A USC, a exame

Reitorado da USC © USC

A Universidade de Santiago celebrará a primeira rolda das eleccións a reitor o vindeiro 25 de abril. Hai unha semana o anuncio realizado por Juan Casares Long de que non se presentaría á reelección (despois de que o claustro botase abaixo por terceira vez a súa proposta de orzamentos) lanzou unha carreira na que Juan Viaño (catedrático de Matemática Aplicada) e Antonio López (catedrático de Dereito Financeiro) xa confirmaron a súa candidatura. Nas vindeiras semanas saberemos se algún outro candidato ou candidata opta canda eles a dirixir a institución. 

A menos de dous meses da cita electoral, pedímoslles a López e Viaño que valoren a xestión realizada por Casares e a súa visión sobre os principais retos que a USC e o seu novo equipo de Goberno deberán enfrontar nos vindeiros anos, comezando polo financiamento ou a relación coa Xunta e as outras dúas universidades galegas. Para realizar esta radiografía convidamos igualmente a participar a outras cinco persoas relevantes na comunidade universitaria, cinco profesores con peso específico na USC, comezando por Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea e rival de Juan Casares na rolda definitiva das últimas eleccións a reitor. Pedímoslles a súa opinión, igualmente, a Juan Lema (catedrático de Enxeñería Química), José Luis Mascareñas (catedrático de Quimica Orgánica), José Carlos Bermejo (catedrático de Historia Antiga) e Carlos Pajares (ex-reitor da USC e catedrático de Física).

As súas valoracións son, en xeral, críticas coa xestión realizada por Juan Casares Long nos últimos catro anos, e tamén coinciden en situar o financiamento como o gran reto de presente e de futuro da USC, "unha situación financeira moi grave, con problemas económicos que afectan transversalmente a toda a actividade docente e investigadora", como lembra Juan Viaño, para garantir "a estabilidade e sostibilidade no tempo da USC", como sinala Antonio López. A este respecto Lourenzo Fernández denuncia que "perdéronse cando menos dúas ocasións de afrontalo definitivamente antes (2006) e durante (2010) a actual crise económica" e chama a ollar o exemplo da Universidade de Vigo, para "compensar pola vía da consecución de recursos de investigación externos en ámbitos europeos e mundiais as penurias locais".

De igual xeito, valoran como un asunto decisivo a relación que a universidade estableza coa Xunta de Galicia, unha relación de "colaboración" e "entendemento", como asumen todos, pero na que que respecten "as xustas reinvindicacións e o exercicio da autonomía universitaria", subliña Viaño. Neste senso, Fernández Prieto salienta que "hoxe a USC é unha universidade directamente intervida dende varios departamentos da administración autonómica e o primeiro que debe recobrar é unha relación corresponsable pero tamén forte e autónoma coa Xunta". Pola súa banda, José Carlos Bermejo fai fincapé na nova "gobernanza" pola que "os reitores non van ser elixidos pola comunidade universitaria, senón que van ser nomeados pola Presidencia da Xunta, e os reitores á súa vez van nomear todos os cargos directivos, dende os decanos aos directores de departamento". "O obxectivo de todo isto é facer a reconversión da universidade. Ese é o gran reto que lle vén enriba ás universidades: a reconversión", sinala.

Por último, sobre as fortalezas e oportunidades, non sempre aproveitadas, da USC, tanto López como Viaño destacan a "actividade investigadora" e o "capital humano". Unha análise na que todos concordan en maior ou menor medida e a partir da cal Fernández Prieto suliña que "a USC debe asumir de vez o éxito da xeración que hoxe se está a xubilar: as estruturas creadas, as prácticas de goberno, o nivel das titulacións e da investigación. E darlle futuro, porque compre asumir que no 2025 os que fixeron esta universidade serán eméritas referencias". Finalmente, Carlos Pajares conclúe que a clave do futuro da USC estará "en saber o que queremos, a que xogamos, escoller as prioridades, decidir se queremos que a USC sexa unha academia de estudos ou se queremos que sexa outra cousa". "Todo o mundo pregunta se nunha cidade vai haber unha titulación ou non, parece que é o único que importa. Pero en cambio ninguén se pregunta que centros de investigación hai en Galicia", engade.

Reunión do claustro da USC © USC
Presentación do Campus Vida © USC
Discurso de Casares Long © USC

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.