0 Gardados para despois

Educación gasta 2 millóns na xestión privada de cursos de idiomas para escolares

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O "plurilingüismo" foi un dos conceptos máis reiterados polo actual Goberno da Xunta. A potenciación das linguas estranxeiras serviu dende 2009 para apoiar argumentacións diversas do Goberno, algunhas apoiadas pola comunidade educativa, caso da extensión do ensino doutros idiomas, e outras amplamente rexeitadas, como a xustificación para derrogar o decreto de uso do galego no ensino. Foron precisamente as ensinanzas lingüísticas as que lle custaron ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, un dos primeiros conflitos da lexislatura, o das Escolas Oficiais de Idiomas, e tamén as que teñen suscitado abondosas críticas en sede parlamentaria. Segundo a oposición, non é posible apostar polo "plurilingüismo" mentres se recortan fondos para os docentes da escola pública. Plurilingüismo semella que é tamén o que persegue o contrato que Educación comezou a tramitar a finais de marzo, aínda que sen contar con ese profesorado da pública. Non en van, o departamento de Jesús Vázquez destinará dous millóns de euros a cursos de idiomas alleos aos currícula escolares ordinarios; moitos deles serán impartidos en centros públicos pero a súa xestión será integramente privada. 

Nomeadamente, a Consellería licitou un contrato para poñer en mans dunha ou varias empresas privadas un total de oito lotes de cursos aos que poderán acudir máis de 2.500 estudantes de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos. Deles, uns 2.000 recibirán a formación en centros propiedade da Xunta: en Ourense 300, en Vigo 430 e na Coruña 1.280. Nos tres casos, as empresas adxudicatarias disporán das instalacións dos Centros Residenciais Docentes desas tres cidades, dotados con cuartos, aulas, comedores, espazos de lecer ou recursos tecnolóxicos como material informático e wifi, así como de espazos en diferentes centros de ensino público. Neses espazos os alumnos terán "asistencia permanente plurilingüe" en "galego, castelán e inglés" e para iso contarán con "profesores nativos" e "monitores" que operarán nos espazos públicos pero que serán contratados por empresas privadas. 

As empresas adxudicatarias disporán de instalacións públicas en Vigo, Ourense e A Coruña

O custo total do contrato serán máis dos case dous millóns de euros que sairán directamente das arcas públicas. Nomeadamente, o orzamento de licitación -máximo que a Administración está disposta a pagar- é de 2,7 millóns de euros. O 71,49% do prezo, isto é, algo máis de 1,9 millóns de euros, serán achegados por Educación e o resto, o 18,51%, será abonado directamente "polas familias" dos estudantes, que realizarán o pagamento "directamente" á empresa adxudicataria dos cursos.

Xunto a estes cursos de dúas semanas en Galicia o contrato inclúe cinco lotes máis: catro inmersións lingüísticas de verán en Alemaña, Francia, Reino Unido e Canadá, de tres semanas cada unha, e unha integración escolar de catro semanas en Canadá. Como nas outras accións formativas, serán empresas privadas as que se encarguen dos cursos, se ben terán que financiar o desprazamento de inspectores de Educación aos centros nos que se celebren. Neste caso, en función dos cursos, o aloxamento dos estudantes realízase en familias ou residencias, todo xestionado pola compañía adxudicataria, que ademais terá que se encargar dos desprazamentos en avión dende aeroportos galegos ou "próximos" a Galicia.

 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.