Movemento Open Wireless: por un wifi global aberto

Quen comparte o wifi forma parte do movemento aínda que non o saiba CC-BY-NC-SA mag3737

O proxecto Open Wireless Movement propúxose como misión cambiar a mentalidade imperante hoxe en día. É dicir, do concepto de redes pechadas a un mundo no que as redes abertas sexan a opción por defecto. Cada persoa na súa casa, cada empresa desde as súas oficinas, pode achegar o seu gran de area a crear unha contorna no que sempre haxa unha conexión wifi á que agarrarse.

A idea é que en calquera contorna urbana, onde existen milleiros e até millóns de redes wifi, chegue a haber un tecido de conexións que permita a calquera usuario que camiñe pola rúa gozar deste ancho de banda compartido. Smartphones, tabletas e outros dispositivos que están por vir, como os smartwatch, poderían servirse dunha contorna así. O Open Wireless Movement está a traballar con enxeñeiros voluntarios para construír tecnoloxías que permitan aos usuarios abrir as súas redes sen correr riscos de seguridade nin perder ancho de banda.

O Open Wireless Movement está a traballar con enxeñeiros voluntarios para construír tecnoloxías que permitan aos usuarios abrir as súas redes sen correr riscos de seguridade nin perder ancho de banda.

O proxecto conta co apoio de organizacións de relevo no mundo online, como a EFF -unha das principais impulsora- ou a Fundación Mozilla, así como co doutras asociacións que avogan pola apertura das redes inalámbricas e o desenvolvemento libre. Dentro do movemento non só hai enxeñeiros senón avogados e outros perfís profesionais que contribúen a facilitar a implantación do wifi aberto. Desde os ámbitos legal e social están a presionar para cambiar a conciencia que teñen as empresas e as persoas sobre internet.

O Open Wireless Movement sostén que compartir a rede pódese facer salvagardando a seguridade e a privacidade e preservando o ancho de banda. No entanto, á parte dos consellos e os estándares que o grupo difunde, considera que todos aqueles que teñan as súas redes abertas pertencen ao movemento por este simple feito, aínda que a eles non se lles pasou pola cabeza.

Por que unha cidade coas redes abertas

Unha conexión wifi é máis eficiente que o 3G e mesmo que o 4G, pois os datos só teñen que viaxar desde e até o router, en lugar de alcanzar unha antena que con toda seguridade se atopa máis lonxe. Ademais, así non sería necesario pagar por un plan 4G a un smartphone para dispor dunha conexión rápida. Pero sobre todo pode ser útil para os dispositivos que só contan con conectividade wifi, como algúns modelos de tabletas, que gañarán capacidade de acceso fóra de casa ou da oficina.

Máis evidentes se cabe son os beneficios cando o usuario é un turista estranxeiro, pois xa non se vería obrigado a perseguir o wifi de cafetarías, hoteis e outros establecementos para chatear por WhatsApp ou consultar o seu correo electrónico, nin tería que preguntar contrasinais a cada pouco. E falando de negocios locais, para un bar, unha tenda ou unha libraría abrir as redes contribúe a atraer unha comunidade de posibles clientes, pois se ofrece un servizo engadido que serve para promocionar á empresa que o proporciona.

Tamén existen concellos e entidades públicas que ofrecen wifi aberto, e non hai que ir a Estados Unidos para atopar exemplos. Na localidade catalá de Avinyonet del Penedès, na provincia de Barcelona, apuntáronse a guifi.net, un movemento que comparte a mesma filosofía que o Open Wireless Movement. Nesta poboación que non supera os 2.000 habitantes, moita xente non ten acceso a banda ancha e o concello propúxose pór ao servizo dos cidadáns esta tecnoloxía nos espazos públicos.

O movemento pide aos que se conecten a estas redes abertas ter certa consideración. Tendo en conta que se trata dunha conexión compartida, ver un vídeo longo en alta definición, por exemplo, non é o mellor que se pode facer

É unha forma de romper a fenda dixital, especialmente en poboacións rurais onde o acceso a internet non sempre está ao alcance. O Open Wireless Movement tamén traballa cos provedores de acceso, a quen insta a impulsar as redes abertas.

Como contrapartida, o movemento pide aos que se conecten a estas redes abertas ter certa consideración. Tendo en conta que se trata dunha conexión compartida, ver un vídeo longo en alta definición, por exemplo, non é o mellor que se pode facer para contribuír a que o ancho de banda estea dispoñible para outros. Tamén advirten en contra de accións que poidan ser ilegais ou atraian a atención das autoridades sobre ese IP, como descargar contido protexido por dereitos de autor, hackear ou publicar contido ilegal.

Unha opción segura

O especialista en seguridade Bruce Schneier comparou ter aberta a rede wifi con ofrecer as necesidades fundamentais. "Para min é unha cuestión de educación básica. Proporcionar acceso a internet a terceiros é algo así como proporcionar calor e electricidade ou unha cunca de té quente".

Compartir unha rede wifi pódese facer de forma totalmente segura e anónima, segundo destaca o Open Wireless Movement, polo menos con tantas garantías como pode proporcionar hoxe en día en internet, pois aínda coa rede protexida non se pode ter o cento por cento de seguridade. En todo caso, o grupo sinala que os routers contan coa opción de dividir a rede en dúas partes, deixando unha para hóspedes e outra para o dono da conexión, preservando un espazo privado e un ancho de banda estable.

A maioría dos routers dispoñen desta opción. Para os que non a teñen pódese usar outro router, configuralo de maneira que ofreza rede aberta e conectar ao principal mediante un cable ethernet. Tamén existe firmware de código aberto (como OpenWRT) que fai posible a partición nun router que non estea adaptado para dividir a súa conexión. O proxecto anima igualmente a utilizar tecnoloxías de seguridade como a extensión HTTPS Everywhere, que protexe o tráfico entre o usuario e o servizo web, ou unha rede VPN.

Quen comparte o wifi forma parte do movemento aínda que non o saiba CC-BY-NC-SA mag3737

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.