0 Gardados para despois

Estudar na universidade, un 50% máis caro para 'calmar os mercados'

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A tesoira sae da farmacia e métese nas aulas universitarias. E todo polos célebres mercados. O Ministerio de Educación deu este xoves luz verde aos gobernos autonómicos para que o acceso á universidade poida ser unha nova vítima das estritas normas de control orzamentario. "Non se trata dunha reforma do tema universitario", senón de medidas para "facilitar que as comunidades autónomas cumpran co obxectivo de déficit", explicaba abertamente a secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio -o ministro, José Ignacio Wert, non compareceu ante a prensa-, antes de dar conta de que as autonomías poderán subir ata un 50% as taxas universitarias en primeira matrícula, un "máximo" de 540 euros por curso académico que se poderán incrementar notablemente se os estudantes se teñen que matricular en máis dunha ocasión de cada materia por tela suspendido.

O Goberno central admite que non se trata dunha "reforma do tema universitario", senón dunha vía para controlar o déficit

Cunha argumentación puramente económica Gomendio detalla que o "grao de intensidade" da suba só dependerá do "esforzo orzamentario" que as comunidades teñan que facer para cumprir co déficit, aínda que a súa proposta é pasar do actual sistema, no que os estudantes pagan do seu peto o 15% do "custo real" da matrícula, ata un 25%. Pero se para o alumnado de primeira convocatoria o acceso á universidade xa se complicará notablemente -terían que afrontar o pagamento de ata uns 1.500 euros por curso-, nas sucesivas matrículas a permanencia no sistema será notablemente máis complicado. Na segunda matrícula terán que abonar "entre o 30% e o 40% do custo real", na terceira "entre o 65% e o 75%" e na cuarta, "entre o 90% e o 100%. Polo tanto, un alumno que tivese que matricularse por cuarta vez nun curso enteiro podería chegar a pagar ata 6.000 euros. Segundo a secretaria de Estado, os universitarios "reciben unha bolsa da sociedade" para cursaren os seus estudos e por iso teñen que ter "rendemento". "Se non é así, terán que tentar eles de cubrir o custo adicional".

Pero, ademais desa simbólica "bolsa da sociedade", que pasará coas bolsas reais que permiten acceder ao ensino superior aos alumnos con menos recursos? "As bolsas son un dereito ao que os estudantes teñen dereito", constata a alto cargo, e para acceder a elas seguirá "sendo primeiro requisito a renda familiar". Pero a súa contía non subirá ao mesmo ritmo que as taxas. Como a pelota da suba queda no tellado das autonomías, a das axudas tamén, polo tanto de subir ou non as bolsas "vaise responsabilizar" cada comunidade.

A finalidade última deste novo recorte non é outro que lograr que as autonomías dediquen menos cartos á universidade e máis a sanear as súas contas e contribuír, no conxunto do Estado, a un recorte educativo de 3.000 millóns. Para isto a tesoira tamén sairá a pasear noutros ámbitos do ensino superior, como a carga horaria dos docentes que non realizan labor investigador, uns cambios que o Ministerio tamén deixa en mans das autonomías.

A postura da Xunta

A Xunta limítase a explicar que "ten a intención de analizar a fondo a proposta ministerial"

E, que acontecerá en Galicia? Polo momento, dende San Caetano chegan escasas certezas. Tras a xuntanza entre Goberno central e autonomías, á que o conselleiro galego, Jesús Vázquez, non puido asistir á causa da anulación do voo que o trasladaba a Madrid, a Consellería de Educación limitouse a explicar que "ten a intención de analizar a fondo a proposta ministerial". A proposta de suba de taxas, evidencia a Xunta, "modularase dentro das marxes de manobra establecidas", "en función das posibilidades e abanos existentes e buscando o consenso" coas tres universidades galegas.

Fronte a esta indefinición sobre o asunto central da Conferencia de Política Universitaria, o Goberno galego si se estende en maiores explicacións para asegurar que "xa adoptou" boa parte das medidas que agora propón o Ministerio e que "redundan nun maior control da execución orzamentaria e dunha maior transparencia". Segundo o departamento de Vázquez, o Estado acaba de dar todo "un espaldarazo á política que vén executando a Xunta" e que "habitualmente contou co consenso dos reitores", asegura. Nesta liña, e aínda que o Executivo central non ofreceu excesivos detalles sobre a cuestión, a Consellería sinala que, diante dunha posible eliminación das carreiras con escaso número de alumnos, Galicia "xa regulamentou o número de titulacións cun número mínimo" de estudantes en cada grao, isto é, 50 para os campus da Coruña, Santiago e Vigo e 45 para os demais.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"Os recortes están baseados en mentiras"

Tanto os Comités como a Liga Estudantil Galega anuncian xa mobilizacións contra o que consideran "unha agresión sen precedentes" ao ensino público e universitario. Adrián Dios, representante da Liga, asegura que se opoñen radicalmente aos recortes anunciados polo ministro Wert porque supoñen "maior desigualdade social e un intento de elitización e de redución da democracia". "O ensino debería ser un instrumento para igualar oportunidades, pero o que se fai é mercantilizar e desmantelar a educación pública", asegura. 

Para Daniel Candal, responsable nacional dos Comités, a suba das taxas non ten máis que un obxectivo, que non é outro que lograr "que os estudantes participen en maior porcentaxe no financiamento universitario". “Dada a situación actual de crise na que nos atopamos é inaceptable que teña que ser o estudantando o que cargue co financiamento dun servizo público que constitúe tamén un dereito, como é a educación universitaria”, indicou. "As subas son alarmantes", engade, ademais de solicitar aos gobernos das tres universidades galegas que "manteñan un posicionamento firme e contrario contra o conxunto de recortes provocados polo Estado e a Xunta". 

Tanto os Comités como a Liga anuncian próximas mobilizacións en contra da política de recortes do Goberno central na Universidade. Adrián Dios recorda ao Executivo o que ocorreu en Inglaterra logo de que o Goberno de Cameron anunciase tamén a suba das taxas universitarias. 

A posición dos PAS

Ademais, Antonio Pérez Casas, representante dos PAS da Universidade de Santiago, amosa a súa "total oposición á suba das taxas" porque "non é a forma de resolver a financiación da Universidade". Do mesmo xeito, asegura que os recortes anunciados polo Ministerio de Educación están "baseados en mentiras ou distorsións da realidade". "Non é certo que un estudante achegue o 15% na matrícula, senón moito máis, ata un 40%", explica, xa que aclara que o Goberno adoita dividir a taxa entre os orzamento, sen ter en conta outros custos.

Para Antonio Pérez, con estas políticas, o Executivo "está fomentando unha educación universitaria que nada ten que ver co concepto orixinal dela". "Nun momento como este, cun elevado paro xuvenil, a posibilidade de formación para todos os mozos é o mínimo que debes ofrecer", reclama. 

"É un ataque contra a educación pública"

Tanto o PSdeG como o BNG amosaron este xoves o seu rexeitamento aos recortes anunciados polo ministro de Educación, José Ignacio Wert, e que implicarán, entre outras cousas, a suba do prezo das matrículas para os estudantes universitarios. Xaquín Fernández Leiceaga, voceiro de Universidades do PSdeG, considera en declaracións a Praza que é unha medida “que non pensa no futuro, senón en recadar máis ou gastar menos” e advirte de que “aumentará a desigualdade social e a perda de oportunidades”. “Agora pagarase máis por unha educación que será de peor calidade”, asegura.

"Se non  hai rectificación, impulsaremos a mobilización do estudantado galego"

Pola súa banda, Galiza Nova, mocidades do BNG, oponse rotundamente á suba nas matrículas “por supoñer un ataque en toda regra contra a educación pública”, xa que “pretende facer recaer unha parte moi importante do custo dos estudos sobre os estudantes”. A secretaria xeral do colectivo, Iria Aboi, advirte que “de non haber unha rectificación”, Galiza Nova “impulsará mobilizacións do estudantado galego”. Ademais, recorda que esta nova medida do Executivo central supón unha invasión nas competencias -supostamente exclusivas- da Xunta de Galiza no ámbito educativo, restrinxindo a marxe de actuación da administración galega, co papel cómplice e sumiso do goberno Feijóo”.

Para o socialista Leiceaga, as medidas anunciadas por Wert “volven abrir o camiño da desigualdade social”, ao igual que as confirmadas antes en sanidade ou no plano laboral. “Cárgase a crise nos sectores sociais con menor renda, en lugar de apostar por unha reforma fiscal que aumente os impostos aos que máis teñen”.