A USC mirando ao futuro: os deberes do novo equipo de goberno

Manifestación contra os recortes na Universidade CC-BY A Trabe

A mes e medio da celebración das eleccións ao Reitorado da USC, nas que polo de agora anunciaron a súa candidatura Juan Viaño e Antonio López, pedímoslles a súa valoración a representantes dos estudantes (Liga Estudantil Galega), PAS (A Trabe) e persoal investigador (Asociación de Investigadores do Programa Parga Pondal). Preguntámoslles pola xestión realizada por Juan Casares e tamén polo retos que deberán enfrontar os novos xestores tras as eleccións do 25 de abril, comezando polo financiamento e a relación coa Xunta de Galicia e as outras dúas universidades galegas.

A valoración da xestión de Juan Casares é unanimemente negativa, "as actuacións desenvolvidas foron decepcionantes, limitándose a aplicar e asumir sen discusión, revisión ou debate a política de recortes nos dereitos laborais e económicos" (A Trabe), unha opinión semellante á manifestada pola Liga Estudantil, que critica que "aínda que toda a comunidade universitaria se posicionou en contra  el non foi quen de xuntarse co resto de reitores do SUG e plantarlle cara á Xunta". De igual xeito, para a Asociación de Investigadores do Programa Parga Pondal, Casares "foi un tiruleque doutras persoas que ficaron case sempre en segundo plano. Interpretou o reitorado como un mérito, un logro persoal, e non como unha responsabilidade".

"As actuacións desenvolvidas foron decepcionantes, limitándose a aplicar e asumir sen discusión, revisión ou debate a política de recortes nos dereitos laborais e económicos" (A Trabe)

A economía e o financiamento son os temas protagonistas neste momento á hora de facer unha análise da situación da universidade e dos retos que ten por diante o novo equipo de goberno. "Juan Casares foi elixido reitor dunha universidade xa endebedada como resultado de xestións irresponsables de equipas reitorais anteriores, a situación era complicada pero na actualidade, e como consecuencia da drástica redución no financiamento, a situación é dramática", destaca A Trabe, que reclama unha mellora do financiamento do sistema universitario por parte da Xunta, que "sufriu unha redución do 16% entre o 2009 e o 2012", o que "acabou afogando ás universidades e impedindo un correcto funcionamento e liderado tanto na docencia como na investigación".

"A nova equipa ten que plantarlle cara a Xunta pedindo un incremento das partidas orzamentarias da USC" (Liga)

Neste senso, a Liga Estudantil tamén cre que "a nova equipa ten que plantarlle cara a Xunta pedindo un incremento das partidas orzamentarias da USC, só desta forma conseguiremos ofrecer un servizo de calidade ao estudantado, ter unha unha investigación que sexa a vangarda e motor socio-económico do país ou reducir a débeda da universidade", ademais de afondar na "democratización interna" da universidade. "É necesario dar un golpe na mesa, non facerlle xogo ás políticas do Feijoo. A equipa reitoral ten que ser un núcleo de resistencia que defenda á comunidade universitaria", engaden.

Pola súa banda, a AIPPP sinala a "meritocracia" como un dos grandes problemas da USC, "non só patente en relación á captación de persoal novo, senón tamén no que atinxe a facer unha avaliación do cadro de persoal e a tomar as medidas oportunas, tanto en canto a incentivos positivos como negativos". En canto ao financiamento, apostan por "promocionar a captación de persoal docente e investigador que poida atraer financiamento, superando por conseguinte o concepto de universidade como centro de ensino superior no que parte do cadro de persoal decide, motu propio, facer tamén investigación".

A AIPPP sinala a "meritocracia" como un dos grandes problemas da USC, "non só patente en relación á captación de persoal novo, senón tamén no que atinxe a facer unha avaliación do cadro de persoal"

En canto á relación coas outras dúas universidades galegas, tanto a Liga Estudantil coma a AIPPP apostan por camiñar cara a unha única Universidade galega, "que por unha banda non nos obrigue a competir para ver quen é o que obtén máis beneficios á conta das outras universidades do SUG, e por outra banda nos permita unha racionalización da oferta académica que este orientada ás necesidades do país", destaca a Liga. A Trabe non menciona este obxectivo, pero si salienta a necesidade de "mudar o actual plano de financiamento, no mesmo prima a competencia sobre a cooperación, cada universidade recibe unha cantidade variable, incluso na parte estrutural, non en función de como melloramos se non da distancia coas outras".

Finalmente, Liga e AIPPP apostan por apostar pola investigación para construír un mellor futuro para a USC. Os Parga Pondal sinalan que "universidades coa historia e o percorrido da USC deberían aproveitar o potencial de xerar liñas de investigación interdisciplinares, con atención especial a proxectos nos que se conxuguen achegas de disciplinas humanas e naturais". E a Liga lembra que "temos que ser quen de crear un tecido investigador forte, lonxevo e orientado ás necesidades do país", pois "a investigación é o motor da sociedade" e negar isto conduce "a atrasos estruturais e laborais moi importantes que xa podemos ver na precarización da mocidade altamente cualificada que se ve condenada a emigrar ou a aceptar, se teñen sorte, traballos mal remunerados".

Xesús Vázquez preside o Consello de Universidades © Xunta
Manifestación contra os recortes na Universidade CC-BY A Trabe
Concentración dos investigadores do programa Parga Pondal diante do reitorado da USC CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.