Os reitores das tres universidades esixen a fin dos recortes

Intervención do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato © Universidade de Vigo

Os reitores das tres universidades galegas, ao igual que os dos centros universitarios de toda España, leron na mañá deste mércores un comunicado conxunto, redactado polo comité permanente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), no que esixiron o remate das políticas de recorte do gasto iniciadas en 2012, unhas "medidas excepcionais que afectan ao estudo, á actividade docente e á investigación" que, denuncian, son "especialmente dolorosas e dificilmente xustificables polo seu mínimo impacto económico”. 

O texto denuncia que as “medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo” previstas no RD 14/2012  modificaron a Lei Orgánica de Universidades, afectaron "a aspectos tan sensibles como os prezos públicos e a organización da actividade docente" e, posteriormente, "aos salarios, aos dereitos laborais e ás expectativas profesionais de todos os empregados públicos".

O texto lembra que os decretos sobre bolsas "cambiaron a súa natureza de dereito pola dunha axuda pola que se compite, con requisitos académicos endurecidos que sofren quen máis as necesitan"

O manifesto salienta que "o incremento dos prezos públicos dos graos e, moi por encima deles, o dos másteres, afecta ás posibilidades formativas dos nosos mozos nun momento especialmente negativo para o emprego". E lembra que os decretos sobre bolsas "cambiaron a súa natureza de dereito pola dunha axuda pola que se compite, con requisitos académicos endurecidos que sofren quen máis as necesitan". De igual xeito, engade que "as axudas Erasmus restrinxiron os seus criterios de concesión nos últimos dous anos".

Tamén sinala que "o acceso á profesión académica atópase pechado para eles, salvo os resquicios que deixan as insatisfactorias taxas de reposición. Estas cercenan as perspectivas dos profesores universitarios na súa carreira académica e minan a motivación para a mellora permanente en docencia e investigación". Os reitores explican que estas limitacións normativas "provocaron que os cadros de persoal docente, investigador e de administración e servizos enchéranse de figuras e prazas interinas e precarias, algunhas recorridas polo propio Goberno, que resultan inadecuadas para a función universitaria, docente, investigadora e de xestión".

"Ante as afirmacións dunha perspectiva de melloría económica en España", os reitores "pedimos a supresión das que vaian máis alá dun aforro racional e unha xestión eficiente e austera, no marco dos criterios orzamentarios que se fixen"

O comunicado amosa así mesmo a súa preocupación pola situación da investigación, na que os recortes tiveron "consecuencias irreparables para moitos grupos de investigación" e subliña que "este entendemento da I+D+i como un gasto e non como un investimento contrasta coa política dos países máis avanzados".

O comunicado lembra que as medidas de recorte, segundo o Real Decreto que as aprobou, "eran excepcionais e xustificáronse pola conxuntura económica do momento". Deste xeito e "ante as afirmacións dunha perspectiva de melloría económica en España", os reitores "pedimos a supresión das que vaian máis alá dun aforro racional e unha xestión eficiente e austera, no marco dos criterios orzamentarios que se fixen".

Intervención do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato © Universidade de Vigo
O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, le o comunicado © Universidade da Coruña
Juan Casares, reitor da USC, le o comunicado © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.