As propostas de Wert poderían supor a perda de 2.000 empregos de mestres interinos e substitutos, segundo a CIG

Anxo Louzao, á dereita, responsable de CIG-Ensino © CIG

A CIG-Ensino esixiulle esta mañá ao Conselleiro do Educación en rolda de prensa que non traslade a Galicia os recortes propostos polo Ministerio de Educación. O seu responsable, Anxo Louzao, lembrou que o ensino galego xa leva dous anos de recortes e de restricións e que as medidas anunciadas atentan contra a calidade do ensino, incrementan o fracaso escolar  e supoñen un ataque mortal a un servizo público esencial “piar básico para a cohesión social”.

CIG-Ensino denuncia que o noso país xa foi pioneiro na aplicación de recortes e a Xunta, que “leva dous cursos desmantelando o ensino”

Unha das consecuencias inmediatas, no caso de aplicarse, podería ser a destrución de máis de dous mil postos de traballo que se virían sumar aos 2.500 que se perderon desde o ano 1999 e o empeoramento das súas condicións laborais e profesionais. CIG-Ensino denuncia que o noso país xa foi pioneiro na aplicación de recortes e a Xunta, que “leva dous cursos desmantelando o ensino”.  Neste tempo, segundo o sindicato, destruíronse 176 unidades no ensino público, recortáronse 425 millóns de euros desde 2009, suprimíronse o 25% dos centros educativos e 3.000 prazas no ensino público.

Anxo Louzao advertiu así mesmo que estas propostas dificultan os obxectivos de igualdade de oportunidades e de educación inclusiva. A masificación das aulas impedirá, segundo o responsable de CIG-Ensino, unha atención personalizada e individualizada, ao elevarse a ratio de alumnos por aula un 20%, de 25 a 30 en Educación Infantil e de 30 a 36 en Secundaria. “O profesorado non vai poder atender ao alumnado con necesidades especiais. Son medidas encamiñadas a garantir a escolarización pero non o proceso ensino-aprendizaxe e a igualdade de oportunidades”, dixo. Isto podería redundar nun aumento do abandono temperá dos estudos que no Estado español xa está 15 puntos por riba da media europea. 

Anxo Louzao advertiu así mesmo que estas propostas dificultan os obxectivos de igualdade de oportunidades e de educación inclusiva

O secretario nacional da CIG-Ensino sinalou finalmente que esta actuación do Ministerio é unha clara invasión de competencias que xa denunciaron responsables de outras comunidades e dixo que "nos preocupa moito a actitude do Conselleiro de Educación, cómplice, submisa e partidaria. Actúa máis como militante do  PP que como máximo responsable da autoridade educativa”. Por esta razón demandoulle que asuma as súas responsabilidades e faga fronte a estas medidas do Goberno central".


Profesorado

En canto ao a profesorado, nestes dous anos á destrución de postos de traballo sumouse o recorte dos salarios nun 5% e nas pagas extras nun 30%, ademais da desaparición das licencias por estudos e da redución da achega para formación. Anxo Louzao lembrou que nos centros galegos xa non se están cubrindo as baixas inferiores a dez días e que xa se incrementaron de 21 a 25 as horas lectivas a impartir polo profesorado en Educación  Infantil e Primaria e ata 20 horas en Secundaria, segundo as necesidades do centro.

Anxo Louzao, á dereita, responsable de CIG-Ensino © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.