As 750 hectáreas arrasadas só son "provisionais" na fin dos catro días de incendio no Eume

As especies atlánticas resisten mellor ca os eucaliptos © César Galdo

Rematou. O traballo de 600 persoas e a axuda final da chuvia puxo fin ao incendio que tivo en vilo dende o 31 de marzo aos cinco concellos das Fragas do Eume e coa ollada posta neles a boa parte do país. A primeira hora da tarde deste mércores a Xunta deuno, desta volta sen ambigüidades, por definitivamente "extinguido". Oficialmente, as lapas comezaron ás 15:16 do sábado e remataron  ás 15:30 do mércores, catro días en tres dos cales o Goberno galego mantivo a súa estimación de hectáreas arrasadas polo lume, unha cifra que aínda non move pero que xa matiza. A Consellería do Medio Rural e do Mar segue a falar de 750 hectáreas, 370 das cales "corresponden ás áreas de maior interese de conservación" do parque natural, pero admite que se trata de rexistros puramente "provisionais".

Apenas dúas horas antes de que Medio Rural remitise o comunidado que daba por finalizado o incendio o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apoiábase nun informe -documento sen valor xurídico, que o Goberno adoita empregar para trasladar temas á opinión pública- de Medio Ambiente tratado no Consello da Xunta para admitir tamén el que aínda "estamos en plena execución dun cartografado preciso de todas as áreas afectadas". Esta, explica, é a primeira fase dun plan de recuperación que estará centrado nesas, en principio, máis de 300 hectáreas de especial interese ambiental. "Despois de superar a batalla contra o lume, nos poñemos a superar a batalla contra a recuperación deste patrimonio dos galegos, que logramos salvar coa axuda de veciños, alcaldes, brigadistas, persoas da protección civil, forzas e corpos de seguridade e o Exército", di Feijóo. Ese plan, engade, xa está en marcha e, ademais das medicións, inclúe as perentorias "accións contra a erosión". Os técnicos, afirma, xa traballan para "protexer as zonas con máis riscos de escorrenta"

A Xunta asegura que xa traballa para evitar a erosión e a escorrenta e admite que as árbores autóctonas resistiron mellor que eucaliptos e piñeiros

Segundo a información de Medio Ambiente resumida polo presidente estas "medidas correctoras" teñen, esencialmente, dúas vertentes, a "protección do solo con sementeira -unha medida duramente criticada polo PP á Xunta tras os incendios de 2006-" e a "defensa das beiras do río Eume, para evitar a chegada de cinza por arrastre pluvial", isto é, para tentar que as chuvias acabadas de chegar, no canto de ser un beneficio, se convirtan nun desencadeante da contaminación do río primeiro e das rías, despois.

Ademais da "revisión da delimitación preliminar das áreas afectadas" mediante "xeorreferenciación" que, a priori, permitirá coñecer "nos próximos quince días" canta superficie ardeu, o inicio do plan de recuperación trae consigo tamén a primeira valoración de especies animais e vexetais afectadas. No caso das vexetais, o propio Feijóo recoñece que "a maior parte das árbores" que arderon "son eucaliptos e piñeiros". Isto é, as especies autóctonas resistiron mellor as lapas. Non obstante, "nunha primeira apreciación" os técnicos xa aprecian unha importante incidencia do lume nunha das especies máis senlleiras do parque das Fragas do Eume, os "fentos ameazados asociados a bosques de valgada". En canto a animais, a peor parte teríana levado anfibios como a salmántiga rabilonga e moluscos como especies de caracois consideradas vulnerables.

Estimación do incendio realizada pola Xunta © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.