O outro drama dos incendios en Galicia

Plantación de castiñeiros no Monte Pindo tras o incencio © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Os lumes están a erosionar a parte máis fértil do chan en Galicia. Un completo estudo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) conclúe que os abundantes incendios forestais que afectan o país cada ano, "ademais de destruír os bosques, provocan importantes alteracións do solo ao acelerar os procesos de degradación", unha situación "preocupante" porque supón un "empobrecemento notable" da calidade da terra e supón "un verdadeiro problema nun recurso non renovable a escala temporal humana e fundamental para a fauna e flora".

Os lumes erosionan a parte máis fértil do solo, o que para o CSIC é "preocupante" polo "notable empobrecemento" da calidade do chan

Así o advirte Serafín González, investigador do CSIC, organismo que analizou durante os últimos cinco anos os sedimentos erosionados en solos afectados por lumes forestais de baixa intensidade. O estudo permitiu determinar que, malia que a cantidade de elementos erosionados non era elevada, o empobrecemento da terra si é notable, ao perderse a parte máis fértil. Unha consecuencia negativa máis, e se cadra máis grave do agardado, da praga de incendios que adoita afectar a Galicia.

Foi o Grupo de Bioquímica e Calidade de Solos do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, en colaboración co Centro de Investigacións Forestais de Lourizán da Xunta, quen realizou un estudo que se inclúe nas investigacións que o CSIC leva a cabo no país desde hai máis de dáus décadas para minimizar o impacto dos lumes sore o chan.

Os incendios aceleran os procesos de degradación ao afectar a nutrientes esenciais para o desenvolvemento das plantas e a recuperación da terra

Serafín González explica que os incendios provocan importantes alteracións do solo ao acelerar os procesos de degradación. "Está comprobado que afectan as propiedades físicas, químicas e biolóxicas do chan; xa se avaliara o seu impacto nos macronutrientes (nitróxeno, calcio ou magnedio), pero case nada nos micronutrientes (manganeso, cobre e zinc); e isto é clave, porque estamos ante substancias xeralmente presentes en pequenas cantidades pero esenciais para o desenvolvemento das plantas, e polo tanto, para a recuperación da terra e da vexetación logo dun lume forestal", di.

A investigación realizouse a travás de queimas experimentais de baixa intensidade en 2008 en varias parcelas do Monte Cabalar, na Estrada, de onde se recolleron mostras da terra e dos sedimentos erosionados para estudalo. Foi un traballo que tratou un aspecto non moi abordado até o de agora. E os resultados "son preocupantes". "Aínda que a cantidade de sedimentos erosionados non é moi alta, si observamos que o que se está a erosionar é a parte máis fértil do solo e, xa que logo, a máis rica en nutrientes" explicou Serafín González, que di poder afirmar que os incendios forestais "empobrecen notablemente a calidade dos solos, o que constitúe un verdadeiro problema ao non ser un recurso rennovable a escala temporal humana e fundamental para a fauna e a flora".

Pero hai máis, xa que as consecuencias tras os lumes -tal e como se demostrou coas escorrentías e erosións en numerosos casos como por exemplo o do Monte Pindo- provocan sedimentos con niveis moi altos de micronutrientes como zinc e cobre, que poden ser tóxicos en cantidades elevadas, e que poden contaminar marxes fluviais, encoros ou rías.

A aplicación de palla é a mellor técnica para recuperar e protexer o solo tras o incendio, máis válida que a plantación de herbáceas

Un xeito de paliar estas consecuencias é a aplicación de palla ou sementar herbáceas, dúas técnicas que se empezan a empregar en Galicia e que contribúen á protección e recuperación do solo tras o incendio forestal. "As perdas por erosión redúcense coa aplicación de calquera das dúas técnicas, pero sobre todo se o chan é cuberto con palla", explica Serafín González, que advirte que con este método a redución achégase ao 90%. Ademais, non ten os problemas das  herbáceas, que ponde introducir especies invasoras e que son pouco efectivas se hai fortes chuvias despois do lume. A cuberta de palla sería, xa que logo, a mellor opción, unha alternativa que é pouco utilizada ou en escasas superficies, tal e como se comprobou no Monte Pindo e nas erosións e problemas causados tras as primeiras tormentas.

Contra os incendios forestais CC-BY-SA Merixo
O Monte Pindo, despois do incendio © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.