Serafín González (CSIC): "O lume foi rápido e de intensidade media-baixa. As Fragas poden recuperarse"

Vista leste das Fragas © César Galdo

Serafín González, investigador do CSIC experto en recuperación de solos e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, despois de analizar os danos causados cre que o corazón das Fragas se pode rexenerar. Recomenda facer traballos urxentes de protección do solo, non talar as árbores e restrinxir o acceso aos visitantes ás zonas queimadas.

Despois de analizar os datos que che foron pasando dos distintos lugares, como valoras o dano que o lume causou aos solos e á Fraga en xeral?

En función dos datos que me foi pasando xente da zona, que visitou in situ os espazos afectados, creo a intensidade do lume foi de media a baixa. Hai que fixarse en certos elementos, como se está queimada a capa de follas, e semella que non o está en moitos lugares. Hai que ver a cor das cinzas, e parece que son negras, o que nos di que a intensidade do lume foi baixa, pois cando a intensidade é alta están brancas. Tamén a altura das lapas, que foi de metro e medio, e que a cortiza das árbores está chamuscada e non calcinada.

"O lume foi moi rápido, co que queima máis superficie en menos tempo, pero tamén pasa máis rápido por riba do solo, respectando a capa de follas, as raíces das plantas e o banco de sementes que hai no propio solo"

O lume foi moi rápido, co que queima máis superficie en menos tempo, pero tamén pasa máis rápido por riba do solo, respectando a capa de follas, as raíces das plantas e o banco de sementes que hai no propio solo, pois están menos tempo sometidos a temperaturas altas. A severidade do lume foi de media a baixa. Iso significa que as Fragas teñen máis posibilidades de recuperarse, debido tamén a que é unha zona que sufriu pouco lumes nas últimas décadas, e noutros lugares é esta repetición o que vai empobrecendo o solo.

Cales son as actuacións máis urxentes?

Hai que facer unha cartografía do terreo, analizando en cada lugar cal foi a intensidade do lume, cruzalo co mapa de pendentes do parque e cos datos que temos sobre a flora e fauna do lugar. Haberá lugares que estarán máis afectados, nos que as árbores perderon todas as follas e tamén se queimou a capa de follas que había por debaixo; neses casos o solo queda espido e desprotexido fronte ás choivas, sobre todo se son fortes e se o lugar está en pendente, co que o risco de erosión sería máximo. O que habería que facer sería poñerlle unha “pel” de reposto, poñéndolle unha capa de palla, que cumpre a mesma función que a capa de follas. Tamén se pode facer unha sementeira de plantas herbáceas, pero ata que medra poden pasar semanas ou meses. Ademais coas herbáceas hai que ter coidado con que especies se sementan.

E noutros lugares menos afectados?

Nos lugares nos que as árbores manteñen as follas, non hai que tocar as árbores. É probable que as follas acaben caendo, o que será bo para o solo e que as árbores morran despois dunhas semanas, pero non é o momento de talalas. Porque eses traballos, pisar neses solo, poderían ter consecuencias moi negativas.

"Debería restrinxirse o acceso ás zonas afectadas a toda persoa que non traballe na recuperación do solo. Unha cousa é que os visitantes circulen polos camiños e que vexan as Fragas, o que non está mal, pero baixo ningún concepto deben pisar o terreo queimado"

Deberíase recomendar que as persoas que visiten as Fragas nos vindeiros días non intenten acceder á zona queimada?

Sería moi negativo que houbese estes días unha avalancha de persoas pisando o terreo queimado, sempre hai un certo 'turismo de catástrofe' ou unha curiosidade, moitas veces coa mellor intención, pero pode ser moi negativo. Debería restrinxirse o acceso ás zonas afectadas a toda persoa que non traballe na recuperación do solo. Unha cousa é que os visitantes circulen polos camiños e que vexan as Fragas, o que non está mal, pero baixo ningún concepto deben pisar o terreo queimado.

Serafín González © SGHN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.