0 Gardados para despois

Feijóo pásalles aos reitores a pelota da suba das taxas: "decidan se poden subsistir"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A Xunta non quere facer soa a viaxe do recorte educativo. Cando só restan meses para as eleccións autonómicas o Goberno galego tenta amortecer o impacto dos recortes sociais do Executivo central na opinión pública e, no caso da suba das taxas, a aposta semella ser socializar o desgaste cos reitores das tres universidades do país pola vía do ultimato. As autonomías non están obrigadas a aplicar a suba de entre un 50% e un 66% das taxas universitarias e Alberto Núñez Feijóo non a ve con malos ollos, pero o presidente lánzalles a pelota ás tres institucións académicas, que navegan polo mar das estreiteces económicas dende hai anos. "A Xunta fará a súa proposta", di Feijóo, pero é a Juan Casares (Santiago), Xosé Luís Armesto (A Coruña) e Salustiano Mato (Vigo) a quen "lle corresponde decidir" se "necesitamos máis recursos para as universidades galegas ou non".

Das palabras do presidente despréndese que non haberá máis cartos do Goberno galego para o ensino superior

Esta semella ser a clave da negociación que a Consellería de Educación abrirá coas universidades. Das palabras do presidente despréndese que non haberá máis cartos do Goberno para o ensino superior, polo que lles presentará aos reitores a suba das taxas como única vía posible para seguir respirando. Eles, di, teñen que dilucidar se "poden seguir subsistindo sen necesidade de máis recursos", expresión que Feijóo emprega como sinónimo de "máis taxas". "Os reitores teñen que decidir", insiste. Se a resposta á posibilidade de "máis recursos", isto é, a "máis taxas" é que non "será a súa responsabilidade". Casares, Armesto e Mato deben ter en conta, segundo o xefe do Executivo, que "hai políticos que están sendo responsables", formulando "propostas que son difíciles". Esa dificultade será, en calquera caso, maior para os estudantes que teñen que matricularse nas materias universitarias en máis dunha ocasión. A eses alumnos Feijóo méteos no caixón dos "repetidores" e "recoméndalles" que "estuden sempre que poidan, porque senón, as matrículas vanlles ser máis caras".

Así formula o presidente un ultimato que, a priori, non atopa especial eco nas universidades. Entre este xoves e este venres os reitores constataron a evidente carencia de financiamento, pero non consideraron oportuno palialo buscando nos petos do alumnado e das súas familias. Neste sentido, o compostelán Juan Casares chamaba, nunha intervención radiofónica, a converter o ensino universitario nunha cuestión "de Estado", e se ben subliña que a substistencia económica da USC está xa "na liña de flotación", isto non pode ser escusa para atacar "o principio de cohesión social". Se hai máis taxas, as bolsas deben "garantir que todos os que gañaron o dereito de estar na universidade non se vexan limitados por falta de recursos públicos". Dende A Coruña e Vigo os seus máximos responsables prefiren agardar a coñecer a proposta concreta da Xunta antes de posicionarse, se ben tanto o equipo de Armesto como o de Mato teñen manifestado nas últimas semanas a súa oposición a un incremento de taxas que, ademais, cren, non soluciona o problema de sustentabilidade da universidade pública.

Wert traslada ás autonomías o impacto da suba nas bolsas

Feijóo sinalaba tras a xuntanza semanal do Consello da Xunta que o diálogo cos reitores comezaría unha vez coñecido "o alcance e contido" do Real Decreto Lei co que o Goberno central subirá as taxas. Apenas catro horas máis tarde, dende Madrid o ministro de Educación ratificaba o adiantado o xoves pola súa número dous. O Ministerio aplicará o incremento de entr un 50% e un 66% das taxas a través dun Real Decreto Lei que tamén afecta ao ensino primario e secundario, co xa anunciado incremento das ratios por aulas, entre outras medidas. Como fixera a Secretaria de Estado de Universidades, Wert esfórzase especialmente en transmitir que o que fai o seu departamento é "ampliar as marxes" para que sexan as autonomías as que cobren máis, aínda que ese posible "aforro" leva tamén implícita unha cuestión que non é menor: a das bolsas.

"As bolsas xerais" para o estudantado universitario corre a cargo do Estado, evidencia o ministro, e así seguirá sendo, manténdose os limiares económicos e académicos para acceder a elas. Pero a suba de taxas provocará que tamén "aumente a bolsa máis xeralizada, a que cobre o custo das matrículas". Esa non a pagará o Estado, senón que terá que ser "atendida polas comunidades autónomas", unha cuestión que, polo tanto, tamén estará sobre a mesa nas, a priori, difíciles conversas que abrirá a Xunta coas universidades galegas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O novo copagamento farmacéutico, "para pagar o Plan E" de Zapatero

Mentres en Madrid se celebraba o Consello de Ministros que ratificaba o Real Decreto Lei que reforma o copagamento farmacéutico o presidente da Xunta defendíao con énfase e con argumentos inéditos. Segundo o xefe do Goberno galego "todas as medidas" adoptadas polo Ministerio de Sanidade, tanto as referidas aos medicamentos como as demais aprobadas no Consello Interterritorial de Saúde son "unha crónica anunciada" e unha "solución responsable" que "equivalen ao 50% do gasto en parques, xardíns e beirarrúas" do Plan E, o proxecto que o Goberno socialista puxo en marcha como medida de "estímulo" económico. "Fixemos as mellores beirarrúas de Europa e agora necesitamos que activos e pensionistas paguemos, entre outras cousas, o Plan E do Goberno anterior", asegura.

Nun sentido semellante, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, aproveitaba a súa intervención no Forum Europa para defender o novo copagamento e subliñar que os pensionistas "só van achegar o 10% dos medicamentos" e que os que teñen "unha renda inferior a 22.000 euros -18.000, segundo o Goberno central- abonará un máximo de oito euros ao mes". "Grazas a estas medidas estamos blindando o Sistema Nacional de Saúde", asegura. Na mesma liña argumental, a ministra de Sanidade, Ana Mato, definía a medida non como "conxuntural", senón "estrutural", e serve para "garantir un sistema sanitario non śo para saír deste tempo de crise, senón para o futuro" a causa do incremento da expectativa de vida das persoas.