A lección non aprendida dous anos despois do incendio nas Fragas

Monte queimado ao lado dun indicador, nas Fragas © Xurxo Mariño (@xurxomar)

Hoxe hai dous anos, o 31 de marzo de 2012, iniciábase nas Fragas do Eume un incendio que arrasou centos de hectáreas deste espazo simbólico e emblemático de Galicia. Segundo o proxecto Global Forest Watch, a masa forestal deste parque natural descendeu nos últimos anos en 600 hectáreas, moitas delas consumidas polo lume naquela primavera de hai 24 meses.

Os colectivos ecoloxistas denuncian o "desleixo" da Administración, que segue sen ser quen de aprobar o PRUX

Agora, colectivos ecoloxistas e a Plataforma para a Defensa das Fragas do Eume, que agrupa moitos deles, denuncian que a Xunta segue "sen facer absolutamente nada" pola súa recuperación e denuncian o "desleixo" dunha Administración que por non facer non foi quen nin de aprobar o Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do parque natural, que leva máis dunha década agardando pola súa posta en marcha. De novo con máis medidas paliativas que de prevención, o espazo continúa a sufrir unha continua "eucaliptización" que aumenta o risco de incendios e provoca a propagación desta e doutras especies invasoras, mentres os propietarios dos terreos que se inclúen nesta zona protexida quéixanse de que o Goberrno non dá achegado posturas con eles, unha queixa que as entidades de conservación da natureza tamén levan anos facendo.

"Son dous anos máis de desprezo administrativo", di a plataforma, que coincide no seu balance con Mónica Arto, responsable de Verdegaia en Ferrolterra e representante dos colectivos ecoloxistas na xunta consultiva do Parque. No primeiro ano tras o incendio, fixéronse diversas actuacións para evitar arrastres e algunha pequena para a recuperación, pero aí quedou a cousa. "Non entramos a facer valoracións nin a poñer en cuestión os traballos feitos e que nos detallaron na última xunta consultiva de decembro, pero si cuestionamos que os medios e o persoal das Fragas, en xeral, seguen a ser insuficientes para as actuacións necesarias", explica.

A "eucaliptización" segue a ser un dos graves problemas das Fragas que a Xunta non dá abordado

A eucaliptización é un dos maiores problemas e riscos que afronta o Parque, unha eiva "xeralizada" por todo o país pero que neste espazo provocou que o eucalipto multiplicase por tres a súa superficie e o bosque autóctono perdese un 20% dela xa entre 1957 e 2003, segundo un estudo de Greenpeace, unha tendencia que segue a cumprirse. "Actuouse nalgún punto concreto para eliminar ese problema, pero só naqueles terreos que son propiedade da Xunta; no resto, non se actúa e tampouco temos un plan para controlar, minimizar ou reverter esta problemática", insiste Arto, que lembra tamén que a Administración "tampouco pon medios fóra dese plan para diversificar usos ou eliminar especies invasoras".

Ademais, legalmente permítense plantar eucaliptos onde xa os había, pero Mónica Arto denuncia que "tamén se abriron novas zonas de platnación" en áreas restrinxidas que provocou a eliminación de fraga, aínda que isto sempre foi negado polas autoridade do Parque. A responsable de Verdegaia insiste en que especies pirófitas como esta "favorecen os lumes e a súa propagación", pero advirte de que a principal eiva é "a falta de xesitón de espazos e de usos do monte". En definitiva, unha boa política de prevención que agora non existe.

"É algo estrutural, un problema de falta de boa xestión dos montes que, ademais, afecta especialmente a zonas protexidas, aínda que o caso das Fragas chame máis a atención por ser emblemático e por estar situado moi preto de zonas urbanas", engade Arto, que destaca que os principais investimentos realizados pola Xunta no parque natural desde o último incendio foron dedicados a paliar os danos ou a infraestruturas para o turismo, pero non á prevención.

O Goberno galego dedicou a maior parte do investimento desde o incendio a paliar os danos, pero case nada á prevención

"O principal é manter as condicións de diversidade do Parque, xestionalo ben e coidalo", insiste quen tamén critica a "enquistada" relación da Xunta cos veciños, case inexistente. Segundo Mónica Arto, non se lles proporciona a información que requiren nin se achegan os investimentos públicos que reclaman, nin dunha nin doutra administración. A Deputación, por exemplo, ten posto cartos públicos para sufragar un bus para os turistas, mentres os propietarios seguen a reclamar medios para manter o ecosistema e a multifuncionalidade do bosque. "Hai que facer un traballo de fondo para manter as características do espazo natural e cremos que se debe priorizar iso ao turismo". Porque, en definitiva, manter as especificidades do Parque Natural é tamén manter as visitas a un lugar que perde aos poucos a súa potencialidade.

As Fragas foron declaradas Parque Natural en 1997 e ten unha superficie de máis de 9.000 hectáreas, case 3.500 de fraga, unhas 400 de masa de auga e o resto de pastos, matos e cultivos. Aquel incendio, que comezou nas primeiras horas da tarde do 31 de marzo, espallouse por boa parte do corazón do espazo e ameazou un bosque con 2 especies de árbores, así como numerosas especies de vertebrados, aves e mamíferos singulares.

Masa forestal perdida nas Fragas do Eume CC-BY-SA Praza Pública
Mónica Arto, representante dos ecoloxistas na xunta consultiva das Fragas © Tingalaranga Audiovisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.