0 Gardados para despois

O risco dos residuos da enerxía eólica

Antonio Ruiz del ÁrbolAntonio Ruiz del Árbol | @adelarbol


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A alegalidade na que se atopan os residuos provocados pola enerxía eólica ameazan cun problema ecolóxico nos vindeiros anos. Galicia sería un dos territorios máis afectados por un problema derivado agora dos centos de aeroxeradores e das pas dos muíños de vento que pasados os dez anos comezan a deixar de ser útiles e teñen que ser cambiados. Os restos destas aspas confórmanse de diversos materiais, especialmente de fibra de vidro e de fibra de carbono e resinas, pero non se están a achegar solucións sobre o seu almacenamento seguro nin hai, polo momento, alternativas desenvolvidas abondo para o seu tratamento e reciclaxe.

Tan só o 10% dos residuos das aspas sen actividade están a ser tratadas no Estado; o resto permanecen en cemiterios alegais

O problema principal deriva do feito de que os aeroxeradores e as pas sexan residuos novos, xurdidos dunha actividade que non ten moito máis de vinte anos en Galicia e no Estado, polo que non existe unha regulamentación clara e estrita sobre como tratalos, como si ocorre noutros casos. Na actualidade, e segundo diversos estudos, tan só o 10% das aspas sen actividade no Estado están a ser tratadas. O resto permanecen nuns cen cemiterios ilegais -ou cando menos alegais- repartidos pola xeografía estatal. Pero a maioría deles atoparíanse en Galicia, segundo un informe elaborado pola empresa Reciclalia e ao que tivo acceso eldiario.es.

Esta compañía, xunto coa institución pública de investicación CSIC, traballa na forma de reciclar todos estes residuos. O propio CSIC vén de realizar un estudo tamén, desta vez en colaboración con Enreco2000, na que lle busca saíde a estes restos de fibras e resinas, tanto para recuperar e reutilizar unhas pcomo para transformar as outras en combustible e logo en electricidade. Pero a solución está lonxe de arranxarse se non se regulariza o almacenamento. Ademais, hai compoñentes tóxicos que, malia o proceso de trituración, non se chegan a desintegrar e que deberían "estar sometidos a unha vixilancia e en depósitos axeitados" para evitar calquera perigo.

O risco de incendio provocado polas resinas e os compoñentes tóxicos son os principais problemas das pas dos muíños de vento

Quen así o asegura é Félix Antonio López, coordinador deste último estudo, que destacou nunha entrevista a Radio Cerna que o principal problema destes residuos das aspas dos aeroxeradores é "o risco de incendio", xa que as resinas que se atopan nestes materiais que son triturados e logo soterrados poden producir combustión e a conseguinte contaminación ambiental.

Pero hai aínda maiores riscos que os almacenamentos ilegais e descontrolados. Segundo Reciclalia, as pas que son substituídas son moitas veces partidas en varios cachos e soterradas ao pé das torres onde prestaron os seus servizos, o que é especialmente grave. Ao estar situados os parques en lugares altos e ao acumularse resinas que poden chegar a ser canceríxenas, o arrastre da material co paso do tempo e coa chuvia pode contaminar zonas baixas.

Diversos estudos sitúan en 18.000 as toneladas de tratar no Estado e nunhas 2.000 as pas que precisan dun correcto tratamento

Segundo diversos cálculos, dentro de dez anos podería haber 225.000 toneladas de residuos de pas de aeroxeradores. Os datos dun estudo da empresa Eurofiber sitúa en 18.000 toneladas os materiais a tratar logo de ser rexeitados pola industria eólica, unha cifra que se aumentaría a 40.000 dentro dunha década.

Para o CSIC, serían 4.500 pas de aeroxeradores as que dentro duns poucos anos estarían pendentes de recibir unha xestión axeitada. Na actualidade, e coa dificultade que supón o cálculo, non serían menos de entre 1.500 e 2.000 as que neste momento precisan dun correcto tratamento que non teñen.

Galicia conta con máis do 20% dos aeroxeradores de España e, polo tanto, con moitos residuos, ademais de coa maioría dos almacenamentos irregulares

Reciclalia, que cruza os datos do Centro Nacional de Energías Renovables (Cener), o Centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas (Ciemat) e Red Eléctrica de España (REE), cre que até o de agora puideron ter sido substituídas unhas 20.000 pas en todo o Estado por diferentes motivos, pero menos do 10% recibiron tratamento en forma de trituración e reciclaxe. O resto, atópanse neses cemiterios alegais. Tendo en conta que Galicia conta con máis do 20% dos aeroxeradores de toda España, a situación é preocupante.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.