O Concello da Coruña, a voltas cos 'perigos de Internet'

Imaxe do díptico do concurso © Concello da Coruña

Xa se sabe que Internet está inzado de perigos, cousa mala. En setembro Valedor do Pobo e Consellería de Traballo e Benestar editaron o cómic Os perigos de Internet, co obxectivo de alertar a mozos e mozas das "ameazas" que poden atopar os adolescentes na rede. Editáronse 30.000 exemplares do tebeo, que será distribuido en todos os centros de secundaria. Desta volta é o Concello da Coruña quen pon en marcha unha iniciativa semellante, un concurso de banda deseñada, dirixido a rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos.

Titúlase Que no te atrape la red e busca "implicar os mozos no deseño de estratexias para evitar os riscos asociados ao uso non axeitado de internet e das redes sociais". Os cómics deberán ofrecer "unha interpretación libre (real, humorística, fantasiosa....) dos riscos e consecuencias asociadas a certos usos de internet e o uso responsable das redes sociais". 

Ademais, o concurso enmárcase no Programa Municipal de Prevención de Drogodependencias, que usa como lema "A realidade é moito mellor", e o traballo gañador será publicado na web www.corunasindrogas.es e na páxina de facebook www.facebook.com/corunasindrogas. Este certame vén celebrándose nos últimos anos, co obxectivo de alertar á mocidade dos perigos e consecuencias da inxesta de drogas. O pasado ano, por exemplo, estivo centrado no alcohol ("Sin alcohol siempre a tope"). Nesta ocasión, a droga é Internet.

 

Imaxe do díptico do concurso © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.