0 Gardados para despois

Un congreso afondará en Santiago nas posibilidades do software libre para o ensino

Redacción | @prazapublica

A tecnoloxía está cada vez máis ao alcance de todos e todas, e moito máis a que emprega licenzas libres. Nos últimos anos o software libre foi gañan peso no ensino, ofrecendo novas ferramentas de aprendizaxe e de traballo. O vindeiro 1 e 2 de xullo Compostela acollerá, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, o terceiro Congreso de Software Libre para a Educación, organizado pola plataforma Igaciencia, unha iniciativa colectiva para a divulgación da ciencia galega e para afianzar o galego na ciencia.

O Congreso busca, máis aínda que nas edicións anteriores, fomentar a participación directa do profesorado galego, para comentar de primeira man as súas experiencias tecnolóxico-docentes, achegando deste tipo a todos os participantes a tecnoloxía electrónica ao alcance de todas e todos. Búscase, así mesmo, dar a ocasión de coñecer innovacións educativas e difundir distintas liñas para a aprendizaxe e ensinanza das distintas materias da educación. De igual xeito, quérese alentar a formación de grupos de traballo de interesados nestes temas en toda Galicia.

O Congreso busca, máis aínda que nas edicións anteriores, fomentar a participación directa do profesorado galego, para comentar de primeira man as súas experiencias tecnolóxico-docentes

Na web do Congreso, ademais de estar aberta xa a posibilidade de inscribirse, pódese consultar o programa provisional das xornadas e tamén os relatorios que se presentará e debaterán. Hai 200 prazas (con prioridade para o profesorado) e a inscrición é de balde, aínda que para acceder ao diploma acreditativo da actividade hai que pagar 30 euros.

Entre os relatorios que xa están confirmados, atopamos por exemplo un Obradoiro sobre a nova versión de eXeLearning, unha ferramenta para a creación de contidos deseñada especialmente para docentes que permite a publicación de contidos na web sen ter coñecementos de linguaxe HTML. Tamén un Obradoiro de Audacity, un Curso de Estatística con RCommander, ou un Obradoiro de Arduino, un hardware libre que permite que calquera persoa (aínda profano en electrónica e na programación) poida facer circuítos electrónicos.

De igual xeito, haberá tempo para coñecer e afondar en Processing, unha linguaxe de programación para artistas, e Op Art, un campo da arte moderna baseado en  pinturas vibrantes opticamente que se dedican a impactar activamente nas sensacións e percepcións do espectador. Tamén haberá unha mesa redonda sobre Publicación Dixital, un Obradoiro de creación de videoxogos educativos en HTML5, ou sobre Aplicacións didácticas de Youtube. E, igualmente, a presentación de Experiencias TIC para Artes Plásticas e audiovisuais, ou sobre o Uso de Software Libre na Rede Museística Provincial de Lugo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.