incendios. En puntos máis próximos, como Pontedeume, o fume cobre completamente o ceo e fontes presenciais salientan que as folerpas de cinza caen tamén sobre o propio río Eume, co conseguinte risco para o ecosistema fluvial.

O achegamento a zonas habitadas provocou que entre 200 e 300 persoas fosen desaloxadas pola Garda Civil nos lugares de O Coto e Vilariño e mais no mosteiro de Caaveiro. Todos eles puideron volver xa á casa, segundo sinalou o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, en declaracións á Cadena SER.

Un incendio "provocado" e denuncias de falta de medios

Neste escenario Ana, veciña de Monfero, explicaba a través do seu Facebook que "ás dúas da mañá", "cun foco ameazante a poucos metros das casas de Vilafail, con dúas motobombas e unha delas avariada, recorrendo ás cisternas dos veciños, e ardendo todo o canón do Eume, aparecen os medios da consellería de medio rural, a conselleira e o equipo da TVG". Un grupo de veciñas e veciños acodimos á cita increpando á conselleira no medio da entrevista, perguntándolle se viña a dimitir a Monfero entre outras moitas cousas... Iso non sairá". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que xa segue o incendio na zona acompañado polo conselleiro de Medio Ambiente, asegura que non faltarán medios para recuperar o parque natural e dá por feito que o lume foi provocado. Ambos, xunto coa titular de Medio Rural, reuníronse cos cinco alcaldes dos concellos afectados e conversaron con algúns veciños. A fraga tamén é visitada polo secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez e polo candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera.

O alcalde da Capela asegura que no seu concello "non queda un metro cadrado" de fraga sen queimar e Feijóo constata que o lume foi intencionado

Ademais de amosarse convencido de que o lume foi provocado o presidente asegurou na súa visita á zona que a "investigación de que persoa ou persoas son responsables" do sucedido "se vai facer con total intensidade". Ademais, ante os xornalistas defendeu o volume de medios de extinción despregados. "Os medios da Xunta e os medios da UME sobrepasan os 200 efectivos, non creo que se poidan poñer máis". Pola súa banda, o alcalde da Capela quen lamenta que no seu municipio xa non quede "un metro cadrado" de fraga sen queimar porque "ardeu todo", denuncia que durante a noite se produciron "erros de coordinación" entre os diferentes medios de extinción durante a noite. Entre eses "erros" cita, que unha unidade da UME na zona estivo paralizada durante a noite malia ser enviada para os traballos de extinción por estar á espera de "recibir ordes". "Entón, para que viñeron?", pregúntase, nun contexto no que, en xeral, nesas horas o dispositivo deixou "bastante que desexar", di para Praza. Estas queixas poderán ser expostas polos cinco alcaldes dos concellos incluídos no parque natural nunha xuntanza co conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas. Segundo confirma a Praza o rexedor das Pontes, Valentín Formoso, Agustín Hernández convocounos a unha xuntanza en Monfero para falar da situación.

As Fragas do Eume son un espazo de altísimo valor ecolóxico que estivo no centro da controversia política e social no ano 2010, cando a Consellería de Medio Ambiente deu luz verde á Declaración de Impacto Ambiental para a instalación dunha mina de andalucita -materia prima da industria metalúrxica- na parroquia de Goente  (As Pontes), ás portas do parque natural, onde este sábado comezaron as lapas.

 

Acceso ao parque natural, calcinado © Xurxo Mariño (@xurxomar)
Un incendio, visto dende un helicóptero de brigadistas © @Briflaza
Aparición do novo foco, na tarde do domingo © Xurxo Mariño (@xurxomar)
O lume, perto das vivendas © @sloplop

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.