0 Gardados para despois

Medio Ambiente eleva a 1.000 hectáreas o desastre do Eume, Medio Rural manteno en 750

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


 

 

"Activo pero controlado". É a expresión utilizada pola Xunta para definir o estado do incendio das Fragas do Eume tras a segunda noite de batalla contra as lapas. Dous termos, ata agora contraditorios na propia terminoloxía oficial, que ilustran o que a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, admite en declaracións á Cadena SER. Malia á seguridade amosada nas escasas comunicacións públicas chegadas dende San Caetano, Quintana recoñece o que para moitos, a comezar polos alcaldes da zona, é evidente. "De momento, os datos que temos son provisionais" e "falamos de 750 hectáreas de perímetro", precisa. Apenas dúas horas máis tarde e desde Monfero o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, xa situaba en 1.000 as hectáreas arrasadas no Eume, pero pouco despois a Xunta, dende o seu Twitter, oficial, precisaba que "a cifra oficial da Xunta non variou. A cifra de hectáreas queimadas é 750"".

Neste contexto, as trinta brigadas da Xunta (ademais de 3 técnicos, 28 axentes forestais, 17 motobombas, 3 palas, 8 helicópteros, 7 avións e efectivos de Protección Civil de Mugardos) e os case trescentos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias despregados na zona traballan arreo non só apagando o lume, senón tamén arrefriando o monte antes de que reavive o vento a mediodía. Trátase de evitar o que aconteceu na tarde do domingo, cando en Monfero rexurdiron cunha altura de dous metros lapas que xa foran apagadas. Malia á visión, a priori máis realista, da titular de Medio Rural, o servizo de comunicación do Executivo mantén que "o lume non avanzou máis na noite", que o seu perímetro "está practicamente controlado" e que o nivel 1 -risco para as vivendas- está activado só "por precaución". "O peor do incendio das Fragas xa pasou", resume a Xunta.

En calquera caso, e tendo en conta que a suma das estimacións de Medio Rural ofrecida no mediodía do domingo xa subía os rexistros a 850 hectáreas, todo semella que sobre o terreo xa é innegable a gran dimensión do desastre. Como adiantou Praza Pública a quen lle encomendou o Executivo a relación directa cos municipios afectados, a comezar polos alcaldes, é ao conselleiro de Medio Ambiente. El presidiu a xuntanza cos rexedores deste mediodía en Monfero e a el lle corresponde, polo tanto, dar explicacións ante as acusacións de "descoordinación" lanzadas, por exemplo, polo alcalde da Capela, Manuel Meizoso.

A Xunta asegura que o lume podería ficar extinguido este luns mentres Feijóo se afasta da primeira liña de lume florestal e mediático

Mentres, a propia Rosa Quintana resta implicitamente rigor a esas queixas. "Eu desculpo todo polo nerviosismo, entendible en momentos como os que se viviron o sábado", repetiu en varias intervencións radiofónicas que se converten, xunto ao Twitter, na única fonte de información oficial ata a xuntanza de Hernández e os alcaldes. Malia a ese "nerviosismo", asegura, "a coordinación é máxima" e os medios de extinción, suficientes.

Este é o contexto no que segue a loita contra o lume nunhas Fragas que, sempre segundo o Goberno galego, poderían deixar de arder no propio luns. Con todo, e aínda que esa extinción chegase xa, a preocupación sobre o que era o bosque atlántico mellor conservado de Europa non remata. É máis, no caso de que chegasen as agardadísimas chuvias a catástrofe ecolóxica podería incrementar. Se as cinzas chegan ao río eume, o ecosistema fluvial, primeiro, e o da ría, despois podería quedar gravemente afectados. "A partir de que deamos o incendio por extinguido emepzaremos a poñer en marcha as medidas paliativas necesarias", asegura a conselleira. A batalla contra o lume continúa e, aínda que non foi confirmado oficialmente, numerosas voces apuntan a que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se retirará da primeira liña de lume, florestal e mediático. Pola mañá participou no Comité Executivo do PP, en Madrid, onde insistiu na suá proposta de endurecer as penas aos culpables de delitos de incendio. Pola tarde, isto si confirmado oficialmente, realizará unha visita ás obras do porto exterior da Coruña.

O conselleiro de Medio Ambiente asegura que a maior parte do parque natural non está afectado polo lume e garante plans para evitar escorrentías e erosións cando chova

© Xunta

A conselleira do Medio Rural mantén que as estimacións falan de 750 hectáreas queimadas nas Fragas do Eume

© Xunta

O corazón da fraga, preto de Caaveiro, queimado

Acceso ao parque natural, calcinado

Un avión realiza labores de extinción no incendio das Fragas do Eume

Vista do incendio nas Fragas do Eume

O lume, perto das vivendas

O fume do incendio cobre Pontedeume

Un avión realiza labores de extinción no incendio das Fragas do Eume

O fume, nas inmediacións da central eléctrica do Eume

A caravana do presidente da Xunta, polo parque arrasado

O presidente da Xunta recibe explicacións sobre o incendio

Pachi Vázquez e deputados do PSdeG, nas Fragas

Un incendio, visto dende un helicóptero de brigadistas

Aparición do novo foco, na tarde do domingo

Brigadistas do Ministerio de Agricultura, esgotados tras loitar contra o lume

A chuvia facilitará o enfriado das Fragas

O monte nas Fragas, arrasado polo lume

O lume cébase coas Fragas do Eume

Un intenso incendio arrasa o parque natural das Fragas do Eume. Recollemos algunhas das imaxes que chegan dende a zona.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Incendio nas Fragas do Eume

Zona afectada polo incendio das Fragas do Eume

© Google Maps

Mapa colaborativo coa evolución do incendio

A Xunta anuncia que o Estado axudará a recuperar as Fragas tras falar Feijóo con Cañete en Madrid

Asuntos de Estado en sede de partido. A Consellería de Medio Ambiente transmitiu este luns o "anuncio" de que o Ministerio de Agricultura se vai "coordinar" coa Xunta para "poñer en marcha un plan conxunto de recuperación ambietnal das Fragas do Eume, "tal e como informou o ministro Arias Cañete ao presidente da Xunta". Este anuncio prodúcese sen que nas axendas oficiais de ambos dirixentes aparecese a previsión dunha xuntanza. Isto acontece porque o encontro non se celebrou nunha instalación do Goberno galego ou do central, senón, tal e como recolleceu o PPdeG, na sede central do PP, en Madrid, onde Feijóo acudiu á convocatoria do Comité Executivo do seu partido.

Este anuncio do Executivo galego prodúcese despois de que o titular de Medio Ambiente asumise, a efectos prácticos, a responsabilidade de encabezar politicamente a resposta da Xunta á catástrofe das Fragas. Así, Agustín Hernández foi o primeiro conselleiro en fixar unha comparecencia ante os medios e foi tamén, como adiantou Praza Pública, o encargado de reunirse cos cinco alcaldes da zona afectada polas lapas para "abordar a situación e anunciar que se porán en marcha medidas que permitan a rexeneración ambiental das zonas danadas polo sinistro".

Segundo un comunicado remitido aos medios os técnicos de Conservación da Natureza traballan xa no parque natural para realizar unha cuantificación exhaustiva das hectáreas afectadas", especialmente nos espazos protexidos. Se ben na súa comparecencia ante os medios, en Monfero, Hernández estimou que a superficie queimada total é dunhas 1.000 hectáreas, a nota oficial volve falar de "aproximadamente 750 hectáreas que conforman o perímetro do lume", das cales "unhas 370 corresponden ás áreas de maior interese de conservación das Fragas do Eume".

Neste contexto, Hernández pide ademais a "colaboración dos propietarios das parcelas que conforman o parque", xa que "é necesario contar con eles para a implantación de medidas" para rexenerar o qeuimado pero tamén para evitar "o posible arrastre de cinzas" ata o río Eume. “Temos por diante un traballo moi importante de valoración que é necesario facer, e que agardo que ao día de hoxe se poida iniciar, xa que aínda non foi posible acceder a algunhas zonas por mor dos traballos de extinción”, conclúe o conselleiro.